Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A festa das Dores en Saa e unha misteriosa tumba

Esta parroquia de Dozón alberga no presbiterio da súa igrexa un sepulcro atribuido á última abadesa do mosteiro de Vilanova

Misa solemne no templo barroco, que alberga a misteriosa lauda sepulcral no presbiterio. Abaixo, procesión da Virxe das Dores e Santo Antonio ata o cruceiro. | // FOTOS: D.G.A.

É sabido que o mes de setembro é o mes das festas marianas por tradición e unha das máis importantes devocións que ten a Nai de Deus na comarca é a da Virxe das Dores, patroa da vila e parroquia de Lalín, que axiña comeza coas festas, e tamén ten celebración importante en Montouto de Losón e noutras parroquias, a parte desta de Saa, á que hoxe dedicamos a presente reportaxe.

A festa das Dores en Saa e unha misteriosa tumba

Nesta importante parroquia gandeira de Dozón, con amplas praderías que regan os afluentes do Asneiro, celebraron a pasada fin de semana tres días de festas na honra á Virxe das Dores, con senllas misas solemnes o domingo e o luns, oficiadas polo párroco Manuel Civeira, e procesións coas imaxes da Virxe das Dores e Santo Antonio ata o cruceiro procesional. Non faltou a tradicional poxa das andas para introducir a imaxe da Virxe no templo por parte dos máis devotos e tampouco o xantar nas casas con familias enteiras e os festeiros convidados.

A festa das Dores en Saa e unha misteriosa tumba

A música xa comezou o venres, cunha verbena amenizada pola orquestra Metrópolis e o Disco Móvil Chocolate; na do sábado actuaron o grupo Tentaciones e a charanga Leña Verde, que tamén fixo a sesión vermú; e, neste mesmo cometido, actuou o domingo a charanga Ardores, poñendo o remate musical ás festas.

Os festexos celebráronse na igrexa parroquial e súa contorna, onde se instalaron o palco e o bar da comisión, que se encheron de veciños e festeiros en boa harmonía e diversión, ao que axudou o bo tempo reinante nas tres xornadas festeiras.

“É a tomba da última abadesa do mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón. Xa sabes que alí houbo un mosteiro de monxas dependente de San Paio de Antealtares de Santiago, do que aínda queda a fermosa igrexa románica que nestes días está con obras de rehabilitación. Esta parroquia de Saa, xunto coas de Vilarello e Dozón, formaban o Coto Real de Dozón”, dinos o cura párroco e prezado colaborador Manuel Civeira, que leva esta e outra ducia de parroquias de Lalín e Dozón, ao ver que retratabamos unha lauda armoriada no presbiterio. A falta de documentos que o acrediten, damos por bo o apuntamento do sacerdote amigo, grande coñecedor da historia das igrexas que, con celo e dedicación, atende na ampla contorna.

No interior da igrexa consérvanse as lousas dos antigos enterramentos dos defuntos da parroquia, que deica o século XIX recibían aquí cristiana sepultura, antes de crearse os camposantos actuais. Pero o máis destacado nesta igrexa barroca de medidas e características semellantes ás das veciñas parroquiais de Santa María de Dozón e San Salvador da O, é a ampla cúpula que ao igual ca bóveda de canón, ten pinturas murais que abranguen tamén as paredes do presbiterio, feitas ou retocadas no século século XIX, cando se ampliou esta igrexa sendo crego da parroquia e arcipreste de Dozón Juan Diéguez Nogueira, finado en 1902 e do que queda lembranza nunha inscrición no arco triunfal e nunha lápida na fachada principal do templo.

Fermosos retablos

Polo demais, a igrexa de boas dimensións con dúas capelas dispostas en cruz latina e unha sancristía engadida polo lado norte, ten fermosos retablos con imaxes de varías épocas e conserva unha pía bautismal románica. No exterior pode ollarse un sepulcro medieval de pedra e un ben labrado reloxo de sol e un curioso remate a xeito de torre con pináculos que corresponde a bóveda anteriormente referida, no cume do presbiterio no que chaman a atención os catro contrafortes que reforzan a súa sólida estrutura. Fronte á igrexa hai un cruceiro procesional que foi refeito logo de que rompera en varios anacos. Do primitivo queda a imaxe da Virxe gardada no interior da igrexa.

Moito máis se podería dicir desta antiga parroquia de Santiago de Saa, que na actualidade anda polos 150 habitantes, repartidos en seis lugares e que xa aparecía mencionada como “Sala” nun documento do século X, dunha doazón ao mosteiro ourensán de Celanova, pero escapa á extensión que contamos para esta apertada reportaxe.

Compartir el artículo

stats