Casa do Patrón, Román Rodríguez, García Porral e Antonio Presas, premios do patrimonio cultural

Os distinguidos recibirán os seus galardóns na presentación do ‘Anuario Descubrindo nº 16’, o 12 de xaneiro, no Pazo de Liñares

Reunión do xurado do SED, esta semana, no consistorio lalinense.

Reunión do xurado do SED, esta semana, no consistorio lalinense. / Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

O Museo Etnográfico Casa do Patrón, Xoán Carlos García Porral, Román Rodríguez González e Antonio Presas García son os galardoados polo Seminario de Estudos de Deza (SED) na segunda edición dos Premios do Patrimonio Cultural. O xurado, reunido esta semana, estivo constituído por Cecilia Doporto Regueira, José Ramón López Fernández, José Ramón Pérez Salgado, Charo Golmar Saavedra, Lucía Espiño López, Xosé Luna Sanmartín, Jesús González Alén e Begoña Blanco Blanco.

Segundo se recolle na acta do xurado, da que se deu conta á comisión executiva do Padroado, acordouse distinguir co Premio á posta en valor e divulgación do patrimonio cultural de Deza ao Museo Etnográfico Casa do Patrón polo seu traballo a prol do patrimonio material e inmaterial galego e de Deza, durante os últimos 28 anos. A día de hoxe é un dos principais centros que fomenta a recuperación, mantemento e difusión da etnografía, arqueoloxía, natureza e turismo do interior de Galicia.

O Premio á investigación do patrimonio cultural de Deza recaeu en Xoán Carlos García Porral pola súa actividade investigadora centrada no estudo e difusión do patrimonio cultural da comarca. Froito dela son máis dunha ducia de libros que publicou desde o 2002 ata a actualidade. Destaca a participación no proxecto de recollida da toponimia Galicia Nomeada, entre outras moitos iniciativas para as que está sempre dispoñible. Así o reflicte tamén a súa participación continua como membro do SED e tamén as numerosas publicacións que fixo no Anuario Descubrindo desde os seus inicios.

Román Rodríguez González foi destacado polo xurado co Premio de Honra do Seminario de Estudos de Deza por ser un dos fundadores nos seus comezos e por impulsar e coordinar o SED na súa etapa inicial antes de exercer como concelleiro de Cultura de Lalín e logo xa nas múltiples responsabilidades que nos últimos anos vén exercendo. Desde febreiro de 2015 é conselleiro de Educación e Cultura da Xunta de Galicia.

Co Premio Descubrindo alzouse o xeógrafo e investigador Antonio Presas García, por ser un dos fundadores e membro do consello de redacción do anuario, autor de quince artigos e participante durante catorce anos nas publicacións do SED. Actualmente segue a colaborar co seminario como membro do equipo coordinador e facendo as súas aportacións sempre que o seu tempo llo permite.

Estes galardóns teñen como fin distinguir o labor de persoas, colectivos ou entidades que presenten unha traxectoria meritoria vinculada á protección, conservación, investigación e difusión do patrimonio cultural dezao, material e inmaterial, en calquera medio ou campo de actuación na Comarca de Deza. Entregaranse no marco dun acto organizado polo SED o día 12 de xaneiro ás 20.30 horas no Pazo de Liñares coincidindo coa presentación do Anuario Descubrindo nº 16.

Cómpre lembrar que na primeira edición destes premios do pasado ano foron galardoados Gonzalo Navaza Blanco, polo seu traballo como investigador e difusor da toponimia e microtoponimia; a Comunidade de Montes de Bermés, Regado, Rego do Prado, Lamela, Orxás, Riádigos, Campo e Camiño Real, pola posta en valor e divulgación do patrimonio cultural; Armando Vázquez Crespo, premio de honra; e César Gómez Buxán, por ser fundador e membro do consello de redacción do Descubrindo e autor de catorce artigos nos quince números do anuario, ademais da monografía Os Escudeiros de Cercio nos Deza Básicos.