Por 40 anos de militancia nacionalista

O BNG homenaxea aos seus históricos da Estrada, Lalín, Vila de Cruces e Agolada

Os homenaxeados, na noite de onte, co candidato do BNG á Alcaldía da Estrada e a secretaria da Fundación Galiza Sempre.

Os homenaxeados, na noite de onte, co candidato do BNG á Alcaldía da Estrada e a secretaria da Fundación Galiza Sempre. / Ana Cela

Ana Cela

Ana Cela

Estiveron aí dende o comezo. Con eles empezou todo. Polo menos para a militancia nacionalista nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Hoxe seguen estando, pero xa con moitos compañeiros que foron atopando no camiño. O BNG homenaxeou na noite de onte aos 11 veciños destas terras que levan 40 anos de militancia nesta organización política. O acto encádrase nos eventos que o Bloque está desenvolvendo por toda Galiza para conmemorar estas catro décadas de existencia e traballo na defensa dos intereses galegos, mais tamén nos que lle son propios aos concellos destas dúas comarcas.

Os homenaxeados nesta contorna son Amado López Gutiérrez (Lalín), Xosefina Pereira Rivas (A Estrada), Manuel Anxo Rendo Lema ( A Estrada), María Xosé Vizoso Saborido (A Estrada), Rafael Iglesias Blanco (Lalín), Amparo Barreiro Carracedo ( A Estrada), Antón Pavón González (Vila de Cruces), Francisco Xabier Barreiro Carracedo (A Estrada), Xosé Luis Castro Blanco (Agolada), Sindo Vilamaior Martínez (A Estrada) e Xoán Carlos Vizoso González (Lalín). Todos eles mantiveron e manteñen militancia activa desde hai 40 anos e foron o xerme do BNG nestas comarcas, impulsando e construíndo a organización nacionalista dende a nada. “En 1982 estaba todo por facer, sen embargo hoxe o BNG ten representación institucional en todas as localidades da comarca, agás Agolada, e ten centos de militantes que a manteñen viva e activo o nacionalismo, alén da propia organización do BNG”, sinalan.

Este acto homenaxe celebrouse no MOME da Estrada e contou coa participación do candidato á Alcaldía Xoán Reices. Tamén participaron a secretaria da Fundación Galiza Sempre, Lucía Veciño –presentou o libro 40 anos ao servizo de Galiza– o lalinense Xoán Carlos Vizoso González, que explicou como foron os inicios do BNG nesta zona e, finalmente, a deputada Montse Prado, que remarcou o reto ao que se enfronta o BNG nos vindeiros anos: conseguir a presidencia da Xunta e ensanchar a base do nacionalismo galego.