O neno que quixo ser alcalde de Rodeiro

Os tres aspirantes á alcaldía defenden as súas candidaturas partindo da mirada infantil que un día tiveron

De esquerda a dereita, Cati Somoza, José Luis Camiñas e Alberte Lamazares.

De esquerda a dereita, Cati Somoza, José Luis Camiñas e Alberte Lamazares.

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Cati Somoza, Alberte Lamazares e José Luis Camiñas medirán forzas este domingo. Dous dos candidatos, Cati Somoza e Camiñas, volven á escena política para reforzar os seus respectivos partidos, mentres Lamazares pretenderá dar o salto dende o principal partindo da oposición que é hoxe á Alcaldía.

“Fun unha nena feliz e son unha muller rodeada de xente que me quere”

Cati Somoza - Candidata do PP

decoration

“Está claro que a infancia é a etapa máis inocente e bonita da vida. Pero tamén é certo que, mentres atravesamos eses marabillosos anos, non somos conscientes da nosa fortuna. Na foto sinto a ledicia de compartir coa familia momentos especiais e o día a día porque, definitivamente, fun unha nena feliz e convertinme nunha privilexiada muller rodeada de xente que me quere e me apoia”.

Se Cati Somoza tivera que convencer a un neno para que a votase, diríalle que “somos coñecedores das necesidades que os cativos teñen no noso concello. Por esa razón, e pola importancia que terán no futuro, buscamos as melloras máis inmediatas, imprescindibles e atractivas, como a creación dun Consello Escolar Municipal para mellorar a convivencia da comunidade educativa, ou as Escolas Deportivas Municipais, con todos os beneficios e alegrías que nos van ofrecer, completando así os éxitos acadados cos equipos existentes. E son só un par de exemplos”.

Cati preséntase ás eleccións “porque os veciños me animaron masivamente desde un primeiro momento e Luis López puxo a semente para a xerminación e a culminación co equipo que formamos para idear un programa do que nos sentimos tan contentos. Sentín medo, claro, sobre todo ao principio; pero estou moi orgullosa do traballo realizado, e iso xa o compensa todo”.

Engade que lle gostaría ser alcaldesa “porque Rodeiro é o meu lugar no mundo, representa todo o que son e todo o que sinto, e creo que podo contribuír, co meu traballo, sacrificio e vocación polos veciños, a deixar un concello mellor, un concello que cada día teña máis oportunidades e servizos sen perder a súa marabillosa esencia de ser un dos grandes territorios agrogandeiros de Galicia”.

“A diferencia doutros candidatos, eu teño un fillo que quero que medre aquí”

Alberte Lamazares - Candidato de Unidade por Rodeiro

decoration

“Escollín unha foto dun dia de xuntanza familiar. Representa a unión e o cariño que nos temos os Da Veiga.

En canto a qué argumentos empregaría para convencer a un cativo ou cativa de por qué son a mellor opción, é porque coñezo perfectamente as necesidas dese neno ou nena, xa que eu teño un fillo que, a diferenza doutros candidatos de ambas candidaturas, quero que medre en Rodeiro. Por iso, protexerei a súa infancia educativa e social, así como a deportiva e cultural. E para os seus avós tamén temos un completo programa social de coidados e atención social, protexendo a sanidade e o servizo do SAF. Tamén construiremos un centro de día. Para os seus pais xeraremos solo industrial para que teñan unha oportunidade laboral en Rodeiro así como vivenda, coidaremos os servizos publicos e o CPI de Rodeiro, e xeraremos vivenda”.

Lamazares, que leva dende o 2015 como concelleiro da corporación, primeiro co BNG e dende o 2019 con Unidade por Rodeiro, sinala que esta formación “é á unica opción que pode facer algo diferente ao que se veu facendo nos últimos 16 anos. Temos experiencia, proxectos e moita ilusión, tanta coma a do neno ao que me dirixo por ver o seu fogar cargado de prosperidade. Somos un equipo de persoas que temos como única prioridade a Rodeiro e a súa xente, que ten os mesmos problemas ca nós”.

Para rematar, Alberte quere acceder á Alcaldía porque “teño o compromiso de traballar arreo e rodearme do mellor equipo para transformar o desastre xerado na última lexislatura no que destaco o abandono do rural, da sanidade e educación, a atención aos maiores, as instalacións deportivas e a falta de inversións por parte da Xunta por culpa dun Partido Popular sen proxecto”.

“A un neno diríalle que farei que se sinta orgulloso de Rodeiro

José Luis Camiñas - Candidato do PSOE

decoration

“Elixo esta foto porque representa un neno feliz, ainda que ese neno non viviu coas mesmas facilidades dun neno de hoxe, fun un neno feliz”, explica o candidato socialista á Alcalía de Rodeiro.

José Luis lembra que “dende moi pequeno ía á escola e ó chegar axudáballe ós meus pais na pequena explotación que tiñan naquel momento, tiñan daquelas 7 vacas.Dende os 15 anos ata os 22 traballei na empresa privada. Os momentos eran outros, ainda que só teño 44 anos.Con 22 anos incorporeime á explotación familiar e nestes momentos conto con 120 animais e instalacions novas. Pero todo isto non foi sinxelo, foi con moita adicacion e esforzo, e precisamente esa é a mensaxe que me gustaría transmitir a calquera neno ou mozo que me lea: todo na vida se consegue con esforzo, traballo e perseverancia. A eles, ós nenos e mozos de Rodeiro diríalles que me votaran a min, porque temos pensado un futuro para eles en Rodeiro, queremos un pobo onde poidan facer un montón de actividades e deportes, campamentos e actividades extraescolares, un pobo cunhas boas instalacións deportivas e un pobo onde os seus pais ou irmáns maiores poidan ter mais posibilidades laborais”.

Camiñas volve á política (xa fora concelleiro dende 2007 a 2015) cun programa para acceder á Alcaldía de Rodeiro con propostas como “un polígono industrial, oferta de vivenda, un proxecto onde tamen se teñan en conta os seus avós maiores que precisen de coidados especiais”. Quere rematar recalcando que a un neno ou nena ao que tivera que convencer de que PSOE é a mellor opción “diríalle que Rodeiro ten futuro, que confíie en min, que farei que se sintan orgullosos de Rodeiro”.

Suscríbete para seguir leyendo