Antía Otero acude aos Encontros Literarios da Fundación Xosé Neira Vilas

REDACCIÓN

A poetisa e editora Antía Otero protagoniza este domingo, ás 17.00 horas, os Encontros Literarios da Fundación Xosé Neira Vilas. A reflexión arredor da poesía, en forma de conversa e coloquio chega, desta volta, á Casa do Romano, sede da Fundación, na aldea cruceña de Gres. Autora de obras como O branco non pinta, (Retro)visor ou O cuarto das abellas, Antía Otero pertence a unha nova xeración de galegas que veñen destacando na creación poética dos últimos anos. Haberá ocasión de falar do proceso creativo, pero tamén das outras facetas súas no eido literario, como o seu labor pioneiro na videopoesía, ou o traballo de formación e edición que leva a cabo no proxecto Apiario. Asi mesmo, coñeceranse os lazos de amizade que a unían a Neira Vilas e a Anisia Miranda. O encontro será conducido pola tamén poetisa, e secretaria da Fundación Xosé Neira Vilas, Rosalía Morlán. Os Encontros Literarios en Gres son un unha iniciativa na que se procura achegar o mundo da creación e dos creadores literarios ao mundo rural, seguindo así co labor cultural que desenvolve a Fundación Xosé Neira Vilas. Con este novo encontro, a fundación pón o foco na poesía, despois de terse ocupado, en ocasións anteriores, da narrativa, da man de autores como Miguel Anxo Fernández, Antía Yáñez, Rosa Aneiros ou Lois Alcayde.