Quitar a careta para pedir reformas

O alumnado de Piloño e Nosa Señora da Piedade acode aos Atranques Escolares para esixir melloras nos seus centros | O Marco do Camballón regueifa sobre o Entroido

Os estudantes do CEIP de Piloño versionaron o tema de Tanxugueiras para pedir reformas no centro. | // BERNABÉ/B. CUIÑA

Os estudantes do CEIP de Piloño versionaron o tema de Tanxugueiras para pedir reformas no centro. | // BERNABÉ/B. CUIÑA / salomé soutelo

Salomé Soutelo

“Alcalde e conselleiro/escoiten vostedes xa/somos nenos de Piloño/fagan caso de verdad”. Esta é unha das moitas coplas que se puideron escoitar onte de boca dos e das estudantes do CEIP de Piloño, durante os Atranques Escolares Xenerais da Ulla, que tiveron lugar no auditorio Xosé Casal e no que participou ademais o alumnado do colexio Nosa Señora da Piedade e do instituto Marco do Camballón, ambos do casco urbano de Cruces.

Actuación do alumnado de sexto da Piedade

Actuación do alumnado de sexto da Piedade / salomé soutelo

Vestidos como Xenerais, os nenos e nenas lembraron que “a nosa pista de deporte/non se pode nin mirar/ se se enchoupa cando chove/non se pode utilizar”. Pero tamén hai problemas de humidade no ximnasio, e o timbre non funciona. Son problemas que o Concello xa coñece desde o comezo de curso, (de feito, comprometeuse en novembro a arranxar o valado da pista deportiva) pero a ANPA segue á espera de arranxos que ou ben ten que acometer o Concello ou ben xa son cousas da Consellería de Educación, de aí a invitación para que visite o colexio o titular do departamento, o lalinense Román Rodríguez. Iso si, xa houbo algún cambio de fiestras, sinala o colectivo de proxenitores. O colexio está á espera de que se materialice o arranxo no ximnasio, comprometido dende a Xefatura Territorial de Educación.

Versión de Tanxugueiras

O CEIP de Piloño tirou de coplas e de vivas, pero tamén das Tanxugueiras e o seu tema máis coñecido, Terra, que a piques estivo de representar a España o ano pasado no festival de Eurovisión. Fagan memoria e verán cómo axiña están tarareando “Este cole está fatal, este cole está fatal. Hai que cambiar moitas cousas, alcaldiño ven mirar, alcaldiño ven mirar, alcaldiño ven mirar”. E, en lugar do coñecídisimo berro Non hai fronteiras, o lema foi Non hai reformas. Durante a actuación, os nenos e nenas estiveron acompañados por tres docentes vestidas de Tanxugueiras. A ANPA deste centro, que xa tén 51 das 58 crianzas afiliadas, traballa agora nunha xornada de convivencia que terá lugar a finais de curso.

O alumnado do Nosa Señora da Piedade tamén incidiu na necesidade dunha posta a punto do centro. Pero tamén houbo coplas con moito humor, como as que propoñían que fosen os propios nenos de Piloño os que organizasen o comedor a base de hamburguesas ou perritos, ou que á hora dos deberes “un día facendo contas/queríamos multiplicar/ ¿cánto son 4x4?/ un todoterreno sin dudar”.

A orixe do Entroido da Ulla

Houbo tamén atranques protagonizados polo estudantado do instituto Marco do Camballón. Ademais, 16 mozos e mozas regueifaron durante o evento, centrándose no Entroido e nunha controversia entre este festexo e o Nadal. Aproveitaron, ademais, para explicarlle ao público presente a batalla de Ponte Ledesma, na que veciños e veciñas da comarca intentaron frear en marzo de 1809 o avance das tropas de Napoleón. De feito, os uniformes do exército francés son a orixe da vestimenta dos Xenerais da Ulla. Ao remate do encontro, máis dun estudante mostrou a súa ledicia porque, trala pandemia, volveran ter lugar estes Atranques Escolares.

Suscríbete para seguir leyendo