Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O afán que uniu a todos en Lalín

O vestíbulo do Concello de Lalín acolle a presentación do novo libro adicado á Feira do Cocido | Daniel González Alén coordinou unha obra de máis de 400 páxinas que recolle a historia das 54 edicións do evento

Instante da presentación do libro adicado á Feira do Cocido, onte, no vestíbulo da casa consistorial de Lalín. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

As vésperas da edición 2022 da Feira do Cocido de Lalín tiveron onte unha xornada centrada na escrita. O vestíbulo do Concello foi o lugar escollido para a presentación do libro adicado á Feira do Cocido coordinado por Daniel González Alén. Trátase dunha obra composta por máis de 400 páxinas ilustradas con preto dun millar de fotografías, adicadas a tódalas edición celebradas dende 1969, coas súas actividades e protagonistas. Tamén se inclúe unha sección cos principais acontecementos habidos nestes máis de cincuenta anos en que o progreso do municipio foi parello ao do certame gastronómico, que pasou de comarcal a internacional. Na presentación estiveron entre outros o alcalde José Crespo e a concelleira de Cultura Begoña Blanco. Os asistentes ao acto protocolario foron agasallados cun exemplar do libro, que xa se pode consultar na súa particular edición dixital completa.

Daniel González Alén destaca que o traballo “levoume polo miúdo uns seis meses e menos mal que houbo un aprazamento da feira porque se non non sei cómo fariamos. En teoría ía ser unha ampliación e posta ao día do que fixeramos no 2008”. Un esforzo no que tamén implicou a varios membros da súa familia para poder chegar aos prazos previstos. Ademais, destaca que “encargáronme o traballo pero non recibín nunca nin sequera un consello ou unha suxestión do que tiña que poñer ou non” para evitar calquer malentendido que puidera xurdir neste caso en concreto.

En canto á tarefa de documentación levada a cabo neste opúsculo de grandes dimensións, o seu coordinador recoñece que “os primeiros anos foron complicados de estudar por falta de documentación. Naqueles tempos non se lle daba moita importancia e a prensa non falaba apenas de nós e facían algunhas páxinas extraordinarias que pagaba o Concello ou os escasos anunciantes. Tampouco hai un arquivo fotográfico decente porque daquela a impresión dos xornais era en madeira”. González Alén engade que “tamén houbo problemas de documentación nas últimas edicións pero porque hai un exceso de fotografías, sobre todo das que non interesan. Hai moita foto dos políticos e veste negro para facer unha escolma interesante. Nos últimos tempos na Feira do Cocido hai un postureo brutal, sobre todo dos políticos que veñen ata Lalín, por suposto”.

Inquirido sobre cál foi a celebración máis sobranceira de todas as feiras do cocido, o coordinador do libro lembra que “hai varias edicións fundamentais porque houbo unha época polos anos 90 que se empezou a tomar moi en serio a Feira do Cocido. Tamén porque se lle sacaba un proveito político e sen política neste mundo pois non hai case nada. O labor neses anos 90 de Agustín López Torres foi importante. Tamén foi moi notable o ano do 25 aniversario que se reservou a Cuíña como pregoeiro e que correu coa organización Manolo Senande”. Aínda que tamén houbo tempos escuros na historia do evento lalinense porque “nos anos 70 a feira incluso perigou porque non se lle daba importancia. Era algo folclórico e secundario ata que se decataron de que podería ter importancia, como ao final pasou. Ninguén pensou ao principio que ía ter a repercusión que ten”.

O libro conta coa maioría de pregóns porque “dos primeiros anos non temos os pregóns. Témolos a partires dos anos 90. Tamén e certo que Cunqueiro e toda esta xente non precisaban escribilos porque eran oradores de primeira fila que non escribían nada. Tamén non había esa ansia de gardar nada porque non lle daban importancia. Nos últimos anos si que se ven uns altibaixos brutais porque as veces búscanse máis os personaxes famosillos e tamén é certo de que as calidades deixan moito que desexar. Algúns non pasan de chascarrillos”, afirma o escritor lalinense Daniel González Alén.

Sobre a calidade dos pregoeiros, o coordinador da obra sinala que “non me quixera meter nese compromiso porque quedaría bastante mal. Nin polo libro anterior, nin por este, nin por outros que houbo polo medio teño cobrado nada. Non quería quedar moito peor citando porque tería que citar antes a todos os que axudaron neste traballo, que foron moitos. Tamén notei que nos últimos tempos é complicado pedir axuda porque algúns declinan meterse en estes asuntos. Algún coida que non é independente dabondo para facelo”, remata o cronista.

“Fan mal os que ás veces non empuxan neste evento”

O coordinador do libro adicado a Feira do Cocido de Lalín está satisfeito co traballo feito pero tamén engade que”o resultado pódese mellorar pero supoño que todos estes tipos de traballos pasarán ao dixital. Se cadra dentro duns anos vai ser complicado publicar un libro con máis de 400 páxinas e haberá que ir a unha edición dixital e agardando que a feira volva polos seus fueros”. Daniel González Alén mira cara o futuro con optimismo no que se refire a afamada celebración gastronómica da capital dezá: “Hoxe a Lalín coñéceselle pola Feira do Cocido porque Lalín e o cocido son sinónimos. Nese sentido todo o que se faga en Lalín en diante vai estar mediatizado pola feira. Xa ves que cousas como o rali ou a petanca danlle ao Cocido un plus de calidade importante”. O cronista lalinense pensa que a feira “non vai defraudar nunca. Así como hoxe en día a relixión vai perdendo o da gastronomía, o de papar vai a máis. E logo por riba se queres o deporte que está nun segundo plano. Entón, nós en Lalín temos esa sorte porque moita da evolución da filosofía da feira está na propia evolución da gastronomía a todos os niveis”. E abunda sinalando que “antes comíase para ir tirando, para ir vivindo, e agora cómese por pracer ou por turismo. Agora a comida é unha relixión. Nese sentido iranlle aumentando cousas novas á Feira do Cocido que teñen unha repercusión mediática brutal. Fai 50 anos Lalín era unha vila de medio pelo. Coñecíase moito máis Melide, O Carballiño, Chantada ou A Estrada. Hoxe a Lalín coñécese por este feito gastronómico pero sobre todo porque hoxe brila na súa contorna”. González Alén remata facendo un chamamento á unidade ao redor dunha feira que non deixa de medrar dicindo que “fan mal os que ás veces, tratando de arrimar a ascua á política, non empuxan neste evento, porque esta feira e todo o que conleva é un labor colectivo con todo o mundo implicado. Os lalinenses sentímola sempre moi nosa”.

Compartir el artículo

stats