Se tes palabra, súmate á festa

Os centros de ensino da Estrada reúnense nunha nova edición da Festa das Palabras coa que promover o uso do galego

Se tes palabra, súmate á festa

Se tes palabra, súmate á festa / Ana Cela

Ana Cela

Ana Cela

O Teatro Principal da Estrada encheuse onte de palabras. E non de palabras baleiras, senón de verbas enchidas de contido, de significado, de amor pola lingua que as expresa. E non hai mellor orgullo para unha lingua que saber que ten falantes novos, que se animan entre eles a coidar o idioma que tiveron a sorte de chamar propio. Dende hai máis dunha década A Estrada acolle, unha vez ao ano, unha festa sinxela, pero ateigada de simbolismo. Hai música -por suposto, é unha festa-, hai festeiros, pero sobre todo hai gañas e motivos abondo para celebrar. A Festa das Palabras é un acto sinxelo, pero abofé que non é pequeno. É enorme, como grande foi tamén o sentimento daqueles que subiron ao escenario para amosar as súas verbas, esas palabras que os fan merecentes de figurar na ampla nómina de premiados do concurso Dinamizaestrada de micropoemas e microrrelatos, deseñado polos equipos de Dinamización da Lingua Galega nos centros de ensino da Estrada.

Os premiados subiron para ler e recoller os seu recoñecemento no certame de microrrelatos e micropoemas.   | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Se tes palabra, súmate á festa

Desta volta a Festa das Palabras contou cun padriño que calquera querería para si, o apreciado profesor e escritor Carlos Loureiro Rodríguez, que acompañou aos pequenos novos creadores estradenses, que este ano tiveron que empregar a palabra “música” para crear os seus relatos e “silencio”, para os poemas, ambas escollidas nos títulos de obras de Luísa Villalta, a homenaxeada deste ano co Día das Letras Galegas. Do máis dun milleiro de obras realizadas polo alumnado, á fase final chega unha escolla dunhas 200 pezas, entre as que resultaron distinguidas as 62 feitas por estudantes de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos, correndo por conta da Educación Infantil as 14 ilustracións. Todos eles recibiron un libro conmemorativo no que se recollen todas as pezas gañadoras, acompañado do limiar a conta do padriño da festa. A portada, a cargo de Rosa de Cabanas.

Entre as distintas seccións da entrega de premios, a música foi fío condutor. Chegou da man da estradense Lucía Azurmendi, “a voz da Estrada”, acompañada polo seu grupo.