Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lalín aglutina o 10% das 163 firmas mercantís creadas en tres meses na área de Santiago

A capital dezá totaliza 17 sociedades, polas 16 de Ames e as 14 de Carballo | A cifra total supera nun 11,6% os niveis do ano anterior á pandemia | O 77% das entidades constituíronse nos 26 Concellos Emprendedores

Xornada do programa sobre emprendemento empresarial ‘Lalín Conecta’, celebrado no pasado mes de febreiro.

Os concellos limítrofes á capital galega e que conforman a área metropolitana de Santiago de Compostela contabilizaron ao longo do primeiro trimestre deste ano a constitución dun total de 163 sociedades mercantís (preto de dúas empresas ao día), e unha de cada dez ten domicilio en Lalín. A cifra global supón consolidar non só as acadadas en anos anteriores, senón incluso superar niveis previos á aparición do COVID-19.

De feito, entre xaneiro e marzo de 2022 creáronse 163 empresas e, no mesmo período de 2019, constituíronse 146 compañías, 17 menos que no primeiro trimestre deste ano. É dicir: o incremento con respecto ao mesmo período de 2019 é do 11,6 %. Polo tanto, en 2021 a área metropolitana de Santiago mantén unha evolución positiva que incluso foi mellorando durante a pandemia.

Neste sentido, se se comparan as cifras do ano pasado con respecto a 2012 (ano máis antigo do que se teñen publicados na web do Instituto Galego de Estatística os datos de explotación do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil), tamén medra o número de empresas creadas –son 27 sociedades mercantís máis entre xaneiro e marzo–, pasando de 136 compañías nos primeiros tres meses de 2012 ás 163 no exercicio actual.

Por municipios

A localidade na que máis sociedades mercantís se constituíron no primeiro trimestre deste ano é Lalín, con 17, é dicir, algo máis do 10% das firmas rexistradas na extensa área de influencia compostelana. A continuación aparecen Ames (16), Carballo (14), Ribeira e Boiro (12 cada un), A Estrada (7), A Laracha, Malpica e Santa Comba (6 en cada caso), Muros (5), O Pino, Frades e Ordes (4 en cada), A Pobra, Dumbría, Noia, Oroso, Teo, Vedra e Rois (3 cada un), Negreira, Coristanco, Outes, Porto do Son, Trazo, Boqueixón e Zas (2 en cada) e, cunha soa entidade, Silleda, Arzúa, Rianxo, Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía, Carnota, Lousame, Val do Dubra, Padrón, Melide e Mazaricos. Os únicos concellos nos que non se creou ningunha firma nese período son os de Touro, A Baña, Laxe, Tordoia, Brión, Dodro, Camariñas e Vimianzo.

Esta evolución positiva débese principalmente aos municipios que se adheriron á rede de Concellos Emprendedores. Das cincuenta localidades que conforman a área metropolitana de Santiago e que se avaliaron neste informe, un total de 26 son Concellos Emprendedores. Cómpre destacar que nestes últimos municipios constituíronse 126 das 163 empresas rexistradas no que vai de ano; é dicir, malia a ser a metade dos concellos da comarca, representan 3 de cada 4 novas compañías creadas, un 77,3 % do total.

Ademais, os 26 Concellos Emprendedores son os que contribúen en maior medida ao incremento de empresas creadas con respecto ao primeiro trimestre do ano pasado: o balance en 2023 é positivo porque nestes territorios xurdiron 126 compañías, 10 máis (8,62%), mentres que nas 24 localidades que non se adheriron a este rede autonómica o número de empresas creadas entre xaneiro e marzo foi de 37, nove menos que no mesmo trimestre de 2022, o que equivale a un descenso do 19,57%.

Menos trámites, máis facilidades e máis incentivos

A figura de Concello Emprendedor –creada pola Xunta coa colaboración da Federación Galega de Municipios e Provincias e que agora está consolidada a nivel lexislativo– implica que colaboran coa administración autonómica na captación de novos investimentos para Galicia. En concreto, contribúen a alcanzar tres grandes retos: máis simplificación administrativa (bonificacións nos impostos de bens inmobles, actividades económicas e construción para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes, con ata o 95 % de bonificación se crean máis de vinte postos de traballo; como mínimo o 75 % cando sexan entre once e vinte empregos; e un mínimo do 50 % pola creación de ata dez postos de traballo); máis facilidades de acceso a solo industrial (concesión das licenzas de obra maior nun prazo máximo de trinta días naturais desde que dispoñen de todos os informes); e máis incentivos fiscais (bonificacións e incorporación do dereito de superficie para favorecer o acceso a solo empresarial).

A cambio, os Concellos Emprendedores teñen prioridade en convocatorias de ordes de axudas da Xunta de Galicia dirixidas, por exemplo, á mellora dos parques empresariais, posta en marcha de viveiros industriais, impulso da biomasa, etcétera. Deste xeito, contribúese tamén á creación de emprego. En Galicia, 153 municipios xa se sumaron a esta iniciativa. Ademais dos 26 da área xa referidos, podería engadirse a propia cidade de Santiago de Compostela, que se incorporou ao protocolo en xaneiro de 2020.

“Galicia é o lugar máis axeitado para investir pola confianza e seguridade que achega ao tecido empresarial á hora de poñer en marcha novos proxectos. Os datos de creación de empresas na área metropolitana de Santiago de Compostela confirman esta posición”, sinalan dende a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación. “Seguirase traballando nese labor de acompañamento ao tecido empresarial para identificar novas oportunidades”, engaden. Neste sentido, a Lei de simplificación administrativa axiliza o procedemento, reducindo os prazos ao tempo que se manteñen todas as garantías xurídicas.

As dúas bisbarras rexistran 31 proxectos, con Agolada, Rodeiro e Forcarei en branco

Máis alá da puxanza de Lalín, a creación de sociedades mercantís presenta un comportamento positivo no global das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. O balance durante o primeiro trimestre deste ano é de 31 entidades novas, tres máis ca no mesmo período do ano anterior. E iso que hai tres municipios en branco: en Agolada, Rodeiro e Forcarei non consta ningunha sociedade mercantil nova entre xaneiro e marzo do presente exercicio, tal como refleja o Borme. Agolada sí rexistrara tres proxectos o ano pasado, un por mes. Pero Rodeiro e Forcarei tamén pecharan o trimestre inicial de 2022 con cero.

Lalín concentra máis da metade da actividade rexistral mercantil no que vai de ano, con 17 compañías novas: tres en xaneiro, seis en febreiro y oito en marzo. Duplica as súas cifras do curso precedente, cando iniciara o ano en branco e logo apuntara catro tanto en febreiro coma en marzo. En segundo lugar aparece A Estrada, con sete sociedades –dúas en xaneiro e marzo e tres en febreiro–, exactamente o mesmo número que tivera no trimestre inicial de 2022. Tamén Vila de Cruces calca os díxitos do curso pasado, con tres compañías, a razón dunha por mes, tanto nun ano coma noutro.

En Cerdedo-Cotobade contabilízanse dúas novas empresas no mes de marzo, despois de non rexistrar ningunha nos dous meses anteriores. O ano pasado, no mesmo período, foran inscritas cinco sociedades mercantís no concello fusionado, unha en xaneiro e dúas tanto en febreiro coma en marzo. Unha entidade anotan Silleda e Dozón. No caso de Trasdeza, cunha única sociedade inscrita en xaneiro, a evolución vai a peor con respecto ao ano anterior, cando se deran de alta cinco novas entidades. Dozón, en cambio, pasa de non tener ningunha entre xaneiro e marzo de 2022 a unha este febreiro.

Sociedades limitadas

Por meses, marzo pechou con once compañías de nova creación no global das bisbarras, as mesmas ca febreiro, mentres que en xaneiro houbera sete. O Boletín Oficial do Rexistro Mercantil distingue entre sociedades limitadas, anónimas e “outras”. A práctica totalidade das que se rexistran na zona adoitan ser limitadas. De feito, neste trimestre só hai unha excepción en febreiro en Lalín, no epígrafe “outras”.

Compartir el artículo

stats