Teatro, concertos, baile e música tradicional centran a oferta cultural de maio en Silleda

Contempla propostas xa consolidadas como Dezarte, a Ruada de Parada ou o festival infantil de Xirandola | Haberá varias actividades vinculadas ao Día das Letras Galegas

Una edición anterior da Ruada de Parada, no lavadoiro de Barro.

Una edición anterior da Ruada de Parada, no lavadoiro de Barro. / BERNABE/JAVIER LALIN

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

A programación cultural de Silleda volve ofrecer en maio actividades para todos os públicos tanto no ámbito musical como na arte, na literatura, no teatro ou no baile tradicional.

Así, o calendario arranca hoxe coa cuarta Festa da Carne de Vacún á Brasa en Moalde, a partir das 14.00 horas, no campo da festa. A cita está organizada pola asociación de veciños Vagalume. O domingo 5, no auditorio da Semana Verde, ás 17.00 horas, comeza o espectáculo interactivo La vaca Lola y sus amigos, ideal para toda a familia. Xa na vindeira semana, o sábado 11 está programada a ruta ecuestre de Laro, que organiza Cabaleiros de Regadío. Ese mesmo día a asociación cultural Xirandola celebra o seu Festival Infantil de Baile e Música Tradicional. Será no auditorio Manuel Dopazo a partir das 18.30 horas e terá como invitado ao grupo madrileño Raíces. O domingo 12, sae da praza Siñor Afranio ás 10.00 horas a camiñata Flores e letras, da man da asociación SIC Iniciativas Culturais.

Pepa a Loba con Cogami

O luns 13 volve á comarca dezá a mostra de artes plásticas Dezarte, que terá lugar no centro cultural Vista Alegre, na Bandeira. Esta entidade celebra a súa Semana Cultural ata o xoves 16, con actividades como a estrea literaria de Juan Liñares (o martes 14) e a presentación de Os Balbinos visitan Silleda, de Xoán Carlos García Porral con ilustracións de Gabriel Iglesias Sanmartín. Será o día 16. Tamén na primera metade do mes de maio, o martes 14 A Cova das Letras vai representar no auditorio Manuel Dopazo Procúrase Pepa a Loba, unha actividade que coordina o CDR Cogami de Medelo.

O 17 de maio, festivo por ser o Día das Letras Galegas, o Concello celebra a xornada coa entrega de premios (ás 13.00 horas) do concurso de vídeos Presume de lingua. Pola tarde, o mosteiro de Carboeiro será o escenario do concerto Voces de Carboeiro, que organiza o Coro Vales Mahía e que contará con varias formacións convidadas.

O luns 20 está programado na biblioteca municipal un acto centrado en Luisa Villalta, a escritora á que este ano se lle rende homenaxe polo Día das Letras Galegas. O programa Ler conta moito propón a narración oral Luisa Villalta e o violino, destinada á cativada. Ao longo dos próximos días o Concello dará a coñecer outras actividades relacionadas con esta escritora falecida hai 20 anos.

María Berasarte cantará coa Coral Trasdeza

A música coral ten unha segunda cita en Trasdeza: será o 25, con motivo de Tardes de primavera, da man da Coral Polifónica Trasdeza. A artista convidada será María Berasarte, con raíces no municipio. Ese mesmo día a parroquia de Parada celebra a súa tradicional Ruada, a partir das 18.00 horas. Esta festa popular percorre todos os lavadoiros da feligresía con música, cantos e baile. A asociación de veciños é a creadora desta iniciativa.

Xa na recta final do mes, o domingo 26 o auditorio da Bandeira acolle a representación da peza teatral Smoke on the water, da compañía Ibuprofeno Teatro. É unha traxicomedia musical na que ten moita importancia o rock and roll, recibiu o premio Varela Buxán en 2013 e que está protagonizada por Josito Porto, Belén Constenla, Adrián Ríos, María Costas e Mon Orencio. A función comeza ás 19.30 horas e as entradas custan 10 euros; poñeranse á venta nos vindeiros días. A concelleira de Cultura, Mónica González Conde, convida a toda a veciñanza a participar nestas actividades e apunta que haberá tamén propostas de carácter deportivo. Quere, ademais, agradecer o traballo dos colectivos e asociacións cos que o executivo local colabora para a posta en marcha de todas estas propostas.