O hórreo senlleiro de Codeseda

Propiedade da Igrexa Evanxelista, mandouno erguer en 1818 Juan García Fernández, que foi alcalde ata en cinco ocasións | Mide 8,5 metros de longo e máis de 4 de ancho, con 7,5 de alto

Ten dúas plantas. Na primeira almacenábase o cereal e o faiado usábase para a cría de pombas.

Ten dúas plantas. Na primeira almacenábase o cereal e o faiado usábase para a cría de pombas. / Luis Ferro / José M.Bértolo

Luis Ferro / José M.Bértolo

No termo municipal da Estrada temos varios tipos de hórreos, de pedra, de madeira, mixtos de pedra e madeira, e os considerados feísmos, que son os feitos de cemento e ladrillo. Estes derradeiros prexudican a beleza natural da paisaxe.

Foi rehabilitado no ano 2017, está catalogado como BIC e conta con tres portas.

Foi rehabilitado no ano 2017, está catalogado como BIC e conta con tres portas. / Luis Ferro / José M.Bértolo

Digamos que os hórreos da nosa contorna teñen unha estrutura ou esqueleto de pedra, mentres que a madeira vai posta nos laterais de forma vertical, suxeitas por traveseiros, e deixando unhas fendas para mellor ventilación. Teñen unha ou dúas portas de madeira, unha estaría na cabeceira e a outra no centro do lateral. O teito adoita ser de madeira recuberta de tella do país. Remata o conxunto arquitectónico uns elementos decorativos, nun dos remates do cumio está unha cruz, mentres que no cumio da outra cabeceira a decoración pode variar, a máis común é o pendón, como símbolo fálico, porén tamén podemos atopar un reloxo de sol, un paxaro, un viraventos, unha figura humana, etcétera.

Os hórreos mais longos que temos no concello estradense atopámolos na Reitoral de Ribela, no Pazo da Mota en Riobó e no Pazo de Preguecido en Aguións. En Moreira temos unha hórrea, construción de forma cadrada e case toda de madeira, pois só son de pedra as columnas e a base onde se ergue. E no lugar de Quintas en Codeseda érguese un hórreo moi senlleiro que, por ser único no concello, imos hoxe falar del.

Este hórreo é hoxe propiedade da Igrexa Evanxelista. Noutros tempos pertenceu a unha familia con bastante poder. A persoa que mandou erguelo foi alcalde da Estrada ata en cinco ocasións: Don Juan García Fernández, nado no lugar de Quintas o 11 de outubro de 1818 e bautizado o mesmo día, sendo o seu padriño don Juan Rodríguez, presbítero, e Teresa García, tía do bautizado. Era fillo de Francisco Jacobo García Cerviño e de Andrea Fernández Carbajal, aquel natural de Quintas (Codeseda) e esta de Santa Eulalia de Curtis (A Coruña). Exerceu de avogado e foi propietario así como alcalde da Estrada ata en cinco ocasións, e depositario dos fondos do Santuario de Nosa Señora de Guadalupe na Grela (Codeseda) durante os anos 1882 a 1895. Casou con Manuela Tato Fuentes, esta natural de Ouzande, filla de José Tato, natural de Guimarei, e de Isabel La Fuente, natural de San Breixo de Arcos. Finaron ambos esposos no lugar de Quintas, Manuela o 3 de maio de 1887 e el o 5 de abril de 1899, data esta labrada sobre unha das cabeceiras do hórreo que mira ao Este xunto coas letras JG. Foron pais de tres fillos, nacidos no lugar de Quintas, chamados:

--Santiago, nacido en Codeseda o 22 de decembro de 1866 e bautizado o mesmo día, tendo por padriños ao avó paterno e a María Josefa García, tía do pai do bautizado. Cando contaba a idade de 23 anos e se atopaba estudando, sorprendeuno a morte o 25 de abril de 1888.

-Ramiro que finou o 16 de setembro de 1874, cando contaba tres anos.

-Anunciación, que naceu e se bautizou o 27 de agosto de 1869, sendo os seus padriños don Manuel María Fraíz, párroco de Santa Mariña de Ribela, e María Tato, tía da nena. Cando contaba a idade de 23 anos contraeu matrimonio co relevante avogado don Benjamín Lois Lois, deputado provincial e xuíz suplente, que nacera o 28 de novembro de 1862 no lugar de Pazos en Carballedo (Cotobade), sendo bautizado un día despois, tendo por padriños a don Francisco Javier Lois, presbítero, tío do bautizado, e a Manuela García.

Benjamín era fillo de Antonio Lois Vidal, de oficio canteiro, e de Carmen Lois Vidal, veciños do lugar de Pazos, e neto por liña paterna de Manuel Lois, ferreiro, e de María Antonia Vidal, tamén veciños de Pazos; e pola materna, neto de Antonio Lois, canteiro, e de María Antonia Vidal, veciños do lugar de Doade na parroquia de Carballedo (Cotobade). Celebrouse o seu casamento na capela de San Roque do lugar de Quintas o 24 de xuño de 1893 e o oficio relixioso correu a cargo do tío de don Benjamín, don Francisco Lois Vidal, cura de San Miguel de Carballedo, sendo testemuñas don Benigno Cortés García, presbítero desta capela, don Elías Lois Barros e don Andrés Lores, facultativos, o primeiro veciño de Carballedo e o segundo da vila de Pontevedra. Benjamín Lois, ademais de ser un distinguido avogado, foi elixido edil do concello da Estrada en diferentes eleccións e deputado provincial no ano 1921. Foron pais dunha nutrida prole, todos nacidos no lugar de Quintas.

Dito don Juan García Fernández mandou erguer o hórreo e ao seu carón construíu unha eira de lousas de pedra para mallar o centeo, o millo miúdo e outros cereais. Ao longo da construción debeu acontecer o pasamento de don Juan, pois no cumio da cabeceira que dá ao nacente vemos unha inscrición coas súas iniciais JG entrelazadas e a data 5 de abril de 1899, data do seu pasamento.

Este senlleiro hórreo mide oito metros e medio de longo, e algo máis de catro metros de ancho, cunha altura de sete metros e medio. Cóbrese con dous tellados de tella plana de dúas alturas en superposición. Ten tres portas, en cada unha das dúas cabeceiras e a outra no lateral que dá ao Norte. Ao lado de cada porta ábrense dúas fendas de ventilación na pedra.Ten dúas plantas, na primeira almacenábanse os cereais, e o faiado está dividido e utilizábase para a cría de pombas. Os laterais son de madeira de castaño, colocadas en vertical, suxeitos por dous traveseiros nos catro claros. Rematan o conxunto dous pináculos no cumio que embelecen este hórreo senlleiro, o que dá ao Este ten na base un reloxo de sol, que mira ao Este, Sur e Oeste. Sobre el érguese unha cruz con sudario anoado. Remata este conxunto sobre a cruz un paxaro, unha bubela, e sobre o pináculo que dá ao Oeste, outro paxaro, unha pomba.

Este hórreo foi rehabilitado no ano 2017 baixo as pautas de Patrimonio. Como está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC), o seu promotor, o Centro Cristiano Codeseda, contratou ao construtor José Fuentes Frade da Carpintería Codeseda para realizar o proxecto de Diego González Naval e Pilar Villar Brea, que se fixeron cargo da dirección facultativa. Foron cambiadas todas as madeiras que se atopaban en mal estado de conservación por madeiras novas de castaño da zona.

Neste momento estase a agardar unha boa nova sobre os hórreos, que a Unesco os declare como patrimonio inmaterial da humanidade.