Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

OPINIÓN | Decisión histórica na protección do lobo, e camiño por recorrer

Un ejemplar de lobo FdV

O lobo entra no listado de especies protexidas, e a decisión é histórica. O lobo desaparece como especie cinexética e xa non queda a expensas da Lei de caza, pasa a xestionarse mediante a Lei de protección da biodiversidade.

A pesar deste fito legal, tal e como vén redactada a orde, aínda queda camiño por recorrer na súa protección, xa que o Ministerio optou por escoller unha regulación intermedia (entre a protección absoluta e mantela coma especie cinexética) que o movemento ecoloxista vemos con reparo, pois non atende á previsión inicial de lograr unha protección total da especie. Haberá que agardar a que se aprobe o documento da Estratexia de conservación da especie, que non é esixible para as especies do listado e si para as incluídas no Catálogo de Especies Ameazadas, pero que no caso do lobo hai o compromiso de aprobala, e ver como as súas previsións poden modificar as medidas que adoiten as comunidades autónomas no futuro, e comprobar que efecto terá na aplicación do punto 1 e 2 da disposición adicional primeira.

Martiño Nercellas Bernabé / Javier Lalín

Esta disposición introduce, de maneira pouco clara, a permanencia dos controis por danos. Di que se manterán as medidas de capturas existentes antes da entrada desta orde. Polo que poderanse seguir autorizando controis por danos, de cumprirse cuns determinados requisitos.O cambio é importante, mais tocará estar moi enriba dos procedementos de autorizacións destas “batidas ou controis”, xa que supoñen a última opción para cando outras medidas non teñan surtido efecto sobre a protección do gando. Toca que a administración crea e teña vontade de poñer en marcha, con rigor, seriedade e responsabilidade, normalizar nas explotacións a adopción de medidas de manexo preventivo.

Dicir que a inclusión no listado acaba coa caza comercial do lobo.No caso de Galiza xa non se autorizaba, mais a posibilidade legal, mediante a lei de caza e orde de vedas, quedaba aberta.

Un efecto a valorar moi importante é ter en conta que a inclusión de protección a nivel estatal si supón que a administracion xeral do Estado deberá achegar recursos para a posta en marcha de medidas de manexo preventivo para as explotacións gandeiras. E iso é favorable para as explotacións. A Xunta debería deixar de lado a confrotación que mantén contra a inclusión no listado e centrar os esforzos en reclamar que o Estado cumpra e destine ás explotacións xenerosamente estas axudas. Así coma implicarse decididamente na prevención e cubrir rápido e ben os danos.

“Urxen campañas de concienciación sobre que é o lobo e a súa imaxe amigable. Todo o que se leva dito en negativo é falso e en pouco axudou a buscar solucións ao eterno conflito co gando”

decoration

Un dos avances máis importantes desta protección, e que debe ter efectos positivos a curto e medio prazo, radica na loita que supón perseguir o furtivismo.Será moi importante para o traballo dos axentes de Medio Ambiente ou para o Seprona, pois agora o estatus xa non é o xenérico de especie cinexética, agora é “especie protexida”. Agora endurécense as penas por matar lobos ilegalmente, pois aplicará o artigo 334 do código penal (prisión de 6 meses a 2 anos ou multa de 8 a 24 meses). Cabe lembrar que en Galiza podían estarse matando ilegalmente uns 200 lobos por ano, entre lazos, veleno, por tiro noutras batidas...

O que vai tocar agora, e urxe, é desenvolver campañas fortes de educación ambiental e concienciación sobre que é o lobo, a súa importancia ecolóxica no medio natural, e propiciar a imaxe amigable da especie.Pois todo o que se ten dito sobre o lobo en negativo, e máis nos últimos meses (obedecendo a intereses de desgaste político) é rotundamente falso e en pouco ten axudado a buscar solucións ao eterno conflito do lobo e gando.

Por último, parabenizar o traballo realizado por ASCEL, do que os antecedentes da propia orde citan, dado que a súa iniciativa derivou coa medida onte publicada no BOE.Tivo que ser unha organización social a impulsora desta inclusión cando esta labor, á vista dos datos científicos existentes, debería ter sido promovida de oficio pola administración.

* Martiño Nercellas é vogal biodiversidade de Adega.

Compartir el artículo

stats