A Festa das Palabras da Estrada alcanza a décima edición reafirmando o seu valor

Os equipos de Dinamización da Lingua Galega de todos os centros educativos colaboran nunha proposta exitosa | O acto final terá lugar o próximo martes no Teatro Principal

Representantes de todos os centros escolares estradenses participaron na presentación.

Representantes de todos os centros escolares estradenses participaron na presentación. / Lois Docampo

Os equipos de Dinamización da Lingua Galega de todos os centros de ensino da Estrada “Dinamizastrada” e o. Concello da Estrada celebrarán o vindeiro martes, día 6 de xuño, a décima edición da Festa das Palabras, nun acto que volverá encher o Teatro Principal de literatura. Este evento foi presentado onte no consistorio estradense, contando coa presencia do concelleiro de Cultura, Juan Constenla, e representantes dos sete centros escolares do municipio.

Este acto é a coroación ao concurso literario de Micropoemas e Microrrelatos desenvolvido ao longo de varios meses para favorecer o uso do galego. Neste reto, os autores tiveron que crear relatos coa palabra ‘camiño’ e poemas coa palabra ‘espello’. Ambos os dous termos aparecen nos títulos de obras de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado nas Letras Galegas deste 2023.

Tras a participación de todo a alumnado de Educación Primaria e Secundaria, no segundo trimestre deste curso académico escolléronse 62 gañadores, que verán como os seus textos aparecen nun libro que lles será entregado o día da Festa das Palabras. Os premiados recibirán cadanseu exemplar, que inclúe os 62 escritos, pero tamén 14 ilustracións feitas por nenos e nenas de Educación Infantil, unha portada deseñada por Rosa de Cabanas e un prólogo de Charo Golmar.

“Alí estará presente o alumnado e as familias para render a debida homenaxe á nosa lingua e aos nosos pequenos escritores e escritoras, autores de textos rebordantes de imaxinación de creatividade e de calidade, e cando iso vai da man a confianza en que a lingua teña presente e futuro non pode facer máis que medrar e medrar”, explicou na súa intervenció o mestre do colexio de Lourdes, Víctor López.

Charo Golmar, a madriña

Como madriña literaria desta nova xeración de pequenos creadores a Festa das Palabras contará coa participación da escritora Charo Golmar. A lalinense é mestra e poeta, autora dos poemarios Nobelo de luz, do 2020 e No bico do vento, do 2022 “É quen de achegar a poesía aos máis pequenos, tirando partido da súa propia experiencia vital como mestra. A súa poesía é toda unha lección de vida, unha guía para o descubrimento persoal de cadaquén, poñendo en valor esa individualidade fronte á comunidade”, explicou María Mato, profesora do IES Nº1 durante o acto.

A iniciativa está promovida polos equipos do CEIP Villar Paramá, CEIP Pérez Viondi, CEIP Cabada Vázquez, CEIP do Foxo, CEIP Figueiroa, CEIP Plurilingüe de Oca, CPR Plurilingüe N. S. Lourdes, IES Nº1, IES García Barros e IES Antón Losada.