Hai pouco máis dunha semana que o Monte do Carrio está a acoller unha escavación nunha das súas zonas. A Comunidade de Montes de Bermés en colaboración coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e coa cooperativa Árbore e Arqueoloxía está a levar a cabo un proxecto co obxectivo de poñer en valor o patrimonio cultural do monte, neste caso centrándose na capela do Carrio.

A iniciativa parte en boa medida da tradición oral. Os veciños e veciñas da zona destacaban a existencia dunha capela tempo atrás, pero non coñecían o lugar exacto da súa ubicación. A partir de entón, os servizos de arqueoloxía e demais áreas relacionadas puideron localizala e agora están traballando na súa recuperación. “Neste caso en concreto, case ten máis mérito que a capela continúe existindo na tradición oral e na memoria viva de hoxe en día que a propia escavación e os restos atopados”, sinalaba Elena Taboada, arqueóloga de Árbore e Arqueoloxía e unha das principais responsables do proxecto.

Os vestixios achados indican que a construción data do século XV, aínda que está pendente de estudo. O recente descubrimento que fixo o grupo de escavación, composto polo equipo da cooperativa Árbore e Arqueoloxía así como por profesorado e alumnado da Escola Superior de Conservación e Restauración, foi un antigo acceso á capela, unha entrada lateral que nalgún momento decidiron pechar e construíron un tramo de muro para tapala. Os restos correspóndense coa parte máis baixa da capela porque o resto se foi derrubando seguindo o proceso de destrución natural de calquera edifico e, seguramente, tamén por saqueo. O espazo interior está moi ben definido por un nivel de pavimento de terra e no exterior tamén existe outro pavimento, pensado para camiñar e feito con materiais que permiten crear unha superficie sobre a que pisar, como o xabre ou restos de tella.

Unha integrante do equipo durante o proceso de escavación da capela. Bernabé/Ana Agra

A pesar da pouca altura dos muros, os restos están moi superficiais e bastante ben conservados, o que permite unha maior recollida de información. Os datos que están a extraer da escavación compleméntanse coas historias achegadas pola veciñanza e os visitantes. A vocación que tiña a capela era o Santo Adrao e algunas lendas mesmo a relacionan co Santuario de O Corpiño. Fálase de que a orixe do santuario está no Carrio pola súa relación co Santo Adrián, e quizais a procedencia medieval dese Santo Adrao estea alí.

As accións levadas a cabo no monte do Carrio proveñen de tempo atrás. Nos anos 2016 e 2017, a Escola descubriu que había un patrimonio inmenso que, na avaliación de impacto que se fixo para a construción do parque eólico, non se detectou axeitadamente. O monte estaba mal catalogado e só había un petróglifo. Na actualidade, coñécense un total de 6, un castelo medieval catalogado e outro por demostrar. Tamén se está a estudar a zona do Outeiro de Rei. “É un xacemento histórico moi complexo de identificar e catalogar”, sinalaba Álvaro Arizaga, profesor da Escola Superior de Conservación e Restauración. Tempo atrás, a xeira do Deza –excursións científicas nas que se investigaban diversos aspectos do territorio impulsadas pola Xeración Nós– traballou na catalogación arqueolóxica da zona. Coa chegada da Guerra Civil, a imprenta de Ánxel Casal foi queimada e él asasinado, polo que todo ese estudo, que se atopaba alí para a súa publicación en libro, desapareceu. De aí a razón de que, naquel momento, moitos asuntos no Concello de Lalín quedasen sen catalogar.

De non ser pola vontade da veciñanza e a comunidade de montes, pode que non chegase a ubicarse e descubrirse a capela. “Se isto non se fai agora e pasan 15 ou 20 anos, podería perderse; agora os tempos corren moi rapidamente e non todo o mundo a recordaba”, apuntaba Cristóbal Fernández Vázquez, presidente da Xunta Reitora da Comunidade de Montes de Bermés. Coa implantación de eólicos, especies como o eucalipto e demais, a principal preocupación da comunidade era que se extraviase o patrimonio cultural. Precisamente Elena comentaba a agresividade das raíces dos eucaliptos e a súa predisposición a dar lugar a incendios, cuestións que poden danar gravados ou outro tipo de bens culturais. Ao final, o patrimonio cultural vai da man do patrimonio natural e do territorio.

Nestes momentos, o equipo de escavación está levando a cabo a fase de consolidación, que rematará nuns días. Unha vez acabe, farase unha visita guiada para os veciños e veciñas e mostraranse os resultados preliminares. O xacemento cubrirase cunha capa de protección e outra de terra para axudar a súa conservación e facela máis interpretable á vista. Ademais, en caso de que se queira poñer en marcha unha restauración máis ambiciosa ao terminar estes primeiros procesos, empregarase material orixinal que se recuperou durante a exploración, mantendo a harmonía cos demais restos.