A Estrada ponse de loito para despedir o entroido

A hostalería enterra ao rei do río coa Charanga TNT e o Padre Xiao e De Tazas ameniza a sesión vermú da Zona dos Viños

Procesión pola Calvo Sotelo.

Procesión pola Calvo Sotelo. / // BERNABÉ/ JAVIER LALÍN

O loito tomaba onte a rúa da Calvo Sotelo de A Estrada para despedir ao rei do río. Como todos os anos a hostalería local organizaba o xa emblemático Enterro do Salmón, que serve para poñer o broche de ouro ás festividades de Entroido na vila.

Homes vestidos de época, con boina e chaleco, e mulleres engalanadas en negro. A etiqueta non podía faltar neste día no que a pena por dar o adeus definitivo á época das máscaras e a alegría dos propios festexos estaban presentes por partes iguais, aínda que algúns dos que seguían a procesión non se animaron a seguir o código de vestimenta. Así, a comitiva partía dende a Porta do Sol ás 19.00 horas co cadaleito deste peixe de augas doces ás costas, acompañada da música animada da Charanga TNT, que poñía o punto disonante dentro da solemnidade do acontecemento. Emprendeuse pois rumbo á Praza do Mercado, cos músicos abrindo paso mentres o viandantes e clientes das terrazas desta rúa principal seguían coa mirada o desfile, algúns incluso arrincándose a bailar.

Ao chegar ao destino, o Padre Xiao tomou a testemuña pronunciando unhas palabras en clave de humor e animando aos presentes co seu enxeño. Por último, a festa continuou da man da Charanga TNT, encargada de amenizar o restante dunha xornada que xa comezaba moito antes, ás 13.30 horas, cunha sesión vermú organizada polos locais da Zona dos Viños e animada pola actuación do grupo De Tazas. Este seguíu unha ruta que comezaba no bar Paradero, continuando por O Enredo, A Riala, 20 Berzas e rematando no Candil de Silvia. O bo tempo e as temperaturas amables deste sábado de piñata axudaron a que a proposta gozase de éxito podendo aproveitar tamén o espazo das terrazas.

A charanga TNT na Porta
 do Sol.   | // BERNABÉ/ JAVIER LALÍN

Concerto de De Tazas na Zona dos Viños. / // BERNABÉ/ JAVIER LALÍN

Padre Xiao oficia o
  enterro na Praza do
 Mercado. | // BERNABÉ/ JAVIER LALÍN

A Charanga TNT na Porta do Sol. / // BERNABÉ/ JAVIER LALÍN

Concerto de De Tazas
 na Zona dos Viños.   | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Padre Xiao oficia o enterro do salmón na Praza do Mercado. / // BERNABÉ/JAVIER LALÍN