O neno que quixo ser alcalde

Os tres aspirantes á alcaldía de Dozón defenden as súas candidaturas partindo da mirada infantil que un día tiveron

De esquerda a dereita, Adolfo Campos, Miguel Ángel Docasar e José Carlos Presas.

De esquerda a dereita, Adolfo Campos, Miguel Ángel Docasar e José Carlos Presas.

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Rematamos esta serie de conversas cos candidatos das comarcas cos tres aspirantes á Alcaldía de Dozón, o concello máis pequeno do Deza. Tanto o actual rexedor, Adolfo Campos, como Miguel Docasar, do BNG, lideran por primeira vez unha lista, mentres que José Carlos Presas, de UCIN, acode ás urnas por segunda vez.

"Nos dous últimos anos quedou claro que Dozón pode ir a máis"

Adolfo Campos - Candidato do PP

decoration

“Escollín esta imaxe porque é a miña foto favorita de cando era neno. É unha das primeiras que conservo, de cando tiña dous anos, e tamén era a favorita de meus pais”, explica o candidato do PP e actual rexedor de Dozón.

Sobre qué lle diría a un neno ou nena para convecelo de que é a mellor das tres opcións políticas que se presentan ás eleccións este domingo, Adolfo Campos lembra que, para a poboación máis nova, acometéronse distintas iniciativas dende o goberno local do PP. “Acabamos de construír a pista multideporte no colexio, nos últimos dous anos organizamos máis de 30 actividades infantís e nos vindeiros catro anos imos organizar moitas máis actividades pensadas para el e para os seus amigos, ademais de manter os campamentos de verán e a programación do Concilia”.

Adolfo Campos Vázquez pasou a ser alcalde de Dozón en xullo de 2020, trala renuncia do seu pai e anterior rexedor, Adolfo Campo Panadeiros, en xuño dese mesmo ano. Por iso, para Adolfo son as primeras eleccións que afronta como líder dunha candidatura que, por otra banda, leva xa varias décadas gobernando cunha maioría absoluta moi folgada.

“Quero repetir como alcalde porque nos últimos anos quedou claro que Dozón pode ir a máis e porque somos unha candidatura cun proxecto de futuro para conseguilo, con 25 propostas concretas”. Bota man das novas infraestruturas con qe conta o Concello, financiadas en parte por outras administracións, para recalcar que “demostramos que sabemos xestionar os cartos públicos con eficacia e queremos seguir gobernando Dozón con estabilidade e dunha forma responsable. Quero repetir como alcalde porque o futuro de Dozón non pode converterse nun experimento político”.

"A un neno diríalle que non se conforme coa primeira idea que lle conten"

Miguel Ángel Docasar - Candidato do BNG

decoration

“Escollo esta foto, aínda que outras sexan máis divertidas, ou menos formais, porque con ela empecei o meu expediente académico no colexio de Dozón. Recorrendo aquelas corredoiras bastante desastrosas tódolos días, sen ningunha actividade despois do cole, máis que chegar á casa, merendar e, xa con algúns anos máis, axudar nas tarefas gandeiras. Cando chegou o BUP marchar vivir a Lalín, pois non existía transporte escolar para o instituto, e volver o fin de semana. Había poucas facilidades para un neno que quixera estudar e vivir en Dozón”, lembra Miguel Ángel Docasar.

“A un neno diríalle que non se conforme coa primeira idea que lle conten, que se ve algo que se pode mellorar que o pida, os representantes públicos estamos para mellorar a vida da veciñanza, e polo menos dende o BNG estaremos para escoitalo, e tratar de solucionar esa necesidade que poida xurdir”.

Docasar repasa a súa traxectoria política que o levou a ser agora candidato. Cando estudaba en Lalín, “naqueles tempos non se me pasaba pola cabeza ser concelleiro, e menos aínda, alcalde. Polo ano 1999 pasou por diante o proxecto do BNG, e vendo que o concello non mellorara moito con respecto a aqueles tempos, senón que parecía que ía para atrás, decidín unirme ó proxecto. Non somos un grupo que teñamos un interese polo cargo, e imos rotando os postos, polo que nesta volta serei eu quen encabece a equipa”.

Engade que “o noso interese é mellorar a vida e condicións económicas e laborais da veciñanza, e que vivir en Dozón sexa unha opción tan válida coma outra calquera. Necesitamos ter as mesmas condicións e oportunidades que calquera outro territorio, tanto en temas sociais como económicos e laborais,ou tamén de urbanismo”.

"De seguir gobernando o equipo actual, un neno terá que marchar de Dozón"

José Carlos Presas - Candidato de UCIN

decoration

“Esta foto é especial porque recorda a miña infancia diante da miña casa, teño poucas fotos desa época”, apunta o candidato de Unión de Ciudadanos Independientes. José Carlos Presas, que neste mandato obtivo un concelleiro, acode por segunda vez ás eleccións locais.

A un neno ou nena, “preguntaríalle se quere seguir vivindo en Dozón conforme vaia medrando, porque de ser así e de continuar co executivo local actual, ese neno veríase obrigado a marchar. Temos que pensar que nos últimos 30-40 anos nos que leva gobernando o PP, baixou moito a poboación, e iso pode comprobarse vendo o número de estudantes matriculados no colexio e comparándoos cos que había tempo atrás”. Para José Carlos, este profundo descenso do alumnado no CEIP Pío Cabanillas débese a que “para traballar hai que marchar deste municipio, xa que non hai postos de emprego nin nada”.

Ao preguntarlle por qué quere ser alcalde deste municipio, o candidato de UCIN explica que co seu equipo “aumentaría a oferta en servizos e destinaría máis orzamento a áreas como educación e cultura, para termos un municipio máis atrainte” tanto para a xente nova que xa reside nel como para persoas foráneas que desexen iniciar en Dozón a súa vida.

Presas tamén considera necesario darlle un empuxe a un Plan de Urbanismo [Dozón contará cun Plan Básico Municipal, que está en trámites e que sustituirá o anteproxecto do PXOM redactado en 2011 e que non foi máis alá da súa aprobación inicial en 2012].Se Dozón dispón dunhas normas urbanísticas, “poder haber máis construccións, máis vivendas novas, porque agora mesmo non se pode edificar e limítase moito a posibilidade de establecerse neste municipio”.

Suscríbete para seguir leyendo