Cambios no goberno da Estrada | O novo rexedor

“Pesa a responsabilidade e pesa a comparación. Teño que facer o meu estilo”

“Eu contaba que o candidato de 2027 ía ser José López Campos. Creo que sería alcalde ata que el quixera”

“As comparacións son as que son, e non me comparan co José que entrou, que sería o normal”

Gonzalo Louzao, no 
balcón da Alcaldía. |   
// BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Gonzalo Louzao, no balcón da Alcaldía. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN / Ana Cela

Ana Cela

Ana Cela

San Xurxo cambiou de despacho. Chegou hai cinco anos a un dos andeis da oficina do edil de Urbanismo e, no mesmo momento en que Gonzalo Louzao Dono fixo á mudanza para o cuarto dende que o se goberna o Concello da Estrada, a imaxe marchou con el. É o único cambio na sala, coa excepción de que na cadeira de mando senta agora un alcalde novo, orgulloso veciño dunha parroquia da Estrada que foi sede do concello estradense e na que San Xurxo é afamado patrón. Gonzalo promete un goberno que traballe para sacar brillo á “xoia” do rural, aínda que sen esquecer a transformación emprendida no casco urbano...

–Case un mes no sillón dende o que se goberna A Estrada. Só tivo que mudarse dende o despacho do lado, aínda que o cambio é grande. Como o leva?

–Cada semana que pasa bastante mellor. É moi distinto ser concelleiro que ser alcalde. Foi todo bastante repentino, no era algo co que eu contara e levoume o meu asentarme. Certo é que se es unha persoa cunha ambición grande ou con pouco sentido da responsabilidade veslle a parte positiva (ímoslle chamar así), pero a min pesábame a parte da responsabilidade. Así que cada vez mellor. É mérito tamén dos compañeiros de goberno e tamén dos funcionarios, que arrimaron o ombreiro como o que máis. Somos todos un equipo nese sentido. Creo que se alegraron tamén do meu perfil como xefe da casa. Foi un mes moi bo no que ten que ver coa sintonía. Despois, para min a receita e ir collendo velocidade de cruceiro normal, tema a tema. Aínda que se necesitan eses 100 días para ter un dominio das materias, eu tiña a vantaxe de que as materias complexas do concello xa as tiña de man. Nese caso non teño unha aprendizaxe grande nese capítulo, pero si noutras moitas cousas que son de xestión. Pouco a pouco.

–Que esperaba da Alcaldía cando estaba xusto ao outro lado desta parede e que foi o que sorprendeu?

–Eu creo que, como non o que pensara, non tiña un concepto de que esperar. Tampouco te imaxinas moi ben o que é ata que te vas dando conta das necesidades do día a día, polo que vai aparecendo. Como sorpresa, un pouco o cambio, a responsabilidade e, sobre todo, a exposición. Ese é o máis grande. Eu como concelleiro tiña unha máxima que era que o que puidera solucionar eu non llo pasaba ao alcalde, para ser un elemento solucionador de problemas. Entón estaba acostumado a ser permeable, accesible e humilde, que penso que son as receitas coas que hai que seguir como alcalde ou coma calquera representante público. O cambio é a responsabilidade, que hai que saber xestionala psicoloxicamente para que non te coma.

–Dixo dende o comezo que era o primeiro sorprendido co cambio de despachos

–Si, o primeiro. A xente de a pé di que as quinielas apostaban por aí, pero eu non contaba. Iso doume despois un pouco de traballo para asumir o cambio.

"Van ter un alcalde que vai patear o rural bastante antes das municipais"

–Agardaba, pola contra, seren o candidato do Partido Popular para as municipais de 2027, na medida en que todo apuntaba a que se estaba preparando un sucesor con todo o peso que se puxo sobre as súas costas?

–Eu contaba que o candidato de 2027 ía ser José López Campos. Contaba que ía ser el e creo que sería alcalde ata que el quixera. Nós e o pobo o iamos apoiar ata que el quixera. Era un perfil de alcalde. Tenme falado da mochila que vas collendo, que cada vez é máis pesada, ese desgaste. Pero eu dicíalle a el que tiña a sensación de que el igual entrou coa mochila máis pesada do que a deixou. Sendo consciente dese perfil, outro dos meus traballos é facer o meu estilo. Porque si que é certo que as comparacións son as que son e non van compararte co José que entrou –que sería o normal para comparar co Gonzalo que entrou– senón que van comparar co José que eu describo, que cada vez ía soltando máis lastre da mochila e tiña unha mochila, ou baleira, ou con moi pouco peso. Foi mellorando moito, moito, o seu perfil político co paso do tempo –o persoal xa o tiña- e agora tiñamos un gran alcalde que, ata era o slogan da campaña e, cando non lle rechista a ninguén, é porque todo o mundo o cría. Así que pesa a responsabilidade e a comparación. Ata pola altura, que cada vez que vou a algún sitio xa me din que saben cal é a receita para ser alcalde da Estrada (risas).

“Pesa a responsabilidade e pesa a comparación. Teño que facer o meu estilo”

“Pesa a responsabilidade e pesa a comparación. Teño que facer o meu estilo” / Ana Cela

–Lidera un equipo que, aínda que sempre se dixo que estaba ben coordinado e engraxado, non deixa de ser o equipo de José López. É fácil traballar con esta herdanza?

–As herdanzas son complexas. José tamén me dixo, a pesar de ser un bo líder, que el herdou o equipo de Miguel de la Calle e asumía que non era o seu, por iso o cambiou totalmente. No meu caso é unha cousa distinta. O equipo que escolleu el eu penso que foi buscando uns perfís de xente que ten unha xenerosidade grande por traballar en equipo e ser compañeiros, que sabe cada uno o lugar que ten que ocupar... O que nos din do partido noutros lados ou o que vemos é que é moi difícil de atopar e na maioría dos sitios priman ambicións ou egos. Aquí prima a xenerosidade de cada un en favor do equipo e nótase moito. Con iso é moi fácil traballar. Ata están sorprendidos no partido cunha transición que se fixo rápida e ordenada. Aquí imos darlle un marxe para facer unha avaliación, pero no que é a parte fundamental que é o cambio de líder, non foi nada traumático.

–Dixo que ou seu sería un goberno máis coral e tamén más rural. Explíqueme.

–Fixemos un reparto de concelleiros no que eu quedaba con Medio Rural, con varios concelleiros que me van axudar con esta atención. Quero ter unha estrutura, xunto cos alcaldes de barrio, moi detallada e próxima ao rural. Gustaríame que fora un goberno que teña capacidade de xestión desas pequenas cousas e outros proxectos meirandes que podamos impulsar no rural porque moitas veces dicimos que A Estrada ten 51 parroquias e 470 lugares e o tesouro está aí. O casco urbano é recente. O gran tesouro da Estrada a nivel potencial de turismo e territorio, está no noso rural. Ademais, a xente do rural é tremendamente agradecida –non digo que a do casco urbano non o sexa–, pero si que pide moi pouco para as cousas que necesitan. Tentaremos que, dalgunha maneira, a vida no rural sexa o máis parecida en comodidade ao casco urbano e, ao mesmo tempo, que a falta de servizos non sexa a escusa para a xente marche do rural. Somos conscientes de que non se da chegado a todos lados e que hai zonas de sombra porque os recursos son limitados.

"Non quero ser un alcalde de despacho senón un que vaia ver as cousas que lle comentan"

–Sempre se di que,por extensión e peso demográfico, o rural da Estrada esixe esforzo pero tamén é onde se gañan ou se perden as eleccións.

–Si que é certo que cando veñen as campañas electorais os políticos de tódalas cores se dedican a patear o rural que non patearon nos catro anos anteriores. Igual por iso se leva a fama de que é o que pon ou quita alcaldes. Pero é certo que van ter un alcalde que vai patear o rural bastante antes das municipais. De feito, o meu perfil é o de coñecer as cousas, de saír da Alcaldía xa que estou a tempo completo e centrado exclusivamente no Concello da Estrada, dado que non teño responsabilidades noutras entidades. Non quero ser un alcalde de despacho senón un alcalde que vaia ver as cousas que lle comentan. Terei un ou dos días de visitas para ver as cousas porque penso que iso fai que teñas unha perspectiva moi boa dos problemas da xente e un coñecemento moi grande do medio. Se non tes un diagnóstico do problema real, tampouco tes clara a solución.

–Cales diría que son as pedras angulares?

–Eu penso que polígono industrial, que estiveron os técnicos de Xestur aquí para darnos unha visión a pé de campo da redacción do proxecto e vou ter unha reunión coa xerente para preguntarlle polos prazos de execución. Un polígono industrial de solo público é unha gran caixa de oportunidades para os veciños e para os futuros estradenses. Está en camiño unha autovía que vai acabar a pé de polígono e que é real, porque hai unha etapa que está en execución e a seguinte está en fase de tramitación. Non me cabe dúbida de que, co compromiso do presidente, co peso político que ten A Estrada e con José dende a Xunta, a segunda parte vai chegar en inmediata continuidade coa primeira. A arteria que nos vai traer o futuro á Estrada é a autovía. Despois temos que ter a suficiente altura de miras para captar empresas, aproveitando esa situación estratéxica da Estrada, ser competitivos e entrar aí, que non se entrou en moitos anos. Con isto chega o traballo. Dáme moita mágoa que a xente que non o escolle teña que marchar de aquí para traballar.

“Pesa a responsabilidade e pesa a comparación. Teño que facer o meu estilo”

“Pesa a responsabilidade e pesa a comparación. Teño que facer o meu estilo” / Ana Cela

–Creou tamén unha carteira específica de vivenda...

–Si, outro dos capítulos importantes é a vivenda. Neste capítulo nos xoga unha mala pasada a todos os concellos que subiran tanto os materiais porque iso fai que subiran os cutes de produción. As grandes promocións de vivenda, sen falar da pública, vemos que se están centrando nas grandes cidades porque é onde máis fácil teñen a venta e son os mesmos costes de produción. Nós temos que xogar dende o concello coa posta a disposición dos terreos e creación de vivenda pública protexida, que hai bastantes anos que non se crea. Vai ser das primeiras visitas que quero facer á Xunta. Eu téñoo claro. Queremos poñer gratuitamente os terreos a disposición na urbanización do Mercadona, que xa está para ceder a día de hoxe, e entregarllos ao IGVS para o desenvolvemento desas parcelas. É do primeiro que lle quero trasladar á consellería, é das prioridades deste goberno.

Imos pedir xa á Xunta vivenda protexida cerca do Mercadona

–Aínda dicindo que o seu vai ser un goberno de perfil máis rural, asumindo que foi edil de Urbanismo nos últimos cinco anos, cabe agardar que continúe afianzando a transformación urbana que se se veu materializando nos últimos anos.

–Si. A Estrada fixo os deberes para estar preparados para a nova convocatoria dos fondos europeos. Este é o ano da arrancada e, por tanto, moi creativo. As grandes liñas están na Axenda Urbana e o que e me ten a min ilusionado deste período e que imos poder deseñar á Estrada do 2030, tanto no casco urbano como con posibilidades de transformación no rural. Temos en mente proxectos inmediatos, con busca de financiación para esa gran zona verde, ese anel que ía no noso programa electoral, continuar cara unha Praza de Galicia peonil... Chegados aquí, a nosa idea é continuar coa humanización por Peregrina e Avenida de América. Quedaron tamén outras vías por culminar: o tramo de Don Nicolás, unha actuación en Justo Martínez, a Rúa San Antón, un tramo da Rúa Ponteareas...Son prioridades que están bastante avanzadas. Temos tamén, urbanisticamente falando, o desenvolvemento da Avenida de América, que será unha grande transformación por creación de solo e novos espazos. Se ata o de agora nos centramos na zona más próxima ao concello, agora hai que centrar máis o esforzo na periferia desta gran zona central para continuar a transformación urbana.

–Inclúe nas previsións ese segundo pulmón da Carballeira de Melania.

–Xusto. Tamén axudará á transformación e é un ámbito moi valorado por toda a cidadanía, tanto pola creación de novas prazas de estacionamento como pola creación dun parque real para esparcemento e zona verde. Foi unha gran idea do meu antecesor e vou continuar. Polo tanto, cando digo que imos ser un goberno rural, no quero dicir que non vaiamos facer cousas no casco urbano. Temos moitísimas ideas que xa están encamiñadas e que imos continuar, á espera desa transformación na que han afondar os fondos europeos. Queremos un casco urbano máis verde, máis para o peón, sen haber máis cortes de vías.

"Estou preocupado cos eólicos. Custe o que custe, imos pelexar"

–Turismo. Dixo hai un momento que o tesouro está no rural...

–Si. O brillante da Estrada está no noso rural. Imos tentar deseñar unha imaxe da Estrada que sexa atractiva, que dea sinerxías ao casco urbano, ese nó que nos une a todos. Temos que facer estratexia de pór en valor o que hai no noso rural e convertelo nun polo de atracción turística. Estas 51 parroquias teñen moita historia, moito patrimonio e moitos recursos naturais, tan dispares dende a zona sur coa Rapa das Bestas -que é unha xoia moi brillante- ata os sectores que están nacendo como os lagares da sidra, como a zona do río, pasando por calquera elemento patrimonial, civil ou relixioso. Temos que deseñar unha estratexia que os una a todos e que poidamos vender en toda Galicia e en toda España

–E en materia de recursos turísticos e patrimonio, hai varios parques eólicos que non semellan ter intención de amosar consideración para xoias tan estradenses e internacionais como a Rapa das Bestas, sen ir máis lonxe...

Eu estou moi preocupado co tema dos eólicos. Tiven unha reunión co avogado que nos leva o tema polo da zona de Vea e tamén por Sabucedo. Custe o que custe imos defender aos veciños. É unha situación complicada, que non sabemos como vai acabar, pero o que si sabemos é que imos pelexar. Xa falei co colectivo de Vea e tamén con Rapa das Bestas. Quero que nos coordinemos todos e que afrontemos esta situación, que nos ten preocupados a todos os concellos afectados de calquera cor política, polo xeito en que está entrando, pola virulencia dos parques que se están presentando, pola afección e proximidade ás vivendas e ás nosas tradicións.

"Non quero máis discusións"

–É certo que herdou moitos proxectos para facer rodar pero, polo momento no que se produciu esta transición, tamén herda algunha “pataca quente”. A situación económica do Concello non é, por múltiples cuestións, a mellor dos últimos anos, con pagos que están pendentes, entre eles os vencellados á RPT

–Si, creo que aí identificaches ben os marróns, digamos. Aí teño a sorte de ter un concelleiro de Facenda que leva moitos anos e que é marabilloso en xestión. A min tocoume unha situación, non por mala xestión, senón sobrevida por traballar, precisamente, con fondos europeos. Son subvencións que non son inmediatas. Eu o que fixen o primeiro día, sendo consciente desta situación, é poñerme en contacto coa directora do IDAE para explicar con datos concretos o problema que se nos está xerando e pedirlle axilizar o máximo posible a situación. Chamamos outra vez e púxose, estudou o noso expediente e dixo que nos daría unha contestación no mes de xuño. É un impago de preto de 8 millóns de euros o que temos pendente.

Esperemos ter un horizonte de cando se vai producir o pago e confiemos en poder elaborar os próximos orzamentos do ano que vén cunha situación económica distinta. Polo tanto, certo que non é a mellor arrancada para un perfil político, pero igual hai que velo como o aprendizaxe sobre a xestión. Toca este ano conter os gastos e explicarlle á xente a situación. Respecto aos atrasos da RPT, terei unha reunión con cada sindicato. A miña vontade é afrontar o pago. Explicareino en mesa de negociación e na reunión cos sindicatos. É outra das cousas que eu quero coidar e é un capítulo que eu quero abordar máis pronto que tarde.

Temos que ver a cifra real do que son os atrasos, canto se debe, e a partir de aí, agardo ter a xenerosidade de todos porque, claro, coa situación do Concello, non vai ser un pago inmediato de todo. Temos que facer un plan de pagos, viable e que se poida cumprir. Quero ser serio e que estamos todos no mesmo equipo. Non quero máis discusións: hai que afrontar o pago sen que xere unha situación de inestabilidade económica no concello.

Suscríbete para seguir leyendo