José Crespo: “Morrerei politicamente cavilando cousas para o meu pobo de Lalín”

Cumpre 30 anos como rexedor, sempre con maioría absoluta | Destaca o PXOM como o gran logro | Asegura que a vila xa é “a capital máis importante das terras do medio”

José Crespo, flanqueado por actuais edís e concelleiros de antigos mandatos, amosa a tarta e o cadro de agasallo. |   // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

José Crespo, flanqueado por actuais edís e concelleiros de antigos mandatos, amosa a tarta e o cadro de agasallo. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN / Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

O 3 de febreiro de 1990, cando José Crespo tomou posesión como alcalde de Lalín, algúns dos seus concelleiros actuais como Avelino Souto ou Noelia Seijas aínda non naceran. Outros, como Begoña Blanco, aínda eran meniños. Onte, 34 anos despois e coa presenza destes concelleiros, doutros compañeiros de goberno actual e exedís que foron un piar na vida política local de Crespo, como Antonio Rodríguez e Pepe Iglesias, o rexedor fixo balance dos 30 anos no cargo, dende 1990 ata o 2015 e dende o 2019 ata hoxe.

Ofertas que rexeitou

Crespo leva máis tempo en política, 37 anos, nos que tamén foi pedáneo de Xaxán, concelleiro, vicepresidente da Deputación, presidente da Fegamp e senador. “Nalgún momento tiven ofertas para postos infinitamente superiores” que supoñían deixar a Alcaldía “e non o fixen, e non me arrepinto. O máis importante en política é ser alcalde do teu pobo. Eu sentíame cómodo e tiña proxecto para o meu pobo”.

Axudou, tamén, a cohesión de todos os equipos de goberno que tivo nos seus mandatos, todos eles con maioría absoluta, como aquel de 14 edís que en 1999 (e co voto tamén a favor do PSOE) sacou adiante o Plan Xeral de Ordenación Municipal. “Saíu ben, pero sufrín a primeira manifestación da miña vida política”, lembrou onte Crespo, consciente tamén de que hai 20 anos, a aprobación dun PXOM adoitaba vir acompañada da perda das seguintes eleccións, cousa que non pasou. O Plan de Urbanismo permitiu materializar “a Rolda Leste, os dous centros comerciais, construir este novo consistorio, a urbanización do Regueiriño, ampliar os dous polígonos industriais e o casco urbano ou construir o Lalín Arena”.

Precisamente, o Lalín Arena, o consistorio e o Pazo de Liñares lucían onte sobre un cadro que recigiu como agasallo o alcalde, impresos sobre un escudo de Lalín e que son imaxe de tres construccións enblemáticas que foron adiante, pese aos atrancos económicos ou constructivos “e que non só non fundiron ao Concello, senón que gozan de boa saúde”.

José Crespo, durante o balance dos seus 30 anos como alcalde onte, no salón de plenos.

José Crespo, durante o balance dos seus 30 anos como alcalde onte, no salón de plenos. / Bernabé/Javier Lalín

Tralo PXOM, que pasa por ser o logro máis importante destes 30 anos como alcalde, José Crespo menciona outro ‘fillo’, ainda que este “xa o atopei na pubertade, e amoldeino o que puiden”. Falamos da Feira do Cocido, “á que lle fomos poñendo colgarexos como a Feira do Mel, a Gala do Cocido ou os Premios de Gastronomía”. Hai outros fillos, a punto de ser nados, como o CIS, “que vai marcar un antes e un despois”, a base de helicópteros ou o edificio de Medio Rural. “Creo que todos nos sentimos satisfeitos do que fixemos por Lalín. E ainda non acabei: teño uns proxectos na cabeza. Eu morrerei politicamente cavilando cousas que considero importantes para o meu pobo”, engade.

Crespo, que é senador por segunda vez, anuncia que aproveitará este cargo para reclamar melloras en cuestións como o financiamento de municipios e de deputacións. A administración local recibe en España o 14% dos recursos, mentres en Francia (que non está dividida en autonomías) chega ao 25%. “A política local segue sendo o patiño feo das administracións, e hai que levar cara arriba o poder local”, conclúe.

Deberes: estender os servizos básicos a todo o rural

Crespo mencionou outros proxectos en marcha, “que igual non remato eu, pero que quedarán atados neste mandato”. Un deles é a Gran Praza, “qye igual non está rematada cando eu marche da política, pero non van valer para outra cousas os terreos”, xa que serán calificados como zona verde. Quere tamén que os máis de 250.000 metros da área deportiva no entorno do Lalín Arena conten nun futuro cunha gran pista de atletismo apta para torneos nacionais ou europeos, así como un gran complexo con piscinas e un auditorio ao aire libre. “Queremos facer unha das mellores áreas deportivas de Galicia” con espazos para o lecer, metidos nunha zona arborada e moi preto do casco urbano.

E falando do casco urbano, tamén se delimitará a améndoa central “para facer un Lalín máis sostible, máis bonito e máis humanizado”. Lalín medrou encaixado entre as dúas carreteras nacionais, o que explica, por exemplo, que a rúa Ponte sexa tan estreita. Polo que se refire ao rural, Crespo asegura que marchará tranquilo cando todas as aldeas teñan estes seis servizos fundamentais,xa presentes en moitas delas: camiños dignos; traída de augas; recollida de lixo e servizo de reciclaxe; rede de alcantarillado; alumeado de última xeración e fibra óptica, que é unha realidade xa en 160 lugares. “Lalín, 34 anos despois de tomar posesión, mantén puxantes moitas das súas potencialidades”, apunta o rexedor, convencido de que seguen en pé as posibilidades de crecemento grazas a tres patas económicas: o sector agrogandeiro, a pequena e a mediana empresa e o turismo.

Quixo rematar agradecéndolle á veciñanza, votárao ou non “que confiase en min apra dirixir esta nave de todos, que se chama Lalín e que representa toda a miña vida”. Unha veciñanza que tamén é responsable de que Lalín sexa, posiblemente, “a capital do interior máis importante das terras do medio”.