Elisa Barcala Gosende | Premio Fin de Carreira

“Recibir este premio é un subidón e un recoñecemento ao esforzo de cinco anos”

“Polo de agora seguirei formándome en Galicia, mais non descarto irme ao extranxeiro”

A entrevistada, Elisa Barcala.

A entrevistada, Elisa Barcala. / Cedida

Elisa Barcala Gosende (24), natural da Estrada, recibiu nestas datas o premio Fin de Carreira outorgado pola Xunta de Galicia, un recoñecemento ao global do seu rendemento académico durante os cinco anos do dobre grao de Turismo e Ciencias Empresariais, que rematou fai un ano. Despois de recibir a noticia, comparte con nós a súa reacción e reflexiona acerca da etapa universitaria.

– Que significa para vostede recibir este premio á excelencia académica?

–Un subidón! Un recoñecemento ao traballo e esforzo de cinco anos. Creo que estes premios son moi importantes para motivar aos estudiantes e saber que hai recompensa ao esforzo.

– Esperaba que lle fose outorgado?

–A verdade é que non. De feito, entereime porque chamaron a miña nai para darlle a noraboa, e ninguén sabía nada. Buscamos despois a noticia, e menuda sorpresa!

– Algunha vez recibira un recoñecemento deste tipo?

–Si. Durante a carreira recibín tres premios que outorgou tamén a Xunta, de Excelencia Académica de Galicia, por obter as mellores calificacións do doble grao durante os cursos académicos 2017/2018, 2018/2019, 2019/2020. O primeiro de todos foi en segundo de carreira, totalmente inesperado e unha gran sorporesa, xa que comezou a outorgarse ese mesmo ano, antes non existía este premio. E os dous seguintes foron consecutivos, en terceiro e cuarto de carreira.

–Con que nota se gradúa?

–Cun 8.7 en turismo e 8.8 en ciencias empresariaias.

– Que consellos daría aos estudantes que aspiran a acadar tan bos resultados nos seus graos?

–A verdade é que depende moito da persoa, a cada un funciónalle mellor unha metodoloxía ou outra. No meu caso, para nada era a máis intelixente da clase, creo que o máis importante foi a constancia no traballo do día a día. A min non me funciou nunca o de deixar todo para estudar na época de exámenes. Tamén creo que as notas é algo no que ninguén se debe obsesionar, claramente prefires sacar un 9 que un 6, pero non sempre se pode sacar o 9. Ás veces canta máis presión exerces sobre ti mesmo, peor son os resultados.

–Aparte de estudar, realizaba outras actividades coas que tivese que compaxinar?

–Ía ao ximnasio e á escola de idiomas, aínda que teño que admitir que, a esta última, cando estaba en épocas máis duras de estudo non asistía moito. No meu doble grao tamén hai prácticas obrigatorias, eu decidín facelas durante os veráns para poder estar máis centrada durante o curso.

–Houbo algunha materia que lle presentase un reto maior que as demais? Cal?

–Si! Houbo un ano que matemáticas se me complicou e precisei acudir a titorías de diferentes profesores da universidade ata que logrei entendela.

– Pola contra, cal era a súa preferida?

–Aínda que sone contraditorio, as de números en xeral (matemáticas, estatística, econometría, fiscal... ) gustábanme moito. Si me parecían máis complexas e, por suposto, requirían dun maior tempo de estudo, pero como me gustaban, prefería dedicarlles este tempo e, finalmente, eran nas que acadaba mellores resultados. Pola contra, as máis teóricas, eran as que deixaba máis para o final. Non me apaixonaban.

–Algún/ha docente que marcara o seu paso pola universidade? Quen, e por que?

–Sen dúbida. Flora Muiño, profesora que me impartiu Contabilidade Financeira e a miña titora do TFG de empresariais. Creo que hai infinitas profesións no mundo para que cada un se permita dedicarse ao que realmente lle apaixona. A Flora notábaselle que o seu traballo lle gustaba, e iso transmitíao aos alumnos. É unha gozada que che toquen estes docentes, e unha pena á mesma vez que sexan unha minoría.

–Recibía inspiración ou motivación por parte dalgunha persoa? Un modelo a seguir?

–A miña maior inspiración está dentro da miña casa. Meus pais, uns traballadores natos, que por certo aman o seu traballo, sempre nos inculcaron ás miñas dúas irmás maiores e a min que podemos chegar a onde nos propoñamos con traballo e esforzo. Miñas irmás, demóstranme día a día que, efectivamente é así, estas dúas mulleres non teñen límites. Admíroas e son as miñas maiores referentes. Aínda que teño que admitir que ás veces agóbiame un pouco o alto que están deixando o listón...

–Agora pecha unha etapa, como se sinte ao finalizala?

–Rematei a carreira fai un ano e aí adentreime na vida laboral. Do que me din conta ao cambiar de etapa é que unha carreira non che proporciona a formación suficiente para cubrir un posto de traballo. Cando te adentras na vida laboral, é cando realmente comeza a túa formación profesional. É un continuo aprendizaxe e, seguir formándote constantemente, é algo imprescindible a día de hoxe se non queres quedarte anllado a un posto en concreto.

–Que anécdotas destacaría do seu paso pola universidade?

–Unha das experiencias máis enriquecedoras que me levo da carreira foron as miñas experiencias Erasmus. Ao realizar a dobre titulación decidín irme con turismo durante dous anos diferentes e así experimentar en dous destinos: Polonia e Romanía. Neste último, durante un período curto de tempo xa que me pillou a COVID-19 estando alí e tiven que voltar. Por outra banda, tamén destacaría o último ano de carreira onde convivín cos meus mellores amigos da universidade. Toda unha experiencia, un grupo de cinco amigos convivindo na mesma casa, o maior premio que me levo da universidade!

–Que plans ten Elisa Barcala para o seu futuro inmediato?

–Actualmente exerzo de auditora en Deloitte, na oficina de Vigo. O meu obxectivo a corto prazo é facer estancia nunha oficina do estranxeiro, xa que conta con programas de mobilidade internacionais.

–Ten algunha especialización en mente, ou unha profesión que lle gustaría desempeñar?

–Sempre me chamou a atención traballar dentro do sector da moda, traballei en Roberto Verino e, como boa galega, Inditex é para min unha das empresas de referencia. Pero actualmente estou moi contenta como auditora en Deloitte e creo que aínda me queda moito que aprender dentro desta profesión.

–Espera continuar co seu desenvolvemento académico e profesional en Galicia, ou agarda explorar outras rexións? De ser así, cales serían?

–Se fose por min, xa estaría preparando a maleta para irme a recorrer mundo! Pero cos pés na terra, penso que este é o momento de coller maior experiencia profesional aquí, e despois solicitar a mobilidade por un ou dous anos, xa que me gustaría voltar a Galicia. Preferentemente aplicarei a países de fala inglesa, porque é o idioma máis solicitado polas empresas do meu sector. EEUU e Australia son os dous destinos nos que me encantaría vivir unha tempada. Miña irmá do medio vive en Nova York, e vivir preto dela sería un soño, pero quen sabe o que me deparará o futuro!

Suscríbete para seguir leyendo