O neno que quixo ser alcalde de Vila de Cruces

Os cinco candidatos fan fincapié na necesidade de mellorar os servizos e as comunicacións das parroquias do rural

Os candidatos Suso Otero (foto grande), Luis Taboada (arriba esquerda), Manuel Souto (arriba dereita), María Manteiga (abaxo esquerda) e Álex Fiuza (abaixo dereita)

Os candidatos Suso Otero (foto grande), Luis Taboada (arriba esquerda), Manuel Souto (arriba dereita), María Manteiga (abaxo esquerda) e Álex Fiuza (abaixo dereita) / Cedidas

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Dous dos cinco aspirantes á Alcaldía de Vila de Cruces, Luis Taboada e Manuel Souto, estiveron emigrados de mozo e de neno, respectivamente, no País Vasco. Son só dous exemplos das ducias de veciños cruceños que escolleron esas terras como segunda patria. A emigración está moi presente neste concello dezao, como o está o rural, que tan ben coñece María Manteiga pola súa profesión como gandeira, e tanto Luis Taboada como Jesús Otero é Álex Fiuza polo seu traballo na política local durante este mandato que está a piques de rematar.

Jesús Otero: "A formación e a educación son primordiais para o avance dun pobo"

“Esta foto tráeme moi bos recordos, tería 5 anos. Elixina porque está comigo unha das mulleres máis importantes da miña vida, a miña nai, a quen lle debo todo o que son, e porque foi sacada no barco de Chanquete, a primeira vez que subín a un barco e puiden ver a inmensidade do mar e desfrutar da fermosa experiencia de xogar e camiñar pola praia descalzo”.

Para convencer a un cativo para que o vote, Jesús Otero di que “pasaría o meu tempo con el, escoitándoo, xogando ó que máis lle guste, gozando da mente marabillosa dos cativos. Cando ese neno teña a maioría de idade, xa terá a liberdade e capacidade para decidir se son merecente da súa confianza. O que si teño moi claro é que a formación e a educación son primordiais para o avance dun pobo, algo fundamental que levamos no noso proxecto, ó igual que o benestar social dos nosos cativos e as súas familias”.

Estou aquí porque teño forza, enerxía e sentimento por Vila de Cruces”

Otero foi alcalde de Vila de Cruces durante 29 anos, e nos últimos catro estivo á fronte do principal partido da oposición. “Preséntome novamente como candidato á Alcaldía porque quero un Vila de Cruces con infraestruturas, con futuro. Teño toda a ilusión neste proxecto e no fantástico equipo que me acompaña e, entre todos, loitaremos para que sexa un lugar atractivo para calquera persoa, onde os nosos cativos poidan desfrutar da tranquilidade do pobo e do fermoso rural que nos rodea, con tódolos servizos necesarios. Un lugar no que a conciliación familiar, cos cativos e cos nosos maiores, sexa máis doada; un concello de oportunidades. Estou aquí porque teño forza, enerxía e sentimento por Vila de Cruces”.

Luis Taboada: "Quero fortalecer as aldeas para fixar poboación e aumentar o consumo local"

“A imaxe está tomada no País Vasco, cando tiña 16 anos e traballaba en Ferrovial. Eu saín da escola e comecei a traballar con 14 anos”, explica Luis Taboada, actual alcalde de Vila de Cruces que tenta revalidar o cargo. Sobre qué lle diría a un neno ou nena para convecelos de que a súa opción política é a mellor para este municipio, recalca que “eu nacín nunha aldea, en Cumeiro, no 1955. Daquelas só había lama e barrizais, por iso agora o que quero é preparar todas as aldeas dun xeito correcto”.

Non se refire só á mellora de pistas, senón a outras necesidades que ten a infancia agora para formarse e comunicarse, como “o acceso a internet e ás novas tecnoloxías. Hoxe a infancia é moi distinta a cando eu era neno”. Engade que cunha boa rede de servicios e de comunicacións, “no rural pode vivirse moi ben. A aldea é un sitio marabilloso, porque podes ademais disfrutar da natureza”.

Con 15 anos diseñei un pantalón vaqueiro. A día de hoxe, segue gustándome moito coser, planchar e lavar roupa”

Luis quere continuar á fronte da administración local porque “a miña idea é seguir fortalecendo as aldeas, porque así podemos tentar fixar poboación e, se hai máis habitantes no rural, tamén vai aumentar o consumo nos comercios e na hostelería de Vila de Cruces e, polo tanto, vai medrar tamén o municipio. Quero deixar as parroquias impecables para vivir nelas, e conto para iso coa miña experiencia” de máis de 40 anos no mundo da construcción. E iso que ao Luis Taboada neno e adolescente en principio non lle tiraba este sector, senón a xastrería. “Con 15 anos diseñei un pantalón vaqueiro. A día de hoxe, segue gustándome moito coser, planchar e lavar roupa”.

Alexandre Fiúza: "Cruces merece un trato equitativo para todas as persoas"

“Escollín esta foto porque está feita no centro da vila, diante do comercio familiar. Os meus avós maternos e paternos tiveron negocios nas Cruces, e eu sempre andaba entre eles. O trato ás persoas, a atención e empatía coa veciñanza foi algo que sempre estivo presente na miña vida. O recordo dunha vila activa, a implicación de meus pais e os seus compañeiros para a dinamización e os paseos co meu pai no reparto, percorrendo e coñecendo as parroquias, construíron en min un sentimento de orgullo de pertencer a un concello cun potencial enorme”.

“Se dos máis pequenos e pequenas dependesen as eleccións, dende a sinceridade sen filtros como caracteriza á infancia, pediríalles o voto por unha Vila de Cruces feita por e para a xente, porque precisamos desintoxicar un concello gobernado polo interese e as disputas persoais.”

Os paseos co meu pai no reparto, percorrendo e coñecendo as parroquias, construíron en min un sentimento de orgullo de pertencer a un concello cun potencial enorme”

Álex Fiuza preséntase á Alcaldía “porque conseguín un grupo de xente co que construír un proxecto para vivir, disfrutar e compartir coa veciñanza. Queremos que as persoas maiores teñan lugares de encontro e servizos a medida, queremos ofrecer un concello onde traballar, onde ter unha vivenda para poder formar unha familia, encher as rúas e parroquias de nenas e nenos cunha oferta educativa e de ocio coas mesmas oportunidades dende Gres ata Asorei. Vila de Cruces merece que o concello invirta nos servizos básicos sen mirar a quen, merece un trato equitativo para todas as persoas”.

María Manteiga: "Sempre teremos en conta as opinións dos nenos"

“Calquera foto da infancia representa as miñas paixóns: o rural e a gandeiría. Crieime nunha aldea con vida e con nenos e nenas, bastante distinto ó que a día de hoxe podo encontrar”, indica a candidata do PSOE.

“Gustaríame ser a próxima alcaldesa de Vila de Cruces para facer unha vila máis apetecible e con maior oferta deportiva e cultural en especial para as nosas crianzas”. Se tivera que convencer á cativada, “direilles que o meu equipo é a mellor opción porque temos representada a xuventude, porque hai pouco que eu fun unha cativa e sempre os escoitaremos e teremos en conta as súas opinións. Imos loitar para que os coles teñan unha remodelación, uns parques novos e actividades e excursións dirixidos a eles e elas. E ós nosos mozos e mozas, decirlles que imos loitar por unha maior oferta de FP e por un servizo de transporte que lles garanta a súa mobilidade”.

Miraremos polo ben de toda a veciñanza e acabaremos cos favoritismos e os caciquismos”

María Manteiga opta á Alcaldía para que Cruces teña por primeira vez unha rexedora e “para que estea gobernada dende a humildade e a transparencia. Miraremos polo rural, garantizaremos que as vivendas teñan auga potable, que se empecen as redes de saneamento, manter as pistas e as cunetas limpas. Imos loitar por ter chan industrial dispoñible para non perder máis emprego, e para que sexamos un concello apetecible para as empresas que busquen donde asentarse. En resumo miraremos polo ben de toda a veciñanza e acabaremos cos favoritismos e os caciquismos”.

Manuel Souto: "De neno non pensei nunca nin en ser alcalde nin en estar en política"

“Escollín esa foto porque define o que é Vila de Cruces para min. Son fillo de emigrantes no País Vasco e nacín en Baracaldo, pero o sentir cruceño acompañoume dende sempre ata o punto de ter morriña dunha terra na cal non nacera pero na que pasaba todas as vacacións. Xa de maior víñenme a vivir a Dorvisou nunha casa que os meus pais foron facendo pouco a pouco a pesar de que eles aínda prolongaron a súa vida no Pais Vasco”.

A un neno “habería que explicarlle que o que se está decidindo nestas eleccións é o Vila de Cruces que herdará nun futuro cercano. Aínda que pareza que os maiores estamos discutindo, en realidade estamos plantexando que é o que vemos mellor para o noso concello. Creo que é bo antepor a inocencia do neno a tentar poñerlle xa mala fama a política dende cativo”.

Creo que o meu pobo precisa un novo xeito de facer as cousas, e que a xente está un pouco farta de que todo sexa tirarse os trastos á cabeza”

Manuel Souto engade que, falando cun neno, “tentariamos facerlle chegar que en Nova Alternativa nos preocupamos por aqueles rapaces que precisan da axuda do Concello para ter as mesmas oportunidades, sexa no ámbito que sexa e vivan no rural ou no casco urbano”

Ainda que “de neno nunca pensei en ser alcalde, nin sequera estar en política, nin tan sequera o pensaba hai unhas semanas” Manuel preséntase aos comicios “porque creo que o meu pobo precisa un novo xeito de facer as cousas. Creo que a xente está un pouco farta de que todo sexa tirarse os trastos á cabeza”.

Suscríbete para seguir leyendo