Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ROSA María FERREIRO castro nnficha personal | Mestra e Directora do CEIP do Foxo

“Cando escribín o discurso intentei ligar a festa coa miña experiencia como docente”

“Como é algo que nunca fixen, dar o pregón no San Marcos supón un reto para min”

Rosa María Ferreiro dará o pregón hoxe, no San Marcos de Lamela.

Rosa María Ferreiro Castro será a encargada de dar o pregón, hoxe, na décima edición da Romaría Enxebre Gastronómica de San Marcos, que a parroquia de Lamela volve celebrar despois de dous anos de parón pola pandemia. A pregoeira, mestra e directora no CEIP do Foxo, dará o seu discurso ás 17.00 horas da tarde, e vivirá unha experiencia que afronta “como un reto”, pois é nova para ela. Ferreiro enlazará a festividade do San Marcos á súa experiencia como docente no centro de ensinanza que traballa.

–Como xorde o seu nomeamento como pregoeira da tradicional “X Romaría Enxebre Gastronómica de San Marcos”?

–O nomeamento xurdiu de maneira sinxela, polo simple feito de que coñezo a varias das persoas que están na organización do San Marcos. Cando me propuxeron ser pregoeira, sorprendinme un pouco, pero aceptei e podo dicir que me sinto moi honrada. Ó tratarse de algo inesperado e por ser algo que nunca fixen, sinto que dar o pregón en Lamela é un reto para min.

–Imaxino que ser pregoeira dunha festa con tradición coma esta supón unha responsabilidade grande. Como percibe vostede este nomeamento?

–Son consciente de que todo isto leva aparellada moita responsabilidade, sobre todo porque a romaría enxebre gastronómica afronta a súa décima edición, que sempre é un pouco máis especial. Creo que esta festa comezou no ano 2010, polo que debería ser a edición número 12, pero por mor da pandemia houbo dous anos nos que non se puido celebrar.

–Para os que nunca fomos a dar o pregón a ningún sitio, como se afronta isto? Que ten pensado dicir?

–Debido á miña inexperiencia no tema, foi necesario darlle moitas voltas ó que ía dicir durante o discurso. Pero en principio, a misión dun pregoeiro non é outra que facer un discurso que eloxie a festividade e invitar á xente a participar nela. Ademais, é necesario darlle sentido á romaría, aínda que, evidentemente, a xente que leva moitos anos asistindo á festa xa sabe interpretar perfectamente o que se celebra nese evento. En resumo, é intentar emitir un discurso eloxioso cara esa festividade.

–Podería adiantarnos algo? Como enfocou o seu discurso?

–Pola miña labor como docente, trato de unir un pouquiño a festa con algunha das actividades que realizamos no centro escolar no que traballo. Por exemplo, no meu discurso falo da biblioteca da escola, a Xosé Neira Vilas, da que son responsable. Falo tamén do carácter enxebre e xenuíno da festa, da necesidade de manter as tradicións e de coñecer ós nosos antepasados para entender o que sucede no presente. Tamén menciono a urxencia de valorar máis este tipo de celebracións, despois de superar varias desgrazas en pouco tempo, ca pandemia e a guerra de Ucraína.

–Que relación hai entre o colexio do Foxo e a festividade do San Marcos de Lamela?

–Pois que San Marcos foi considerado un evanxelizador moi importante en Alexandría, onde é sabido que existiu unha importante biblioteca do mundo antigo. Entón, por aí levo eu o meu discurso, unindo este aspecto co sentir da nosa biblioteca, que é un lugar que mantén as portas abertas para todos. Reivindico que este espazo é de futuro, pero tamén válido para poñer en valor as culturas e tradicións. A miña idea principal, foi intentar enlazar o sentir desta festa tradicional cun punto de vista educativo.

Compartir el artículo

stats