A I Feira de FP abrirá o día 3 a programación cultural de abril, que pechará o 28 a do cabalo

Teatro, pintura, escultura, música, carreira pedestre, concentración moteira e charlas sobre saúde completan a oferta municipal

Os membros do SED Xesús González Alén, 
Charo Golmar, Lucía Espiño e Cecilia Doporto 
coa concelleira de Cultura, Begoña Blanco.

Os membros do SED Xesús González Alén, Charo Golmar, Lucía Espiño e Cecilia Doporto coa concelleira de Cultura, Begoña Blanco. / Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Unha feria abrirá e outra pechará a programación cultural elaborada polo Concello de Lalín para o mes de abril. A oferta inclúe tamén teatro, pintura, escultura, música, unha carreira pedestre, unha concentración moteira e a continuidade do ciclo de charlas sobre saúde.

O vindeiro mércores, día 3, terá lugar a I Feira de Orientación Universitaria e Formación Profesional de Lalín. Celebrarase de 9:30 a 14:30 horas no Auditorio Municipal. O venres 5, dentro do programa Entre Bambalinas, Redrum Teatro representará a obra Hamelin. Será ás 21 horas no Salón Teatro, con entrada a 5 euros. A primeira semana de abril pecharase o domingo 7 coa Carreira do Cocido, que ten inscrición aberta.

O mércores 10 impartirase a segunda conferencia do ciclo de saúde Coida(te). Escoita(te). A doutora Ana Díaz Cortés falará do envellecemento saudable e do coidado de longa duración ás 19 horas no edificio polivalente de Manuel Rivero. O venres 12 chegará La banda sonora de tu vida (música de los 70, 80 y 90) da man de Los Platinos. O concerto, con entrada gratuita, está fixado para as 20 horas no Auditorio Municipal de Lalín.

O sábado 13, dentro do programa Como na casa, Monicreques de Kukas representará Xan Perillán compra queixo compra pan, ás 18 horas, no Salón Teatro. E o domingo 14 conmemorarase o Día Mundial da Arte, con visita ás exposicións activas de Lalín con arte.

A terceira semana de abril arrancará, o luns 15, con outra conferencia de saúde: o doutor Rafael López López falará da biopsia líquida como pilar do tratamento futuro do cancro; será ás 20:30 no novo edificio da rúa Manuel Rivero.

O venres 19 terá lugar a inauguración da exposición do escultor Acisclo Manzano no museo municipal. E empezará o Motococido, que terá continuidade toda a fin de semana. O sábado 20, ás 18 horas no Salón Teatro, celebrarase o IX Festival de Corais, organizado pola Coral Polifónica de Lalín.

O martes 23, Día Internacional do Libro, sortearanse varios lotes na biblioteca municipal. O xoves 25 haberá concerto do Conservatorio de Música (CMUS) de Cambados. O venres 26 volve o programa Entre Bambalinas, coa obra Boa sorte e mala fama, a cargo de Tarabela Creativa. A representación, con entrada a 5 euros, está prevista para as 21 horas no Salón Teatro.

O sábado 27, ás doce do mediodía no edificio polivalente, terá lugar outra charla do ciclo de saúde, desta volta centrada no coidado roral en pacientes con enfermidades crónicas, por parte da doutora Inmaculada Tomás Carmona. Nesa mesma xornada arrancará a Feira do Cabalo, con actuación da charanga Leña Verde ás 21 horas na Praza da Igrexa. O evento ecuestre rematará ao día seguinte, domingo 28.

Xornada do SED sobre Varela Buxán o día 11

As Xornadas Conmemorativas do Seminario de Estudos de Deza (SED) dedicadas a Persoeiros Ilustres na Historia de Deza desenvolveranse entre abril e outubro. Serán charlas na memoria de Manuel Daniel Varela Buxán, Ramón Mª Aller, Francisco Asorey e ao Matemático Rodríguez, impartidas por “destacadas personalidades con coñecemento destes catro ilustres lalinenses”, explica a concelleira de Cultura, Begoña Blanco. Desenvolveranse ás 20:30 horas no Museo Municipal Ramón Mª Aller con asistencia gratuita. A primeira terá lugar o xoves 11 de abril e versará sobre Manuel Daniel Varela Buxán, precursor do teatro galego, Fillo Adoptivo de Lalín (residiu en Cercio os últimos 27 anos da súa vida) e pregoeiro da XXII Feira do Cocido, entre outros fitos. Correrá a cargo do escritor Xosé Luna e do cronista oficial de Lalín, Daniel González Alén. Francisco Asorey González a quen se dedica o Día das Artes Galegas, centrará a segunda xornada, o 9 de maio, ofrecida polo académico Felipe Senén. O escultor cambadés é autor dos monumentos ao aviador Joaquín Loriga e ao astrónomo Ramón Aller, e está prevista a celebración dunha homenaxe ao longo deste ano 2024 en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes. O 29 de agosto será Ramón Mª Aller o persoeiro ilustre ao que se lle adica a xornada conmemorativa do SED cunha charla por parte de Cecilia Doporto e do profesor José Ángel Docobo. Fillo Predilecto de Lalín, en 1912 construíu o primeiro Observatorio Astronómico de Galicia en 1912, na súa casa natal de Lalín. José Rodríguez González pechará o ciclo o 10 de outubro. Intervirán a investigadora Carmen Villanueva e o profesor José Ángel Docobo. No seu 200º aniversario, O Matemático de Bermés vén de ser elixido Científico Galego do Ano pola Real Academia Galega de Ciencias e o Concello de Lalín tamén fará actividades.