A Estrada e Soutelo, epílogos do Entroido

A localidade de Tabeirós acolle hoxe o Enterro do Salmón e a de Montes, a súa “voda” | Os dous colexios de Forcarei celebran desfiles de disfraces polas rúas dos seus pobos

Nenos de primaria de Forcarei, durante o desfile.

Nenos de primaria de Forcarei, durante o desfile. / //BERNABÉ / JAVIER LALÍN

O Entroido nas comarcas de Tabeirós-Montes da os últimos escintileos antes de despedirse ata o próximo ano. Para os que quedaran con ganas de máis despois da fin de semana, entre hoxe e mañá poderán desfrutar das últimas citas con estes festexos, polo que aínda poden agardar para sacar o disfrace.

As localidades que teñen actividades estes días son A Estrada e Soutelo de Montes. Na vila estradense a hostalería da Zona dos Viños organiza hoxe unha sesión vermú amenizada polo grupo De Tazas, que comezarán a tocar ás 13.30 horas recorrendo varios locais para animar aos presentes. Así, arrancarán coa música no Paradero, para logo seguir por O Enredo, A Riala, o 20 Berzas e finalmente O Candil de Silvia. Dende o grupo de hostaleiros da zona animan a todo o mundo que se achegue a disfrazarse ou levar máscara para darlle o “ata pronto” ao Entroido debidamente. Porén, esta non é a única programación para este sábado de piñata senón que ás 19.00 horas terá lugar o xa emblemático “Enterro do Salmón”, un acto que se organiza anualmente dende a Asociación de Hostaleiros da Estrada e que consiste nunha procesión onde se pide aos asistentes que vaian de loito. Ademais, na Praza do Mercado actuará o Padre Xiao e a charanga TNT.

Do mesmo xeito, en Soutelo de Montes terá lugar a partir das 17.30 horas a Voda de Entroido, onde se celebrará o enlace entre Isa Pantoji e Asraf Beneno, cunha cerimonia, animación musical da man do grupo Os D’aquí e unha cea nupcial seguida dunha gran festa no pavillón de deportes a partir das 21.30 horas. Para estes últimos eventos é preciso retirar o convite en Mercería Ana, Farmacia de Soutelo ou o Estanco Ballesteros. Ademais, en Forcarei e Soutelo tamén se levaron a cabo onte os desfiles de disfraces dos escolares, que partiron dos respectivos centros de primaria cara a Praza da Igrexa no caso dos pequenos forcaricenses, e na Praza dos Gaiteiros os infantes soutelanos. Alí estiveron dende as 12.00 horas ata finais do horario lectivo desfrutando dunha chocolatada ofrecida polo Concello.

Tamén onte, no centro social de maiores de A Bandeira celebraron o seu Entroido de Namorar. Houbo baile durante a tarde.

Salgueiros, cancelado

Por outra banda, mañá tocaríalle á parroquia crucense de Salgueiros acoller o último encontro dos Xenerais da Ulla, porén, debido a cadrar coa xornada electoral, a organización decidíu cancelar o evento este ano. Malia que en principio os organizadores non teñen pensado aprazar os actos, reuniranse nos próximos días tratar esta posibilidade.

Escolares de 
Soutelo, durante 
o desfile de onte.  | 
// BERNABÉ  /JAVIER LALÍN

Festa de Entroido de Namorar no centro social de maiores de A Bandeira. / // BERNABÉ /JAVIER LALÍN

Desfile polas rúas de Soutelo 
de Montes.  | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Desfile polas rúas de Soutelo de Montes. / // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Entroido de Namorar no centro 
social de A Bandeira.  | // BERNABÉ / J. LALÍN

O alumnado do CEIP Nosa Señora das Dores polas rúas de Forcarei. | / // BERNABÉ / J. LALÍN