Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Emilio Españadero | Xornalista

“O noso obxectivo é ser unha fiestra para todos os músicos”

O director do programa da Radio Galega “Lume na palleira” recibirá este domingo o premio As Nosas Músicas en Couso

Emilio Españadero nun acto conmemorativo coas Leilía, que tamén estarán en As Nosas Músicas.

Este fin de semana o festival As nosas Músicas volverá a ser referencia da música folk galega. Con importantes novidades, o festival de Couso aproveitará a súa edición número 25 para iniciar unha nova práctica: o premio As Nosas Músicas. Este premio buscará recoñecer a labor de defensa da nosa música tradicional, e para esta primeira edición, o elixido foi o xornalista Emilio Españadero. Este coruñés, é un fiel defensor e divulgador de todo tipo de música tradicional e folk galega grazas a o seu programa Lume na palleira, que se emite todos os domingos na Radio Galega.

–Esperábase recibir este recoñecemento?

–Non mo esperaba para nada. Eu o que fago non o fago nunca pensando en premios nin en recoñecementos deste tipo. Non vou negar que a ninguén lle amarga un doce, pero non me esperaba este premio e menos sendo a primeira vez que se concede. Ben é certo que eu acostumo a estar no outro lado, poñendo o foco nas persoas e non estando no foco.

–As Nosas Músicas estase consolidando coma un referente no encontro do folk galego. Este tipo de eventos son básicos para manter viva esta música?

–Todos estes festivais son fundamentais para que a música deste país teña mudado todo o que mudou nos 30 anos que levamos facendo o programa. Non se podería entender o cambio tan grande que tivo a música sen este tipo de festivais, especialmente os pequenos e sen grandes apoios que sempre apostaron pola música do país.

–Será a décimoquinta edición do festival e o seu programa “Lume na palleira” leva 30 anos en antena. Medraron da man?

–Pódese dicir que vimos da man. Levo 26 anos na Radio Galega e á vez ca o festival puidemos ir vendo o crecemento e a dignificación da música e o seu potencial.

–Empezou coma un proxecto independente e pronto contou co interese da Radio Galega. Por que nace “Lume na palleira”?

–Un dos obxectivos que tivo Lume na palleira dende que comezou foi o de darlle presenza á xente nova e aos grupos novos tiveran esa oportunidade de chegar a un público máis maioritario. Mantemos ese obxectivo de ser unha fiestra para todos os músicos, sobre todo cando empezan, que é máis complicado.

–Nestes anos houbo unha evolución no compromiso dos galegos coa nosa música tradicional?

–O compromiso con esta música sempre estivo aí, o respaldo do público sempre foi grande. Outra cousa é o respaldo por parte dos medios e das discográficas, pero fomos avanzando moito. Fai 30 anos había grupos moi nomeados que non chegaron nunca a gravar un traballo discográfico, hoxe iso mudou, os grupos son moito máis autosuficientes. Agora hai moita máis oferta e practicamente o 99% da música que poñemos é de aquí.

–O boom das Tanxugueiras nestes últimos meses pode acercar aínda máis esta música a todos?

–O efecto que tiveron e que están a ter as Tanxugueiras favorecen a que moito máis público novo se achegue, pero é un fenómeno que está a recoller o xa sementado fai décadas por outras formacións. Un deses grupos vai estar no festival, que son as Leilía, que teñen máis de 30 anos de vida e foron das primeiras en subir ao escenario e poñer o folk galego ao nivel de calquera grupo internacional.

–Nos últimos anos estase dando unha evolución na música galega, mesturando estilos e facendo algo novo con base no tradicional. Iso tamén é folk?

–As fusiones e mesturas nacen xa co folk, que ven da música tradicional pero xa engade outros estilos e instrumentos con total liberdade. Hoxe en día non existe apenas polémica con isto, coma si puido haber anos atrás no nacemento do folk. Eu o único que pido sempre é respecto pola raíz, o que fagas a partir de aí se o fas con seriedade de seguro que vai estar ben feito.

Compartir el artículo

stats