A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela estreará hoxe a obra Ápeiron, do estradense Manuel Otero Paino. A peza interpretarase durante un concerto que se celebrará na Praza de Praterías compostelá e que está enmarcado dentro das Xornadas de Música Contemporánea 2022.

Otero, que dende o pasado outubro actúa como trompetista na Banda Municipal de Música de Santiago, tamén participará no concerto, e xunto ós seus compañeiros interpretará outras tres pezas ademais de Ápeiron. En palabras do músico de Loimil, esta obra foi a que presentou para o seu Traballo de Fin de Grao en Composición Musical, estudos que rematou en febreiro deste ano. Ápeiron foi, dende que a coñeceu, unha obra moi do gusto do director da Banda Municipal compostelana, David Fiuza, que se comprometeu co seu autor a presentala nalgún concerto. A peza está baseada nas ideas metafísicas do filósofo e xeógrafo presocrático Anaximandro.