eva iglesias | Pregoeira da Festa do Galo de Curral de Vila de Cruces

“As citas gastronómicas como O Galo dan a coñecer sitios diferentes”

“A xente sempre agarda a que eu cante despois de dar un pregón”

Eva Iglesias toca a pandeireta durante un programa do Land Rober.

Eva Iglesias toca a pandeireta durante un programa do Land Rober. / Cedida

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Eva Iglesias é un dos rostros televisivos da TVG de moda: leva boa parte do peso do programa Land Rober (para o pai desta redactora, ten moita máis gracia que Roberto Vilar) e colabora no Quén anda aí?, un magazín vespertino. Precisamente, atendeunos por teléfono mentres conducía, trala emisión do programa de antonte.

–¿Coñecía a Festa do Galo de Curral?

–Si, ainda que nunca tiven a sorte de vir a ela a degustar esta carne. En canto a estar en Vila de Crices, pois pode que algunha vez estivera aquí coa orquestra (cantou en Marbella, Cinemae Abanico), pero daquelas nós viñamos na furgineta e íamos directamente ao campo da festa, non visitabamos a aldea en cuestión. Así que en canto vexa o campo, saberei se estiven en Cruces ou non cantando (risas).

–¿Que nos vai contar no pregón? ¿Como se estivo informando do Galo de Curral?

–Pois estou buscando información en internet, e tamén teño que dicir que conto coa axuda do alcalde de Vila de Cruces, que me mandou un audio con seis minutos con información desta festa.O que si podo adiantar é que vai ser un pregón de comedia, porque se trata diso, de rir, de comer e de moita festa.

–Vostede foi coñecida antes como cantante que como actriz ou presentadora. ¿Vai cantarnos despois do pregón?

–Pois agora que o dis, é certo, a xente espera que eu cante, porque tén esa idea moi interiorizada, a da miña faceta como cantante. Se a xente mo pide... (risas). Pero bueno, no caso de Vila de Cruces, despois de min xa actúa David Civera.

–Experiencia como pregoeira de festas gastronómicas xa a ten, pois foino na Festa da Langosta da Guarda, o ano pasado, e na do Lacón con Grelos en Cuntis, en febreiro deste ano. ¿Que lle parecen as festas gastronómicas como un xeito de axudar ao turismo?

–Estou moi a favor destas citas, porque ás veces un pode preguntarse qué plans pode facer para un fin de semana, e se tés unha cita gastronómica deste tipo, pois igual alugas un apartamento toda a fin de semana na zona onde ten lugar esa festa, e ves un sitio diferente. estou moi a favor destas festas gastronómicas porque axudan a dar a coñecer sitios diferentes. E tamén teño que dicir que estou moi contenta por ser a pregoeiroa deste tipo de festas gastronómicas tan potentes.

–Vostede naceu en Rianxo, e en 2017 foi a encargada de dar o pregón das Festas da Guadalupe, que son as máis populares da vila e con moita diferenza. ¿Ë máis fácil dar un pregón na terra da que unha vén que falar dunha festa gastronómica?

–Ui, o de Rianxo foi o pregón máis difícil, con diferencia, e tamén é certo que daquelas eu non levaba tantos anos dando pregóns. Rianxo era daquelas, e é, a miña zona de confort porque eu estou alí cos meus veciños, cos meus amigos... Eu en Rianxo non son Eva Iglesias, senón “a filla do Pitillo”, de maneira que dar un pregón onde nacín é moito máis esixente por parte de quen me escoitaba. Xa sabes cómo é o refrán de que nunca vas ser profeta na túa terra.