Como porta de entrada do Camiño de Inverno a Lalín, esta contorna rehabilitada é o primeiro que ven os peregrinos, un recinto de benvida e acollida no que poden sentarse a descansar previamente á entrada na vila. “O que atopan agora é unha entrada ó núcleo tradicional de Lalín de Arriba coherente coa súa historia. A idea do proxecto baseábase na procura dun carácter particular, propio da contorna, que semellase estar alí dende sempre ao tempo que debía percibirse como unha actuación contemporánea’”

En Galicia temos moita arquitectura de gran nivel tanto tradicional como contemporánea, pero este proxecto requiría dunha solución particular acorde ao carácter senlleiro de Lalín de Arriba. É unha sucesión de espazos distintos integrados nunha rúa que semella estar a cabalo entre o que é unha aldea galega e o que sería xa unha vila, con ese trazado no que ás veces aparecen casas diseminadas e outras veces xa aparecen ao lado do camiño e xeran esa sensación de corredor. Tiña que transmitir un carácter máis que unha imaxe; o carácter de algo que é propio de aquí.

Non era doado conxugar nun mesmo proxecto o atender ás necesidades da vida moderna e ao mesmo tempo coidar o valor patrimonial da contorna. ‘Tiñamos que dotar ao entorno de redes de servizos urbanos de última xeración, abastecemento de auga e electricidade, así como alumeado público ou redes de telecomunicacións, eliminando os tendidos aéreos na medida do posible. Fíxose tamén unha nova rede separativa de recollida de augas residuais e pluviais’. E había que integralo nunha contorna de alto interese patrimonial con cinco elementos catalogados nunha área moi pequeniña: a Igrexa de San Martiño, Casa de Moure, Casa de Marcial, o cruceiro de 1675 e o propio conxunto patrimonial de Lalín de Arriba.

O enlousado pequeno preexistente na contorna da igrexa tomouse como referencia para xerar un pavimento que destacase estes puntos singulares e a traza irregular do viario existente determinou unha xeometría angulosa na forma de liñas oblicuas ou triángulos, mesmo nas farolas. A inspiración saíu da propia historia de Lalín de Arriba. Tomouse como referencia o cenobio, o antigo mosteiro de Lalín de Arriba, xa desaparecido, no que os monxes poboaban a contorna; as luminarias pretenden lembrar a eses frades, paseando encapuchados baixo a choiva, e que agora volveron para iluminar o camiño.

O máis complicado foi a recuperación do nivel orixinal do chan do camiño, xa que sucesivas operacións de asfaltado foron subindo o nivel previo máis de 20 centímetros nalgunhas zonas. Estes traballos recuperaron unha percepción orixinal da contorna coherente e lóxica, non sobreelevada. Destaca Luis que ‘agora non percibes as portas soterradas. O exemplo máis tanxible é o cruceiro, que tiña un chanzo completo soterrado polo asfalto e agora recuperou o seu nivel.

O coidado do medio ambiente foi outra constante nestes traballos de rehabilitación. Ademais de reutilizar materiais preexistentes para pavimento e muros, a xeración de residuos foi a mínima necesaria. Todo o que se puido rehabilitar rehabilitouse, non son por cuestión ambiental senón tamén por cuestión patrimonial. E tamén se procurou unha solución para engadir algunha zona verde. Alí onde foi posible, na praza da entrada, introduciuse un arborado autóctono de ameneiros e chopos.

A participación cidadá foi fundamental para o acondicionamento desta contorna. ‘Un proxecto así require de moito tempo de preparación. Levantamentos topográficos, análise do terreo e do entorno e, especialmente, dar máis e máis voltas polo sitio e falar moito cos veciños para ver que lles interesa, cales son as súas necesidades e como recordaban a zona’ Destas conversas saíron as primeiras ideas. ‘Os veciños comezaron a contar que alí o que había eran camiños de terra e que nalgunhas zonas se facían unha especie de beirarrúas conformadas por lousiñas de pedra e as franxas empedradas laterais.

E grazas a esta relación fluída coa veciñanza conseguiuse ‘mellorar enormemente as capacidades e prestacións dos servizos e redes urbanas da contorna e ademais xerouse unha contorna agradable que lles lembra ao que existía fai cincuenta ou sesenta anos’. Porque estas obras non perdían de vista a súa grande prioridade. ‘Tiñamos moi claro que o obxectivo fundamental é fixar poboación e atender ás necesidades dos veciños, sen perder de vista o Camiño de Inverno a Santiago’.

*A Rehabilitación da área urbana de interese cultural de Lalín de Arriba’ é unha actuación enmarcada na Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21 que está cofinanciada nun 80% con fondos FEDER mediante o POCS (Plan Operativo de Crecemento Sostible) 2014-2020, actualmente integrado no POPE 2014-2020. O seu obxectivo é a recuperación dos elementos singulares do entorno, que está xusto á entrada do casco urbano do Camiño de Inverno, e a súa humanización mediante a recuperación da antiga calzada de pedra que discorría antigamente desde ese lugar en dirección ao centro do casco urbano. Así mesmo, esta actuación está destinada á rehabilitación e posta en valor do conxunto arquitectónico.