Aquel partido de balonmán na Lechería

Alfonso Golmar, canario de raíces lalinenses, busca aos compañeiros cos que xogou en 1963

Nené do Pután, O Músico de Goiás, Luís Cuñarro, Alfonso Golmar, Toño das Palmeras e Vicente Ulloa, na foto datada contra o ano 1963. |   // ARQUIVO JOAQUIN PORTO (VILAGARCÍA)

Nené do Pután, O Músico de Goiás, Luís Cuñarro, Alfonso Golmar, Toño das Palmeras e Vicente Ulloa, na foto datada contra o ano 1963. | // ARQUIVO JOAQUIN PORTO (VILAGARCÍA) / Daniel González Alén

Daniel González Alén

Alfonso Golmar Izquierdo, un canario con raíces lalinenses que agora vive en Huelva, mándanos unha foto na que aparece no campo da Lechería a carón do ano 1963 con catro daquela mozos de Lalín, que agora roldan os oitenta anos, logo de disputar un partido de balonmán co gallo das festas patronais de Lalín. Sesenta anos despois, quere saber os nomes dos seus compañeiros, que xa non lembra, naquel partido que disputaron contra non sabe quen, e que foi deles logo de tanto tempo.

A familia do dentista Bernardo Zalabeite cuns amigos diante da casa das Queimadas.

A familia do dentista Bernardo Zalabeite cuns amigos diante da casa das Queimadas. / Daniel González Alén

Coidando que pode interesar aos outros que aparecen na foto ou aos seus parentes, veciños e amigos, poñemos aquí a foto, por se alguén pode e quere ampliar a información que nós, ata onde sabemos, ofrecemos aquí. De esquerda a dereita, figuran: Nené do Pután, que aínda mozo emigrou para Venezuela coa súa familia e nunca máis o volvemos ver por aquí. O segundo que aparece na foto é O Músico de Goiás, do que sabemos que traballou de chapista e pouco máis. No centro, con gorra, está Luís Cuñarro, que daquela estudaba no Instituto Laboral, destacando coma porteiro de fútbol e balonmán e finado hai uns anos logo de retornar da emigración en Suiza. A seu carón está o referido Alfonso Golmar, que naqueles tempos pasaba algunhas semanas de verán coa súa familia lalinense, Zalabeite Golmar –da que aquí tamén ofrecemos un par de instantáneas–. E, xunto a el, Antonio Rodríguez Pereira, máis coñecido por Toño das Palmeras, polo negocio de pensión que tiñan os seus pais na Praza da Igrexa de Lalín. Completa os presentes na fotografía Vicente Ulloa, recentemente falecido, membro dunha ben coñecida familia con negocios de carnicería na vila.

Pedro Zalabeite e a súa dona Carmen en 1930 no Outeiro de Filgueira..

Pedro Zalabeite e a súa dona Carmen en 1930 no Outeiro de Filgueira.. / Daniel González Alén

Alfonso Golmar Izquierdo, un enxeñeiro que leva anos gozando da súa xubilación, é curmán da nosa amiga Charo Golmar, quen foi quen nos puxo en contacto. Destacado deportista, foi campión nacional de bridge, modalidade na que representou a España en varias olimpiadas, sendo un dos fundadores do clube de baloncesto Victoria de Acentejo de Tenerife. E aínda na actualidade segue na práctica do tenis, deporte no que ten acadado numerosos trofeos. Tamén foi actor de cine e teatro e, no eido profesional, traballou coma enxeñeiro para a empresa Agromán en numerosas obras que esta constructora realizou por toda España.