Susana Camba pecha unha etapa

A portavoz do BNG estradense fai balance da súa carreira tras renunciar á candidatura de 2023

Susana Camba posa diante do Novo Mercado tras o acto de presentación da candidatura de Reices.

Susana Camba posa diante do Novo Mercado tras o acto de presentación da candidatura de Reices. / Nerea Couceiro

Susana Camba Castro (49), coñecida por ser a cabeza de lista e portavoz do BNG de A Estrada dende 2019 ata agora, pon fin a tres anos ao fronte da organización local para dar paso ao novo candidato dos nacionalistas para as municipais de 2023; Xoán Reices (31). A política conta que da “un paso ao lado, que non atrás”, por varios motivo, se ben os principais serían cuestións persoais, dificultade á hora de compatibilizar as responsabilidades deste cargo coas propias do seu posto de traballo, e a vontade de crear un cambio no partido, dando lugar a sangue e ideas novas.

A súa carreira na organización comezou en 2009, cando se afiliou o Bloque, se ben non foi ata 2014 que entrou na sección local, figurando xa en 2015 como segunda na lista para as eleccións municipais dese ano, ao igual que nas de 2019. Despois da dimisión ese mesmo ano do por aquel entón cabeza de lista, Xosé Magariños, renunciando á acta como portavoz, Camba deu un paso ao fronte para tomar as rendas do proxecto político, “para min non era unha cuestión de que posición ocupaba, pois este non é un partido personalista, se non que todos colaboramos e cooperamos con todos. Sinxelamente, sentín que nese momento tocábame que asumir ese cargo, e así o fixen”.

Ao longo destes años, Susana confesa que garda na memoria “moitos e moi bos momento, con xente que se converteu en compañeira e amiga, coa que compartín non só preocupacións políticas senón tamén persoais, e coa que traballei man a man por este proxecto”, mais tamén se viviron minutos más amargos, como a frustración do esforzo sen recompensa, “quizais a peor parte é ver que hai tantas persoas que sacrifican o seu tempo libre por traballar na organización, para que despois ese esforzo non se traduce nun resultado a nivel electoral”.

Neste senso, a aínda portavoz nacionalista resume en tres os retos aos que foron dedicados os esforzos do partido durante os tres anos nos que ela foi portavoz. En primeiro lugar “miramos moito polo rural, para que se dote a estas zonas dos servicios necesarios para que poida haber unha política agrónoma e forestal que nos permita vivir do rural no rural”, tamén “tivemos o reto de protexer o noso patrimonio, sobre todo o artístico e histórico, que aquí está moi abandonado”, e por último “a progresividade á hora de pagar os impostos. Pensamos que non deben pagar todos o mesmo, senón axustalo á solvencia de cada un, para que sexa xusto”. Ademais destas medidas, outro punto clave da política do Bloque a nivel local foi a vivenda, “pedimos vivenda pública da de verdade, non os sucedáneos que hai agora, á que calquera poida acceder pero se lle dea prioridade a aqueles con menos recursos. Ademais, nós avogamos pola rehabilitación, no lugar da construción, xa que se trata dun modelo moito máis sostible e económico”.

Un proxecto que aposta pola xuventude

Como se mencionaba anteriormente, outro dos factores decisorios para que Camba renunciase á candidatura en 2023 era a vontade de formar parte nun cambio no partido, que confesa “todos tiñamos a sensación de que facía falla”. Neste senso, decidiron apostar pola xuventude, “temos unha canteira moi ben preparada tanto ideolóxica e teoricamente, como na práctica”. A estratexia, neste caso, ten que ver coa capacidade da agrupación de acomodarse aos novos tempos e “facémonos maiores e o cambio xeracional cos mozos aumenta. Precisamos saber comunicarnos con este importante sector da poboación, e comprender os problemas cos que teñen que lidiar, xa que moitas veces ao falar destas cuestións sóese caer nunha especie de paternalismo”. Neste eido, a portavoz confía en que a decisión de deixarlles aos novos camiño é a correcta “este é o seu momento”, e considera que o cambio no partido servirá para non só dar espazo e voz aos mozos e mozas da localidade, senón tamén para “comprender e loitar por esas cuestións que lles preocupan hoxe en día”. Cuestións que, puntualiza “cambian a súa forma pero responden á mesma causa, o sistema económico no que vivimos e levamos vivindo dende sempre”. Así, Camba Castro abandoa a primeira fila, pero non a política, e asegura que seguirá apoiando a este novo equipo, como fixo dende que comezou nesta andaina.

Suscríbete para seguir leyendo