Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Vaise aprendendo a base de que as cousas saian mal”

O lalinense David Liñares volve gañar o concurso da III Festa do Mel de Moaña

David Liñares recolle o diploma de gañador en Moaña.

Dando proba da boa calidade do mel producido na comarca do Deza, o apicultor David Liñares volveu a colleitar o premio, ao igual que o ano pasado, no concurso de degustación da III Festa do Mel. O evento foi celebrado en Moaña e organizado pola Asociación Galega de Apicultura. Nas dúas ocasións nas que se presentou, ningún outro meleiro foi quen de arrebatarlle a distinción ao lalinense na categoría de mel escura. A gañadora é un tipo de mel de flor e de montaña que se produce na Serra do Candán, dentro da Rede Natura 2000. Alí, o alimento do que dispoñen as abellas son silvas, breixos, uces... Tamén contan con algo de castiñeiro, aínda que non moito porque se atopan na vertente que dá cara Lalín. “As flores de matorral baixo son as que lle dan un poco ese sabor distinto ao mel”, sinala Liñares.

De xeración en xeración

A paixón pola apicultura non é unha cuestión que xurdiu da nada, senón que lle chega a David dende a tradición familiar. Seu bisavó e seu avó xa tiñan algunhas colmeas na Serra do Candán, e aínda que seu pai tamén continuou coa actividade, non chegou a adicarse profesionalmente. Si o fixo David, que xa dende os 15 anos axudaba nos labores de recollida do mel. Co tempo, comezou a interesarse un pouco máis no tema ata que un ano tomou a decisión de poñer dúas colmeas. A partir de entón, o proxecto foi medrando ata converterse no que é agora.

Nun principo e dada a súa afección polas abellas, comezou coa selección e a cría de reinas, facedo enxames e núcleos que logo lle encargaban profesionais e particulares de toda Galicia e de fóra da comunidade. Aínda que dende os 25 anos David xa se dedicaba exclusivamente a apicultura, pouco a pouco foise aumentando o número de colmeas e decidiron crear a marca Mel de Liñares.

Todos os coñecementos que Liñares adquiriu baséanse en cursos e na lectura, pero, sobre todo, na práctica. “A base de que vaian saíndo as cousas mal vaise aprendendo”, sinala o lalinense, engadindo que “cando saen as cousas mal, logo vas mirando no que fallaches e vas correxindo, que é como se aprende”.

Mantendo tamén os traballos que facían antes e a produción de mel, dedícanse tamén á formación, ofrecendo cursos e asesorando á xente sobre a apicultura. Por exemplo, dende hai aproximadamente 4 anos, David colabora co Concello de Lalín ofrecendo charlas nas parroquias sobre a avespa velutina. Ultimando xa algúns cursos para o ano que ven, as sesións céntranse en axudar aos veciños e veciñas a xestionar as trampas. “É un servizo que prestamos para que a xente esté máis tranquila e entre todos poidamos facer algo máis para frear este asunto”, comenta David. A súa gran paixón, como ben di, é a apicultura en si.

Unha produción inestable por mor do clima

A chegada da pandemia non supuxo un gran inconvinte no sector, xa que a venta e o traballo mantivéronse practicamente iguais. A gran problemática para os apicultores da zona está a ser o clima, que se o ano pasado non axudou, este está a ser bastante peor. As floracións do inicio da primavera precisan dunha temperatura de entre 12 e 14 graos para colleitar néctar e ata o mes de xuño non se deron esas condicións, polo que non se puideron aproveitar. As seguintes son as do castaño, as cales as abellas colleitaron a primeira semana, segundo comentaba David, ata que a mediados de xullo comezou a chover e a facer frío de novo. Isto tamén dificultou que as abellas non volvesen á colmea polas noites e, consecuentemente, influiu no rendemento. A produción media de cada cortizo calcúlase que se atopa nos 20 kg, pero “estes anos está habendo producións de 12 ou 13 kg por colmea, ata hai zonas nas que non superan os 8 kg, que é moi pouco”, apunta Liñares. Aínda que son moitos os factores que repercuten nesta situación, como as enfermidades ou as velutinas, a climatoloxía segue a posicionarse como un dos principais inconvintes para os apicultores da zona.

Compartir el artículo

stats