O actor ferrolán Pepo Suevos será o pregoeiro da Festa Gastronómica do Galo de Curral. A cita máis importante de Vila de Cruces chega á súa 27ª edición os vindeiros 4 e 5 de setembro.

O sábado, día 4 (ás 21.30 horas), o programa arranca cun espectáculo musical da Unión Musical de Ponteledesma, na que a banda contará con invitados especiais para conmemorar o 60 aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego. Esta obra do cruceño Xosé Neira Vilas é a galega máis traducida a outros idiomas. O pase da UMPL leva por título Balbino, 60 anos de homenaxe a Galicia.

Xa no día grande do Galo de Curral, o domingo 5, os actos comezan ás 11.00 horas con pasacalle a cargo dos grupos folclóricos locales O Arco de Merza e Vai-Nela. Sobre as 12.00 horas está programado o concerto do grupo Broken Peach. Esta formación inclúe no seu repertorio desde temas soul a gospel ou rock e dará paso ao citado pregón de Pepo Suevos, ás 13.00 horas.

Tralas palabras de Suevos, terá lugar unha actuación de Lys Pardo, filla do mitico Juan Pardo e a quen, precisamente, tamén lle renderá unha homenaxe musical. Para rematar a xornada e igual que en edicións anteriores, a partir das 17.00 horas comeza o XXVII Festival de Bandas de Galicia. Nesta edición participará a formación cruceña Artística de Merza, así como a Banda de Música Municipal de Campo Lameiro e a Banda de Música Municipal de Padrón.

Web para mercar producto

O Galo de Curral de Cruces conta con dúas citas grastronómicas: esta de setembro (que antes da irrupción do coronavirus tiña lugar sempre o último domingo de maio) e a Feira de Nadal, que se celebra o 22 de decembro. Na de primavera-verán, os restaurantes de Cruces adoitan encherse de comensais para degustar as distintas recetas a base de galo, pero na cita de inverno o que se venden son polos vivos ou xa sacrificados e pelados, para comer en familia durante as festas navideñas. Co estoupido do COVID o ano pasado xa non tivo lugar a Festa Gastronómica, de maneira que ao longo do ano púxose en marcha un sitio web, www.galodecurral.com, a través do que poden mercarse pezas enteiras ou por metades, así como producto fresco ou cociñado. O salto á venta online foi unha iniciativa da Asociación de Criadores Galo de Curral de Vila de Cruces.