Unanimidade para solicitar que a Tulla de Fafián sexa BIC

Un detallado informe de Leila Sabbouh López e Daniel González Alén serviu para documentar a moción aprobada pola Corporación

A Torre-Tulla de Outeiro de Fafián, abandonada, vai camiño da ruina.

A Torre-Tulla de Outeiro de Fafián, abandonada, vai camiño da ruina.

REDACCIÓN

A Corporación municipal de Rodeiro, no último pleno, acordou por unanimidade tramitar ante a Xunta de Galicia a solicitude precisa para conseguir o recoñecemento de Ben de Interese Cultural (BIC) para a Torre-Tulla de Fafián, un dos monumentos máis sobranceiros das terras de Camba, en base a un informe que, para tal fin, elaboraron Leila Sabbouh López, do colectivo A Tulla de Fafián, e o cronista oficial de Lalín, Daniel González Alén. Agora procede que o Concello inicie os trámites necesarios de cara a presentación á Consellería de Cultura, da que está á fronte o lalinense Román Rodríguez, do acordo plenario e da correspondente solicitude, para que este ben patrimonial e mesmo o conxunto histórico-artístico e monumental que forma con outras notables construcións, representativas da arquitectura popular, sitas no lugar de Outeiro de Fafián, obteña en breve prazo, a cualificación de Ben de Interese Cultural BIC. Será este o primeiro paso para protexer, conservar e poñer en valor este senlleiro monumento do municipio de Rodeiro, liberándoo do estado de abandono e ruína no que se atopa, pasando a ser un importante recurso cultural e turístico das terras de Camba e aínda de Deza e de Galicia.

O informe de Leila Sabbouh e González Alén, que servirá de base para a solicitude de BIC, inclúe numerosos apuntamentos da historia desta torre dende o século XVI, cando era morada do xuíz da Terra de Camba e Rodeiro, pasando co andar de tempo a ser propiedade de varias familias nobres dos Lemos, Camba, Ulloa, Valladares e, posteriormente, Armada e Lorenzana, ficando en mans privadas que pouco ou nada fan polo seu mantemento e conservación. A partir do século XVIII, sería usada coma tulla onde se recollían as rendas da zona e, finalmente, perdida a súa utilidade, sufriría o abandono e ruína parcial na que está sumida na actualidade.

Bibliografía

O informe tamén recolle unha detallada descrición da torre e a bibliografía existente dela. A primeira publicación da que se ten constancia é a do libro A Comarca do Deza (Deputación de Pontevedra, 1989 e 1996) de Daniel González Alén e Armando Vázquez Crespo. Seis anos despois, o agora conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, incluía este monumento no seu libro Rodeiro: unha terra, un patrimonio (Xunta de Galicia, 1995). Tamén aparece destacada na obra Pazos y moradas hidalgas de Deza (Deputación de Pontevedra, 2005) de Gómez Buxán e Rubiá Alejos, e tres anos despois, no libro Rodeiro, unha terra con historia (Deputación de Pontevedra, 2008), de varios autores. O último libro publicado ata o de agora, no que figura a Torre de Outeiro é Pazos gallegos. Materiales para su estudio (Deputación de Pontevedra, 2014), cos traballos que, a mediados do século pasado, realizara Miguel Durán-Loriga y Salgado na compaña de Antonio Taboada Roca, que recolle algúns apuntamentos e fotos depositados no Museo de Pontevedra dende entón.

Nos últimos tempos é frecuente que apareza en prensa e revistas, nas guías editadas por distintos organismos e en portais e blogues na Internet. Tamén se colocaron paneis informativos ao pé do monumento e da Ruta dos Muíños e as Idades da Historia, trazada hai anos polo Concello de Rodeiro, que por aquí pasa cara a a vila romana de Porta de Arcos, outro notable ben patrimonial abandonado, que tamén agarda unha axeitada posta en valor.

Posta en valor

Moi destacada é o labor do colectivo A Tulla de Fafián, que ven realizando dende hai anos anos un intenso e meritorio labor a prol da difusión e rehabilitación deste monumento e do seu entorno, intensificado nos últimos dous anos a través das visitas guiadas, á prensa e as redes sociais e dando razón de importantes documentos antigos, que se gardan no arquivo da coñecida por Casa do Mariano, no lugar de Outeiro, mesmo o carón da Torre- Tulla, que, logo de tímidos intentos por parte das forzas vivas de Rodeiro, vai por fin camiño de converterse en BIC de Galicia, declaración que debería ser o principio dun axeitado e rigoroso proxecto de rehabilitación, que asegure a posta en valor deste senlleiro monumento das terras de Camba.