O IES Pintor Colmeiro asiste ao novo Certame Provincial de Regueifa da Deputación

REDACCIÓN

O instituto Pintor Colmeiro, de Silleda, é o único centro de Secundaria da zona que participa no Certame Provincial de Regueifa. Esta iniciativa está organizada desde a Deputación de Pontevedra e a Asociación Oral de Galicia. En total, tomarán parte 41 institutos da provincia.

O certame inclúe obradoiros en dúas quendas. A primeira comezou o 13 deste mes e rematou onte mércores, e a segunda durará do día 25 de outubro ao 5 de novembro. A demostración final está prevista para o 19 de novembro no auditorio do centro cultural e veciñal de Valadares, en Vigo. Esta demostración estará limitada a dez centros educativos, que se clasificarán en base ao nivel do alumnado, á súa implicación e ao número de rapaces e rapazas interesados.

Os obradoiros traballan en cuestións como a capacidade de improvisación ou conceptos poéticos como a rima, o ritmo ou a métrica. Estas sesións formativas botan man da perspectiva respectuosa e igualitaria, pero tamén da ironía e do sentido do humor, ademais da tradición e a cultura oral galegas. O certame provincial de regueifa celebrouse por primeira vez en 2019. Non é a única actividade na que colaboran a Deputación e a Asociación Oral de Galicia: estas dúas entidades tamén impulsaron dous volumes teóricos sobre esta improvisación oral, como foron Repente galego e Metodoloxía da regueifa. Convén lembrar que a regueifa é unha materia que pode escollerse como optativa noutro IES dezano, o Marco do Camballón.