Lalín lembra ao pioneiro das artes escénicas galegas

Daniel González Alén e Xosé Luna participan na xornada adicada a Manuel Daniel Varela Buxán polo Seminario de Estudos de Deza

Un momento da xornada adicada a Varela Buxán no museo de Lalín.

Un momento da xornada adicada a Varela Buxán no museo de Lalín. / Bernabé/Javier Lalín

O Museo Municipal Ramón Aller de Lalín acolleu onte a xornada conmemorativa do Seminario de Estudos de Deza (SED) ao considerado por moitos como o precursor do teatro galego. O estradense Daniel Varela Buxán é Fillo Adoptivo de Lalín –residiu en Cercio os últimos 27 anos da súa vida–, e foi pregoeiro da XXII Feira do Cocido, entre outros méritos. A súa figura centrou as intervencións do escritor e editor estradense Xosé Luna e do cronista oficial de Lalín, Daniel González Alén. O abondoso público que se achegou ao museo poido coñecer algúns aspectos curiosos da vida do autor de “Se o sei... non volvo á casa”.

Mención especial merece o apartado audiovisual proposto por González Alén con tres pezas de valor relevante. O cronista lalinense aproveitou a súa intevención para estrear un documental duns 20 minutos de duración e recentemente dixitalizado que está dividido en tres partes diferenciadas. Na primera delas púdose ver a Varela Buxán na compaña de Tío Xanete e o ourensán Fernando Iglesias, máis coñecido como Tacholas, outro galego ilustre das artes escénicas. Nesta fracción da peza que ten unha duración de 3 minutos con os tres en lugares como Carboeiro, a Fervenza da Toxa ou Ansemil. A segunda fracción do documental corresponde aos actos de inauguración do teleclube de Cercio, nos anos 80, que incluiron unha homenaxe ao dramaturgo cunha duración de 16 minutos. E, por último, o audiovisual remata cunha lembraza de 6 minutos proxectada no 1996 no centro social de Cercio.

A derradeira peza do documental que onte estreou González Alén ten a peculiaridade de contar cunha actuación de Maruxa Villanueva, exmuller de Varela Buxán e persoa fundamental na vida do dramaturgo. Nas imaxes presentadas onte no museo de Lalín pódese comprobar a calidade artística de Villanueva, unha muller á que Varela convidouna a cantar na estrea da súa primeira obra no Teatro Maravillas de Bos Aires, moi frecuentado pola colectividade galega. Era o ano de 1938 e así botaba a andar a Compañía de Teatro Aires da Terra, na que tamén participaba Tacholas. Como lembrou onte o cronista oficial de Lalín, dese primeiro contacto derivou unha relación profesional cada vez máis intensa, ata o punto de que Varela Buxán convenceu a Maruxa para formar unha compañía estable que levase o seu nome (Compañía Gallega de Comedias Marujita Villanueva). Esta compañía puxo en escena, ademais de “Os Vellos non deben namorarse” de Castelao (1941), a práctica totalidade da produción dramática do autor da Estrada. Algunhas destas pezas, con Maruxa como primeira actriz, chegaron a ser representadas en máis de cen ocasións en teatros de Bos Aires e Montevideo, onde precisamente Maruxa Villanueva casou con Varela Buxán en 1941. Ao remate da proxección González Alén ofreceu unha conferencia nomeada “Varela Buxán en Lalín” coa que fixo unha viaxe emocional pola presenza do autor na capital dezá.

Fitos

Pola súa banda, Xosé Luna centrouse en tres fitos cruciais na vida e na obra de Varela Buxán: o feito de ser o autor máis representado do teatro galego, o creador da compañía de Maruxa Villanueva e a estrea por vez primeira de “Os Vellos non deben namorarse”. O membro do SED ten escrito libros e artigos adicados a Varela Buxán que onte recuperou para facer un retrato do seu veciño. Luna repasou a vida de Varela Buxán dende o seu nacemento o 2 de marzo de 1909 no lugar de Sanlouzáns, na parroquia estradense de San Verísimo de Lamas.

Na charla quedou patente que os estudos primarios na anovadora “Unión de Rubín”, unha escola mixta, construída grazas á axuda dos indianos, onde estaban todos os adiantos pedagóxicos da época, deixou unha fonda pegada en Varla Buxán. As clases na “Unión de Rubín” marcaron o devenir dun home que con vinte anos cumpridos embarca cun seu irmán máis novo, no peirao de Vilagarcía rumbo á Arxentina onde viviu a grande explosión do teatro galego. Xosé Luna lembrou que Varela Buxán enchía as súas funcións en teatros de avogengo como o Mayo ou o Maravillas pero que a verdadeira posta en valor do seu traballo chegoulle da man do seu amigo Castelao, permitindo a estrea de “Os Vellos non deben namorarse”.

As dúas charlas sobre o autor teatral da exaltación dos valores labregos foron seguidas con moita atención polo público presente.

Suscríbete para seguir leyendo