Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Santa María e San Roque encheron de festas a comarca de Deza

A Virxe é patroa en 27 das 153 parroquias da comarca, que manteñen a devoción de San Roque

En Val de Sangorza mantense a tradición de pasar baixo a imaxe do San Roque. | // DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

Esta longa fin de semana de mediados de agosto é sen dubida a que concentra o maior numero de celebracións festeiras na nosa comarca de Deza e tamén en Galicia. Contamos ata preto dunha vintena de festas e romarías, ao redor das festividades de Santa María a Nai de Deus e o milagreiro San Roque, avogoso das pestes noutro tempo. A Santa María é a patroa en 27 das 153 parroquias dos seis municipios de Deza, e a imaxe e a devoción dos San Roque está ou estiveron presentes na case totalidade das parroquias. A Virxe é patroa en Albarellos, Alemparte, Donramiro, Filgueira, Noceda, Parada e Zobra no municipio de Lalín ; Abades Carboeiro Cortegada; Álceme Guillar Río e Vilela; Basadre, Berredo, Val e Vilariño; Arnego, Merza, Oirós, Ollares, Piloño, Sabrexo ; Dozón, Sanguiñedo e Bidueiros no municipio de Dozón.

O campo da festa de Val faise grande para os festexos de agora. | // DANIEL GONZÁLEZ ALEN

Non todas estas parroquias celebraron festas e romarías nestas datas. Algunhas xa hai anos que deixaron de facelas, mantendo outras celebracións do santoral; outras mudaron a data, e nos últimos tempos a pandemia deixou a algunhas delas sen ánimos para telas, nin ramistas para organizalas. Non podendo detallalas aquí todas, achegamos dúas cativas reportaxes das celebradas en Berredo e Val de Sangorza, parroquias de Agolada que teñen por párroco ao sacerdot Ángel Iglesias Sarandeses, quen oficiou en ambas a misa solemne, ás que seguiron as respectivas procesións.

En Berredo houbo misa solemne no templo románico e procesión ao redor del. | // DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

En Berredo a igrexa encheuse de xente nas dúas xornadas e a Virxe María e o San Roque saíron en procesión arredor do templo, portadas polos veciños e o acompañamento musical do grupo de gaitas Son das Augas, que xa antes dera uns pasarúas pola parroquia, e logo na sesión vermú e na verbena actuou o grupo Oro Negro o primeiro día e no baile do martes actuou Suso de Boente, pechando os festexos, nos que tamén houbo xogos para os máis cativos. En tempos viñan moitos festeiros a Berredo, onde se podía bicar unha reliquia, poida que do San Brais que aquí tamén se venera en febreiro, da que descoñecemos o paradoiro. A igrexa conserva moitos elementos románicos do século XII –arco triunfal, capiteis, ábsida e pía bautismal– malia que ao ser ampliada pola fronte perdeu a fachada orixinal e nos últimos tempos, un campanario de cemento substituíu a o de ferro que tiña a igrexa dende hai máis de cen anos.

Santa María e San Roque encheron de festas a comarca de Deza

En Val de Sangorza as festas da patroa non son o que eran hai un par de décadas, daquela das maiores e máis concorridas da comarca, segundo nos conta o destacado industrial lalinense e amigo Ramiro Mejuto Pomar, que non ten reparo en facer de campaneiro nesta súa parroquia natal . Agora cabe ben a xente na igrexa e no campo da festa. Con todo, tanto a nave principal coma as dúas laterais que forman cruz e teñen tres retablos neoclásicos burdamente pintados, enchéronse de xente na misa cantada do domingo, para continuar logo na procesión arredor da igrexa, mantendo a tradición de pasar baixo a imaxe do San Roque que saíu na procesión coa Virxe Inmaculada e o acompañamento do trío Orquídea, que tamén actuou na sesión vermú e pola noite coa charanga Leña Verde. Na xornada do luns, tamén houbo misa e procesión, e a musica puxérona a charanga Os Atrevidos e o grupo Caché.

Compartir el artículo

stats