As palabras son unha festa na Estrada

O Teatro Principal acolle a entrega de premios do concurso de microrrelatos para escolares

Algúns dos 62 cativos cativos premiados.  | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Algúns dos 62 cativos cativos premiados. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN / nerea couceiro

O Teatro Principal da Estrada converteuse na tarde de onte no epicentro da literatura local coa conmemoración da décima edición da Festa das Palabras. O acto estivo presentado por alumnado do IES Nº1 da Estrada, e nel fíxose entrega de premios ás 62 persoas que resultaron gañadoras nos concursos de microrrelatos e micropoemas.

Asistentes ao acto.  | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Asistentes ao acto. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN / nerea couceiro

O acto, ao igual que os certames, tivo por finalidade promover o emprego do galego como elemento vehicular entre o público máis novo e a comunidade educativa. O fío condutor da presente edición foi a creación de pezas que contiveran as palabras ‘camiño’ e ‘espello’, dous termos presentes nos títulos das obras de Francisco Fernández del Riego, autor recentemente homenaxeado nas Letras Galegas deste 2023.

O acto central da xornada foi a entrega dos premios aos 62 gañadores, os cales recibiron exemplares nos que se recompilan os textos escritos presentados por cada un deles, ademais de catorce ilustracións feitas por nenos e nenas de Educación Infantil, e cunha portada deseñada levada a cabo pola ilustradora estradense Rosa de Cabanas e un prólogo da escritora Charo Golmar, madriña da edición.

A música de proxecto Valladares harmonizou un serán no que a madriña, Charo Goldar, puxo en valor “o enorme traballo desenvolto tanto tanto pola organización como polos rapaces e rapazas, cuxo traballo puxo en valor o emprego da nosa lingua e permitiu crear unha obra única”.

Esta é xa a décima edición desta festa levada a cabo en colaboración entre o Concello e a comunidade educativa, unha iniciativa que un ano máis demostra a súa importancia para conseguir levar a lingua aos máis novos, e non só iso, senón para que estes tamén sexan quen de desenvolver as súas capacidades como creadores literarios, demostrando excelencia en imaxinación, sensibilidade e apego polo que é de seu: a lingua, a literatura e a cultura galegas.