O Concello habilitará en marzo un parking de 151 prazas a uns cen metros do Clínico

“É unha cuestión urxente, unha obra branda” que inclúe abastecemento e saneamento e non supera os 40.000 euros, di a alcaldesa | Estuda o convenio proposto pola Xunta

Panorámica dunha das zonas do actual aparcamento do CHUS. |   // ANTONIO HERNÁNDEZ

Panorámica dunha das zonas do actual aparcamento do CHUS. | // ANTONIO HERNÁNDEZ / ana triñáns

ana triñáns

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou o comezo das obras para a creación dun aparcamento na parcela do CiMUS, a 150 metros do Hospital Clínico. Segundo a rexedora cómpren medidas “urxentes” para resolver os problemas de mobilidade na contorna do CHUS, polo que o Goberno local habilitará nesa parcela un aparcamento en superficie que dará unha cobertura de 151 prazas de estacionamento gratuíto e que se prevé que estea operativo durante o mes de marzo.

“Trátase dunha obra branda, que se dotará de abastecemento e saneamento” e non supera os 40.000 euros de custo e que sumado á creación de prazas da zona ORA na contorna do CHUS contribuirá, prevé o goberno local, a “promover a rotación no estacionamento e a evitar os vehículos ventosa” (aqueles que premanecen durante días na mesma praza de aparcamento). Desta maneira o Concello de Santiago estaría a habilitar na contorna hospitalaria 287 prazas de estacionamento de vehículos.

A alcaldesa asegura que o Executivo local está a estudar o convenio proposto pola consellaría de Infraestruras da Xunta derivada da reunión entre ambas administracións realizada o pasado 30 de xaneiro. Análise e decisións das que se darán conta nas próximas semanas. A pesar disto, Sanmartín lembrou unha vez máis a necesidade da integración urbanística do CHUS, de que a Xunta dote de transporte colectivo os traballadores do Sergas e de reforzar as conexións do hospital coa ampliación de liñas de transporte urbano.

A rexedora comprometeuse a estudar a proposta “nas próximas semanas”, aínda que non a ve unha “opción xusta nin equitativa” xa que estes “investimentos son responsabilidade exclusiva do Sergas e reiterou a “vontade total de colaboración, dentro do xusto e razoable, para pechar un acordo”. Sanmartín puntualizou que dito convenio que se propón “ é un convenio marco onde logo habería que desenvolver outros de carácter posterior”.

“Non entendiamos e seguimos sen entender”, aclarou Sanmartín, “a proposta dunha achega de 3,5 millóns de euros para investir en saneamento e abastecemento no rural que establece cuestións moi xerais e que ademais non se concretan”. Por iso o Goberno bipartito insiste en que a “Xunta continúa ligando este convenio do CHUS co abastecemento e saneamento, que son dous temas distintos, e continúan a falar de intervir só na parcela sanitaria sen ter en conta que se trata dun proxecto de interese autonómico”, sentenciou.

Ante preguntas dos xornalistas sobre cal será o futuro desta cuestión se o Concello non se adapta ás condicións formuladas pola Xunta, a alcaldesa Sanmartín asegurou que “estamos a tempo de continuar negociando”. Sobre o convenio o Goberno local considera que estará enriba da mesa a proposta de achegas e cambios nunha cuestión tan importante como é a mobilidade no CHUS. “A porta a un acordo de administracións non está pechada, aínda que a proposta non é satisfactoria” para o executivo municipal.

Mentres non se desbloquea a situación a cidadanía de Compostela e o resto de usuarios do CHUS seguen a agardar unha solución aos problemas de aparcamento, nun momento no que ademais das obras do centro de protonterapia tamén están en marcha, dende o pasado día 16, as obras para a ampliación do propio hospital, nas áreas destinadas a consultas externas e probas funcionais.