Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tonhito de Poi | Cofundador de Heredeiros da Crus

“Gustaríame poder cavar a miña tumba coa guitarra coma se fora unha pala”

“Queda un pouco ridículo dicilo, pero cada ano que pasa Heredeiros soamos mellor”

Tonhito de Poi, nunha actuación do ano pasado. | // ÁLVARO S. BARREIRO

Antón Axeitos Ares, máis coñecido como Tonhito de Poi, nado en Castiñeiras (Ribeira) no 1969, é un artista polifacético que o venres estará cos Heredeios da Crus en Rodeiro. Despois da pandemia, a banda reinventa os seus temas en estilo acústico para unha xira pertencente á programación do Musigal.

–Como vai esa “Xira angústica”?

–Xenial. Estamos flipando moito porque se fai nun formato que nos apetecía realmente e chega nun momento moi delicado. Levamos trinta anos tocando e pensabamos en facelo en teatros e sitios así pero nunca fixemos ningún acústico. Vimos a oportunidade porque a xente ten que estar sentada e tal, entón para nós foi perfecto.

–Heredeiros da Crus son tamén uns damnificados do COVID?

–Nós, ao ser un grupo con tanta convocatoria de xente pois anuláronse completamente tódolos concertos que tiñamos preparados. Foi un golpe duro porque íamos presentar o disco este último que sacamos e tiñamos unha xira bastante potente. Apetecíanos moito estar en sitios como a Romería Vikinga de Catoira ou a Festa do Marisco do Grove e foi duro. Hai que tirar para diante, está claro.

–É certo que en Rodeiro presentan unha mostra completa dos grandes éxitos mellorados?

–É verdade. O que pasa é que queda un pouco ridículo dito por nós, pero é que tocamos mellor que nunca. Cada ano soamos mellor e en acústico pois conseguimos exprimir os grandes clásicos moito máis, creando unha nova visión. A ver, nós estamos moi contentos, sinceramente a nivel musical. Ao principio sempre tés unha enerxía moito máis salvaxe e agora damos unha versión que dentro salvaximo vai un pouco máis refinada.

–Cal é o segredo para levar 30 anos de boa relación na banda?

–O segredo é que cada un ten a súa propia banda tamén para que poda desafogar e curiosamente o que funcionou dende o primeiro momento en Heredeiros da Crus foi o compromiso absoluto entre todos nós. Os primeiros anos eramos incondicionais e despois pouco a pouco tés que ir afloxando un pouco porque tés experiencias vitais importantes. No meu caso, que viaxei a serra amazónica, pois tiña de expresarme a ese nivel e máis persoal. A Javi, o cantante, tamén lle pasou algo parecido. Esa marxe que nos damos é o que bombea o grupo. Se te fixas as grandes bandas lonxevas todas teñen proxectos en solitario que fan posible que sigan perdurando no tempo a base de retroalimentarse.

–Gustaríalle facer como Jagger e Richards e tocar ata os 80 anos?

–Quen me dera, vamos. Eu firmaba xa. Sen ser pedante eu véxome así. Eu agora mesmo non me imaxino ter que deixar de tocar nunca. A min que me enterren co a guitarra. Eu mesmo cavaría a miña tumba coa guitarra coma se fora unha pala. Ese é o meu rollo, vamos.

–Rematará algún día o da pandemia e voltaremos ver aos Heredeiros da Crus facendo das súas enriba dunhas táboas coa xente a monte diante do escenario?

–Eu penso que son épocas. Todo pasa e trátase dunha consecuencia da actitude do ser humano ante esta vida que levamos. Eu tampouco son unha persoa que se coma demasiado o coco pero teño a esperanza de que algún día se poida volver xuntarse e facer esos tremendos concertos con todos diante.

–Ese día pode ser o fin do mundo ou algo semellante, non?

–Claro (risas). É como cando ceibas un can que leva tempo amarrado. Ese concerto pode ser como cando fixemos o regreso do 2012 que parecía un volcán en erupción. Pode ser brutal. Hai que estar preparados para cando chegue. De feito, estamos adestrando fortemente para ese día.

–Supoño que en Rodeiro, aínda que en acústico, poderase ver algo desa enerxía de Heredeiros.

–Malia o que a xente poida pensar, por ser un formato acústico, estamos tan entregados a el que podemos asegurar que ten alma, mais tamén ten moito lume. Viñamos dun espectáculo con moita caña, onde a enerxía está arriba e, malia que nos esforcemos moito para non cometer ningún erro, sempre se pode escapar algún acorde e o contexto fai que non se note moito. Neste formato acústico, a xente estará sentada e prestando moitísima máis atención ao que tocamos e cantando, por iso levamos varios meses traballando arreo nisto.

–Que tal a colaboración de Heredeiros con Manu Conde?

–É un portento que nos axudou a conseguir ese aire distinto ás cancións e melloralas moito.

Compartir el artículo

stats