Bandoleiras no lavadoiro

A Banda da Loba despide o xoves 28 a xira de “Xabón Lagarta” cun concerto no Teatro Principal da Santiago e baixa do escenario en 2024 para somerxerse nun novo traballo

Pie de foto para la fotografía de Faro.   | // PIXELINPHOTO

Pie de foto para la fotografía de Faro. | // PIXELINPHOTO / Ana Cela

Ana Cela

Ana Cela

Os lavadoiros foron emblemáticos espazos de reunión para as mulleres galegas. Eran puntos de encontro nos que o traballo se facía nun ambiente de camaradería. Mentres o xabón e as mans mergulladas na auga fría viraban branco o negro, a alma aproveitaba para alixeirar as moitas pezas que a dureza da vida lle botaba por riba. E no lavadoiro quedaban a clarexo os desexos, as preocupacións e o que se deu en chamar sororidade. As integrantes do grupo A Banda da Loba montarán o vindeiro xoves, 28 de decembro, o seu lavadoiro no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Será o último que crearán na xira do seu disco Xabón Lagarta. As bandoleiras farán un alto no camiño despois de meses de moito traballo. Pero, non se apuren, que han seguir ouveando.

Todas as entradas deste concerto de fin de xira están xa vendidas. E é que a cousa promete. A Banda da Loba estará acompañada desta volta por numerosos artistas. Ás 20.30 horas subirá o pano neste enclave de Compostela para que arranque un concerto que este grupo –con marcado selo da Estrada– considera moi especial. De feito, non só será unha despedida por todo o alto para Xabón Lagarta, senón que marca o inicio dun capítulo no que a banda se meterá de cheo na composición do que será o seu quinto traballo discográfico, que as manterá afastadas dos palcos por un tempo.

A estradense Andrea Porto explicou onte que o grupo pretende afrontar este novo compromiso profesional dende unha perspectiva diferente, de xeito que cada unha das integrantes da banda teña a ocasión de gozar ao máximo do traballo preciso para preparar e conformar un novo disco, sen a vertixe de combinar este proceso cos concertos e o exercicio profesional que, de xeito independente á Banda da Loba, teñen cada una delas. “Non desapareceremos do virtual pero si dos palcos, polo que quixemos estar ben arroupadas este día por varios amigos e amigas que nos acompañaron durante esta última xira e durante a vida da banda. Imos sentir moita morriña de non vervos as caras en vivo e en directo durante tanto tempo”, publicou o grupo nas súas redes sociais.

Sen dúbida, o concerto do vindeiro xoves fará aínda que esa morriña aumente, porque o espectáculo ten tódolos ingredientes para se converter nunha festaza.Os primeiros en confirmar a súa presenza foron Monoulius Dop, seguidos de Olaia Maneiro, de Tanxugueiras. “Estiveron presentes na nosa andaina desde o comezo máis comezo”, apuntan as bandoleiras. E tamén, coma se puido ver nas fotos dos ensaios, estará sobre o escenario acompañando á banda nesta ocasión a artista Guadi Galego, un dos referentes do grupo e coa que gravaron o tema “Ti e eu” no disco Bailando as Rúas.

Nastasia Zürche tamén estará o 28 de decembro no Principal de Santiago, igual que o fará Margarida Mariño e María Soa, de Fillas de Cassandra. Gustavo Almeida ten confirmada tamén a súa presenza neste concerto de fin de xira. Andrea Porto explicou onte que o grupo tiña pendente con el unha colaboración nun dos escenarios que tiveron que cancelar a finais do verán

Andrea, Estela, Inés, Marcela e Xiana non paran dende 2017. O banda inspirada na máis célebre bandoleira galega –Pepa A Loba– asaltou entón os escenarios galegos e non tardou en se converter en todo un referente. A día de hoxe teñen publicados tres traballos discográficos –Bailando as rúas, Fábrica de luz e Hasme oír–, ademais dun EP centrado en Xela Arias. En todos eles dan mostras de seren un grupo comprometido coa cultura, a lingua e diferentes causas sociais, tocando temas como a diversidade, a memoria histórica, o ecoloxismo ou o propio feminismo.

A Banda da Loba non parou de traballar dende aquel 2017 no que o grupo comezou a medrar en popularidade. Agora chega unha nova etapa, na que o traballo continúa, pero no que as bandoleiras –ou “as lobas”, coma lles gusta denominarse– teñen previsto gozar do que a música e as letras que escollen lles regala, pero dende un plano no que o tempo deixe de correr tan axiña. Chegou o momento de asaltar sen sentiren que hai que fuxir.