A igualdade (non) é un xogo

Alumnos do IES Pintor Colmeiro realizan unha xincana polo 8-M

Xogos a prol da igualdade, onte, no instituto de Silleda.  | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Xogos a prol da igualdade, onte, no instituto de Silleda. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN / Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

O programa conmemorativo do Concello de Silleda polo Día Internacional da Muller continuou onte cunha xincana no IES Pintor Colmeiro. Baixo o lema Festexando a igualdade, as alumnas e os alumnos de 3º da ESO participaron durante a xornada en distintas actividades. Cunha dinámica de xogo, a rapazada tomou conciencia dos avances e logros do feminismo nos últimos anos. A alcaldesa, Paula Fernández Pena, acompañada polas concelleiras de Igualdade e Educación, Ángela Troitiño, e de Cultura e Mocidade, Mónica González Conde, visitou as aulas e agradeceu a colaboración do instituto nesta e noutras actividades.

O programa municipal 8-M/365 continúa hoxe. Baixo o lema Silleda feminista, a partir das 11.30 horas, celebrarase un acto simbólico de caracterización da estatua da Muller Labrega. Mañá, venres, ás 20.00, no salón consistorial de actos, terá lugar a presentación do V Plan de Igualdade do Concello de Silleda.

Polo demais, o domingo ás 12.30 horas na praza do Siñor Afranio celebrarase o concerto As mulleres damos a nota, protagonizado pola pianista Andrea García González. Trátase dunha iniciativa na que se mestura música en directo coa intervención de mulleres que subirán ao escenario a pronunciar unha frase feminista.

No marco da colaboración cos centros educativos, o programa extenderase ata o luns, día 11, cunha nova sesión no CPR María Inmaculada do obradoiro Iguais e Reais.