Coto do Castelo organiza a Festa do Raxo o 1 de abril en Graba

A cita, que inclúe música, ten as entradas á venta por 15 euros | O colectivo quere desestacionalizar os eventos gastronómicos

Daniel Areán e Martiño Novo presentaron a festa xunto a Manuel Cuiña e Mónica González.

Daniel Areán e Martiño Novo presentaron a festa xunto a Manuel Cuiña e Mónica González. / salomé soutelo

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Silleda engade unha nova cita gastronómica ao seu xa extenso calendario: Graba celebrará a primeira edición da súa Festa do Raxo o sábado 1 de abril.

A cita será no campo da festa da parroquia e está organizada pola Asociación Sociocultural Coto do Castelo. Dous integrantes do colectivo, Martiño Novo Canda e Daniel Areán Filloy, presentaron onte o evento no consistorio, acompañados polo alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Cultura, Mónica González Conde. En Graba víñase celebrando en agosto a Festa do Mexilón e o Bolo Preñado. “Son produtos con pouco arraigo, por iso decidimos apostar polo raxo”, explica Martiño Novo, tendo en conta tamén o peso do sector porcino neste municipio.

Engade que o raxo é un dos alimentos “que máis gustan e con máis tradición”. E non só cambia o contido da festa gastronómica, senón tamén a data: se ata agora tiña lugar no verán, dende este ano a cita de Graba será en primavera. Deste xeito, Coto do Castelo pretende “desestacionalizar as celebracións gastronómicas, que adoitan ter lugar todas no estío”.

Polbeiro

A festa do primeiro de abril comezará ás 22.00 horas, cun menú composto de raxo de porco con patacas fritidas e pementos, sobremesa, bebida, pan e café. Custa 15 euros por persoa, pero baixa a 10 euros para os nenos e nenas con menos de 10 anos. Haberá, ademais, servizo de pulpeiro, e a velada estará amenizada polo dúo Aires de Broña e o pinchadiscos Marcos Kintana. Os tiques xa poden retirarse nestes lugares: A Taberna de Graba, Cobideza, Agroservizos Alberto, Decores e Doar. As persoas que precisen máis información poden chamar aos números de teléfono 669 295 340 ou 689 374 614.

Pola súa banda, Manuel Cuiña quixo felicitar á entidade organizadora por esta nova aposta, con máis relación co territorio, e á que lle desexa unha longa vida.

TEMAS