Zocos de Merza para pisar forte en Fitur

Carmela Silva levará calzado de Elena Ferro na feira de turismo de Madrid

Carmela Silva proba os zocos no taller de Elena Ferro.   | // RAFA ESTÉVEZ

Carmela Silva proba os zocos no taller de Elena Ferro. | // RAFA ESTÉVEZ / REDACCIÓN

REDACCIÓN

Zocos de Merza, pendentes das colareiras do Grove, almillas, sapos artesanais, estameñas únicas e a cor da flor do toxo, “que tanto falan de nós”, serán protagonistas do lanzamento, o vindeiro xoves, 19 de xaneiro, ás 17 horas, en Fitur, da campaña Orixe Rías Baixas. Un ano e mil ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra, coa que a Deputación promoverá o destino durante 2023. A presentación no stand Turespaña “vestirase” con elementos tradicionais senlleiros e representativos da provincia da man da presidenta Carmela Silva e a artista multidisciplinar Julia de Castro, encargadas de conducir o acto en Ifema, así como a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, que levarán roupas, complementos e calzados artesanais como xesto de compromiso coas tradicións e coas pequenas empresas do sector téxtil da provincia.

A presentación de Orixe Rías Baixas na feira de Madrid será unha “experiencia en si mesma”, xa que, amais de amosar a través de audiovisuais e imaxes “o orgullo de pertencer a unha terra ancestral na que desfrutar de vivencias, culturas e tradicións únicas no mundo”, poderase tamén palpar a través das vestimentas, feitas expresamente para a grande cita turística. O concepto de artesanía local, de recuperación de tradicións nosas e únicas “que tanto nos identifican”, forma parte tamén da campaña.

A presidenta provincial, Carmela Silva, vestirá unha antiga almilla, chaqueta tradicional bordada, adaptada a corte feminino, na cor da chorima ou alecrín (flor do toxo). Trátase dunha peza feita pola deseñadora viguesa Patricia González Iglesias, inspirada no cadro Saíndo de misa. Pazo de Mende (1907), de Álvarez de Sotomayor. Calzarase con zocos da Premio Nacional de Artesanía Elena Ferro, de Merza (Vila de Cruces), da que levará tamén un bolso inspirado nas fundas que gardaban as pandeiretas, unha reintepretación deste instrumento musical femenino en Galicia por excelencia. E levará pendentes das colareiras do Grove, en concreto da artesá Montse Betanzos, amais dun colar de sapo seguindo a tradición galega.