A película que non esquecerá Agolada
“A vontade do esquecemento” rodarase en distintas paraxes do municipio a finais de maio | A produtora busca unha nena de 11 a 14 anos para un papel secundario non remunerado

A rodaxe ten varias localizacións na parroquia de Santa Comba. | // LUCÍA CARRERA / Xan Salgueiro
O municipio de Agolada acollerá a rodaxe de A vontade do esquecemento, unha obra dirixida por Raquel Currás Martínez e producida por Cumac Producións. Esta produtora está conformada por catro estudantes de Comunicación Audiovisual que realizaron diversas obras, como Voucho contar así e o videoclip do grupo Antilia, que foi nominado este ano nos Mestre Mateo dentro da categoría ao mellor videoclip. A obra gravarase a finais de maio e nela poderanse atopar diferentes sitios do municipio de Agolada, caso dos lugares de Castro, Garlín e Quintela, na parroquia de Santa Comba, paraxes de Brántega ou o propio casco urbano.
“Con esta curta búscase centrar a atención na visión da personaxe principal pois a historia trata o tema de como os traumas do pasado afectan ao presente de Sara e a outras personaxes, podendo estes identificarse entre eles e coas posibilidades que iso conleva, como sanación ou maior deterioro dos pensamentos”, adianta Raquel Currás, a directora. O equipo técnico está composto, na súa maioría, por estudantes e xente nova que traballan no sector audiovisual. Mentres, no equipo artístico figura a actriz Sara Fandiño, que participa nesta película dando vida á protagonista do relato, e outro dos actores que aparecerá será Machi Salgado, coñecido por traballos na serie Fariña (2018) ou na longametraxe A illa das mentiras (2020).
Estes días a produtora difunde o casting que se vai realizar para seguir conformando o elenco artístico restante. Busca unha nena de entre 11 e 14 anos para realizar un papel secundario, non remunerado. Os interesados en participar poden enviar un correo a cumacproducciones@gmail.com. “Este casting quere dar un valor engadido de produción local pretendendo facer partícipes as persoas da comarca dentro da curtametraxe, que xa conta ca colaboración e apoio do Concello de Agolada, a Asociación O Parapeto, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e patrocinadores como Candelas, Kalekoi, Ferretería Pascua, Mobles Miguélez e Galletas Daveiga”, subliña Lucía Carrera, a produtora.
Pola súa banda, desde a administración local mostran a súa satisfacción. “É unha alegría que un proxecto coma este, levado a cabo por xente nova e tan competente, elixise o noso municipio. Isto sempre é gratificante para o pobo e para os veciños”, recalca o alcalde, Luís Calvo Miguélez. “Agradecemos que queiran plasmar esta curtametraxe, que de seguro será un éxito, en Agolada e, ademais, estamos convencidos de que contribuirá a dar a coñecer os encantos do noso concello”, engade. Desde logo, o que está claro é que A vontade do esquecemento será a película que non esquecerá Agolada.
- Retenciones en la AP-9: tres heridos, dos de ellos guardias civiles, por un doble accidente a la altura de Peinador
- Una profesora es expulsada de un instituto de Vigo por acoso al claustro
- El conductor que arrolló a dos guardias civiles en Vigo casi triplicó la tasa máxima de alcohol
- La despedida de Ion Aramendi en 'Reacción en cadena': «Gracias por todo»
- El conselleiro de Sanidade defiende atender en casa: «Los mayores manejan la app del Sergas que te cagas»
- El juez del caso Rubiales al abogado de Jenni Hermoso: 'Si sigue así le doy la sentencia para que la ponga ella
- Un amigo de Anabel se sincera acerca de la desconfianza de su entorno sobre David Rodríguez: «Cosas tan horrorosas y feas...»
- Samil contará con un camping para autocaravanas