A diglosia é un termo lingüístico que define a situación de dous idiomas no mesmo territorio, no que a un deles se lle dá maior prestixio social e polo tanto se emprega en contextos máis formais ou, polo menos, distintos. É o que pasa, por exemplo, cando un galegofalante emprega o castelán para dirixirse ao médico se esté lle fala en castelán, para redactar o testamento ou, xa que falamos da morte, cando se lle escolle o castelán para a súa lápida.

Isto explica que haxa municipios galegos nos que só un de cada 1.000 epitafios estean escritos en galego, como sinalou onte Xosé González Martínez en Lalín. Este veterano membro da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística presidiu na entrada do camposanto da Romea, xunto a membros da corporación municipal e ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a descuberta dunha placa na que Lalín refrenda o seu compromiso co idioma. “Na memoria das persoas que xacen aquí, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”, pódese ler nela.

Lenda da placa que preside a entrada ao camposanto. Bernabé/Ana Agra

E non vai ser o único paso adiante de Lalín para que os defuntos sexan lembrados na lingua que empregaron en vida. O alcalde, José Crespo, sinalou que se porá en marcha unha campaña, por un tempo, para financiar o 50% daquelas lápidas que empreguen o galego. Quixo lembrar que o seu goberno dispón xa do proxecto de ampliación do cemiterio da Romea, que leva por nome Fraga do alén e que, ademais de eliminar as tuyas do valado e de remozar este peche, respectará as árbores autóctonas, contará cun auditorio para facer eventos e un pequeno parque que servirá de área de descanso para as persoas que veñen camiñando desde o casco urbano. Crespo calcula que a ampliación do camposanto, que ocupará unha superficie similar á actual, terá capacidade para os próximos 50 anos. “A ver se dentro dun ano vos podemos invitar a inaugurar este novo cemiterio, un cemiterio celta, do país”, sinalou.

Declaración de vontade individual

Para quen queira que non só a súa lápida, senón tamén no funeral ou nos ramos de flores, se empregue o idioma galego, a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística dispón dunha declaración de vontade individual, similar ás cláusulas espiritualistas que antano se empregaban nos testamentos para recomendar aos sucesores que transmitisen a lingua e a cultura. Os presentes ao acto de onte puideron xa dispoñer delas. Valentín García lembrou que o acto de onte se enmarca na campaña, En galego, agora e sempre. Esta iniciativa da Xunta loita dende fai 30 anos polo uso do idioma tamén en placas, esquelas e ritos funerarios. O político estradense quixo gabar ao Concello de Lalín “porque estades dando un exemplo dos bos. Lalín, unha vez máis, demostra que está na vangarda”.

Pechou o acto o grupo de gaiterios Repenicando, cunha interpretación de varias pezas, entre elas o Himno Galego. Ademais de varias persoas que onte visitaban a tumba dos seus seres queridos e quixeron acompañar o acto, tamén estiveron no evento membros do sector, como Delfín Taboada (do tanatorio Jeús Taboada e Hijos), ou da floristería Charo. así como os concelleiros do PP Begoña Blanco, Paz Pérez, José Cuñarro e Nardo Seijas. Por parte de Compromiso por Lalín acudiu Miguel Medela. Entre o público estaba, tamén, o pintor silledense José Antonio Fondevila.