O salvoconduto do Capitán Gonsende

O colectivo cerdedense concede os galardóns a David Otero e Mero Iglesias

Os asistentes, trala entrega dos galardóns no Campo das Laudas. Abaixo, o estradense David Otero na súa intervención.

Os asistentes, trala entrega dos galardóns no Campo das Laudas. Abaixo, o estradense David Otero na súa intervención. / Ana Cela

Ana Cela

Ana Cela

Namentres se iza a bandeira galega o Saúdo de Xoán López peitea a herbeira do Campo das Laudas. É o inicio dunha homenaxe sinxela e solemne a partes iguais. “Vaia en referendo impertérrito o quórum desta nosa Santa Compaña de represaliados e represaliadas para outorgar galas e recoñecemento a mortos e a vivos, consonte a nosa ácrata condición de renegados da mansedume; somos xente de orde inversa, recoñecémonos nas causas xustas e necesarias, sempre a contrafío da resignación e da desesperanza”, sinalou Calros Solla, abandeirado das tropas do Capitán Gonsende, que onte concederon o seu Salvoconduto de Honra a Baldomero Iglesias Dobarrio “Mero” e ao estradense David Otero Fernández, “ilustrísimos persoeiros, ourives galegos da música e da palabra”.

O salvoconduto do Capitán Gonsende

O salvoconduto do Capitán Gonsende / Ana Cela

Nun acto tinguido de emoción, as novas tecnoloxías valeron para que o mestre, músico e escritor da Terra Chá, que onte tiña que gardar repouso, seguise na distancia a homenaxe, deixando que as súas verbas chegasen a través Marica Campo. “Recoñecemos en ti, Mero, as calidades de persoa valente, sabia, boa e xenerosa”, sinalou o integrante do colectivo cerdedense. Do mesmo xeito a “gozosa unanimidade” destas tropas singulares quixo que o terceiro Salvoconduto de Honra fose para David Otero. “Recoñecemos en ti, David, as calidades de persoa valente, sabia, boa e xenerosa”, proseguiu o ritual. Os coautores do deseño do Salvoconduto, Ana Santiso e Nando Vázquez, foron os encargados de efectuar a entrega desta máxima distinción aos homenaxeados.

“Á vista dos méritos contraídos polos destemidos camiñantes Baldomero Iglesias e David Otero, expedimos ao seu favor os Salvocondutos de Honra, en virtude dos cales, nin caciques grandes ou pequenos, nin alguacís nin alfandegueiros lles porán impedimento ningún á súa marcha, sexa cal sea o seu itinerario; antes ben, emprestaranlles cantos auxilios necesiten en prol do cumprimento da súa misión”, continuou solemne a tropa dos Gosende.

“Hai un tempo para loitar e un tempo para recoñecer a quen nunca cesou na loita”, sinalou Calros Solla ao remate do acto. Coma el mesmo dixo durante a entrega destas distincións, creadas no ano 2017 e entregadas por vez primeira a Luz Fandiño, os homenaxeados “escusan o noso salvoconduto, pois eles, arrieiros feitos e dereitos, atesouran as dimensións todas do país galego, que as percorren sen acougo e esclarecen sen extravío, pregoando na súa traxectoria un evanxeo popular de beleza, resistencia e dignidade”.

Medio cento dos participantes na entrega –unhas 80 persoas– sumáronse ao xantar de confraternidade posterior gozosamente celebrado nas terras de Forcarei.