Erea Rey esixe un calendario coas datas de limpeza e desbroces de camiños municipais

É un dos puntos do acordo polo que o BNG apoiara os salarios do goberno

Un parque infantil de Silleda, sen desbrozar.

Un parque infantil de Silleda, sen desbrozar. / REDACCIÓN

REDACCIÓN

Os dous edís do BNG de Silleda, Erea Rey e Xerardo Díaz Casal, rexistraron unha instancia para que o goberno local publique un calendario detallado da previsión de roza e limpeza de camiños municipais. Lémbranlle ao PSOE o contido do acordo público asinado co Bloque para aprobar os salarios do equipo de goberno, no que os socialistas se comprometían neste mandato a reforzar o servizo de limpeza e roza das cunetas dos camiños municipais “facendo dous pases ao ano no periodo comprendido entre primavera e outono”, lembra a portavoz, Erea Rey.

Xa pasou un mes de primavera “e non sabemos nada dos plans do goberno, máis alá de que acaba de subcontratar o servizo, consistente nun único pase nalgunhas parroquias”, engade a concelleira, que xa adianta que coa chegada do bo tempo a herba volverá medrar e algúns camiños presentarán de novo problemas de visibilidade “coa conseguinte inseguridade para peóns, conductores e ciclistas”. Para Rey, se o goberno quere cumplir o acordo que tiña co BNG e facer dous pases polas 33 parroquias, “debe comezar xa cos traballos ou polo menos ter algo planificado”.

O BNG admite que nas últimas semanas xa se fixeron algúns desbroces puntuais, pero entende que estes se deben a peticións individuais de determinados veciños. Cre que a conservación dos espazos verdes públicos debería ser moito mellor, sobre todo no rural, e incide na “falta de interese e mala xestión do goberno municipal neste asunto”.