Castros de Agolada

A práctica totalidade dos quince xacementos inventariados están moi degradados e nun lamentable estado de conservación, o que mesmo fai moi difícil as visitas

Vista xeral do Castro Marcelín,  na parroquia  de Merlín.

Vista xeral do Castro Marcelín, na parroquia de Merlín. / Fotos: Ángel Utrera

Ángel Utrera

Coa información de Depodeza, para a súa localización, e as fichas arqueolóxicas de Elixio Vieites, recollidas en Patrimoniogalego.net, o libro de Antonio Presas e Xoán Carlos García Porral O Mundo dos Castros e o inventario de Luis Xulio Carballo Arceo, fun xirando visita ao longo dos meses á practica totalidade dos nosos redutos desta cultura castrexa, tan esquecida como abandonada ata o punto de que moita xente ignora o que ten o carón da súa casa.

Castro de Amarante, no veciño municipio de Antas de Ulla.

Vista do antecastro de Esperante. / Ángel Utrera

Non se sabe con exactitude o número de castros que houbo en Galiza, pero pode estimarse nun mínimo de 3.000, aínda que non todos estaban ocupados á vez e quizais houbo arredor de 1.500 na época de maior vitalidade, pero tan só hai uns 50 escavados arqueoloxicamente. Constitúen o tipo máis frecuente e característico de poboación no noso país. Están situados en outeiros ou elevacións prominentes, pero raras veces en cumios altos. Teñen planta circular ou ovalada e contan cunha ou varias murallas e, ás veces, varios foxos defensivos e de protección. Dous dos exemplos máis coñecidos son o castro de Coaña e o de Viladonga, sen esquecer Santa Tecra ou Baroña, entre outros.

Castro Marcelín, visto polo lado sur.

Castro de Amarante, no veciño municipio de Antas de Ulla. / Ángel Utrera

Os poboados castrexos acostuman erguerse en outeiros despexados, promontorios rochosos ou penínsulas que se adentran no mar, o que facilita a visibilidade, a defensa e o dominio do contorno. O lugar do asentamento vén dado tamén en función dos recursos naturais explotados polos moradores. Os castros contan cun recinto superior, a “croa”, e unha serie de socalcos cara abaixo onde se sitúan as construcións. Cada unha destas seccións pode estar limitada por murallas, parapetos ou foxos. Ás veces hai unha especie de engadidos, os antecastros, que tamén se arrodean de murallas pero non albergan vivendas, polo que se supón que estaban destinados a animais ou hortas.

Castro de Gurobela, no Sexo.

Castro Marcelín, visto polo lado sur. / Ángel Utrera

Os castros adoitan ter unha única entrada que tamén ten a función de impedir o paso. Nalgúns casos é un simple engrosamento nos remates da muralla; noutros, un entrepano da muralla sobrepasa ao outro formando un corredor estreito. Suponse que se fechaban con portas de madeira.

Restos do foxo exterior da croa do Castro de Borraxeiros.

Castro de Gurobela, no Sexo. / Ángel Utrera

As defensas dos castros non parecen responder a necesidades bélicas senón de prestixio e de delimitación simbólica do espazo habitado. De feito, son poucas as armas que se teñen atopado. Ademais das defensas naturais, atópanse estruturas de diversos tipos: Terrapléns: desniveis no terreo formados por terra e pedra, que poden ser naturais; son a base das defensas e habitualmente proveñen dos entullos das obras fundacionais no interior. Parapetos: elevacións artificiais do terreo nos puntos máis desprotexidos (entradas e zonas chas). Foxos: gabias alongadas e profundas, xeralmente asociadas aos parapetos, que poden estar escavadas en terra ou rocha viva. Murallas: defensas de cachotería de tipoloxía variada; por exemplo, dous muros paralelos de pedras cun recheo de pedra. Dende o interior subíase a eles mediante escadas de madeira, laxas encastradas, ramplas ou pedras.

Vista norte do Castro de Buxel.

Restos do foxo exterior da croa do Castro de Borraxeiros. / Ángel Utrera

Poden existir torres defensivas nos accesos ás portas. Son elementos tardíos. O piso das vivendas era de barro pisado. Con anterioridade aos séculos II-III a.C. os muros construíanse maiormente de pallabarro, cun poste de madeira central; posteriormente usouse cachotería en fiadas máis ou menos horizontais (ou poligonais, nalgún caso). As cubertas facíanse de colmo reforzado con barro e suxeito por pesos ou posteriormente de tellas (tégula e ímbrice).

Vista xeral do Castro de Val de As Trabancas e estado que presenta a súa croa.

Vista norte do Castro de Buxel. / Ángel Utrera

A partir do século I d.C., coa influencia romana, fanse máis abundantes as plantas cadradas ou rectangulares. O elemento esencial dunha vivenda é a lareira, que no cambio de era situábase no centro e estaba feita con laxes ou barro e a finais do século I d.C. desprázase cara a un lateral e faise, nalgúns casos, con tégulas.

Vistas parciais do foxo e da croa do xacemento da parroquia de Galegos.

Vista xeral do Castro de Val de As Trabancas e estado que presenta a súa croa. / Ángel Utrera

Para saber máis dos nosos castros resulta obrigado consultar o estudo que sobre eles realizaron Antonio Presas e Xoán Carlos García Porral, no libro O Mundo dos Castros. A Comarca do Deza, que publicou FARO DE VIGO. Recomendo consultar as publicacións existentes, coma A Cultura Castrexa na Comarca do Deza, de Carballo Arceo, editado polo Padroado de Cultura-Concello de Lalín e o seu Seminario de Estudos de Deza, e, por suposto, a Guía dos Castros de Lalín, de C. Buxán, editada pola Asociación Cultural O Naranxo.

Castros de Agolada

Vistas parciais do foxo e da croa do xacemento da parroquia de Galegos. / Ángel Utrera

No municipio de Agolada atopamos inventariados quince xacementos: Marquesado, en Brocos; Gurobela, en O Sexo; Basadre; Buxel, Lagares e Vilanova, en Borraxeiros; Carmoega; Esperante; Val e O Sino, en Val de Sangorza; A Eirexe, en Ventosa; Santa Comba; Galegos; o denominado Coto dos Mouros, nas Trabancas; e, desde logo o máis coñecido, o mítico Castro Marcelín.

Castros de Agolada

Castros de Agolada / Ángel Utrera

Marcelín e Galegos

Quizais o máis significativo de todos sexa o Castro Marcelín. Data da Idade do Ferro e localízase en San Pedro de Merlín. Segundo contan as lendas, hai un tesouro gardado por tres minas: unha de ouro, outra de prata e a terceira de alcatrán. Cando alguén tropece co tesouro, co só tocalo, acenderase a mina de alcatrán e converterá en carbón ao ousado e sete parroquias á redonda. O nome do castro venlle dunha raíña que se chamaba Marcela (do libro de Manuel Galego Iglesias Los castros y la reina Marcela, 24-IX-1963, extracto publicado na páxina web Galicia Encantada).

Castros de Agolada

Castros de Agolada / Ángel Utrera

O asentamento fortificado atópase nun outeiro granítico e a unha altitude de 660 metros. A croa de forma ovalada ten unhas medidas duns 90 metros no eixo NO-SL e uns 50 no NL-SO. Está rodeada dun terraplén en todo o seu perímetro e pola zona que abrangue dende o NO ao SL o recinto amplíase co que parece un antecastro en forma de media lúa, dunha anchura de 35 metros no sitio máis amplo da zona SL, e protexido por outra muralla de terra. A parte leste foi afectada pola construción dunha pista que cortou as defensas do antecastro e croa. Localizamos o xacemento na pista que sae do polígono de Agolada e vai pola estrada de Melid á parroquia de Bais. Collemos á man esquerda cara arriba por outra pista máis pequena.

A práctica totalidade dos nosos castros atópanse sumamente degradados nun lamentable estado de conservación, o que mesmo fai moi difícil a visita e observación das súas características, tal e como ocorre co de Galegos. Chama a atención no parapeto superior a cantidade de furados, toupeiras ou tobeiras, non sei de que animal poden ser, que se localizan, así como a cantidade de material que teñen escavado, restos de arxila e posiblemente algunhas cerámicas dos muros e teitos do castro. A forma practicamente oval do recinto é moi facilmente observable a simple vista dende o seu interior; o foxo defensivo elévase uns 80 metros; e como defensas ten un terraplén no zona noroeste e un parapeto no sur de case 6 metros de anchura. Segundo parece, o castro sufriu unha forte modificación da súa estrutura, seguramente por mor das labores agrícolas e preparación das fincas lindeiras, na década dos anos noventa do pasado século. Exemplo de castro en forma de media ladeira dominando todo o val, a visibilidade é impresionante e con foxo e parapeto como medidas de defensa.

Outro dos castros máis relevantes de Agolada atopámolo case no límite xeográfico entre o noso concello e o veciño de Melide, practicamente á beira das augas do Ulla, ao que se pode baixar nunha careiriña de can, dende a croa deste Castro de Galegos, situado no lugar chamado Dos Castros, parroquia de Eidián. Para chegar, temos que coller a estrada nacional dirección Melide, e antes de cruzar o río, pola ponte nova apartamos á dereita collendo pola vella pista que vai ao muiño das Canizas e Basadre, atravesando entre as casas do lugar de Galegos, tomamos a primeira pista a dereita cara arriba.

Xa na distancia resulta doado observar a típica silueta do castro, a súa croa circular na que no interior medran carballos, eucaliptos e todo tipo de arbustos, silvas, toxos, xestas. En principio pódese observar como as pistas de concentración parcelaria, afectaron e deterioraron o parapeto e foso da croa, tal e como refiren tanto os traballos desenvolvidos polo equipo de arqueólogos que hai anos realizaron varias catas, coma Carballo Arceo, que nos deixou explicado na súa publicación: “Non foi moi afectado polo paso do tempo, pero si polos traballos de agricultura e pradería moi preto do zona do ante castro”. Agora moito nos tememos que no futuro. á vista das plantacións de eucalipto, que medran no noroeste do castro, mesmo uns metros por diante do terraplén defensivo do ante castro, o seu deterioro vai resultar imparable e definitivo.

A realidade é que tanto nos castros de Borraxeiros, no de Basadre, no de Esperante, no de Gurobela e Ventosa, sen esquecer o de Carmoega, coa croa dedicada a traballos agrícolas e nas proximidades do seu parapeto, explotacións forestais de eucaliptos, os traballos agrícolas degradaron progresivamente tanto os foxos, como os parapetos, destes castros, ao tempo que en moitos deles mesmo se realizaron labores de rotulado e plantación no interior das súas croas, o que provocou un dano irreparable nos mesmos.

Lamentablemente, Agolada resulta ser un concello cheo de restos arqueolóxicos, tanto en castros, como en antas e túmulos, e dende logo petróglifos –como son os de Ventosa, Laxosa, Aián, Axiaz, Couso–, o que tería que motivar aos nosos responsables municipais a dotar os medios e vixiancia sobre este patrimonio, herdanza dos nosos devanceiros que de ningún modo debemos perder.

Suscríbete para seguir leyendo