Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Herba mala nunca morre

Os peóns pasean con dificultade pola vía que conecta A Estrada con Pontevedra. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

A natureza cobra vida. Quere recuperar todos aqueles espazos que quedaron afogados baixo unha espesa capa de asfalto. Quere volver invadir o que un día foi seu. É capaz de traspasar varandas, de pegar o seu corpo ás baldosas e de nacer dos pequenos recunchos de osíxeno que deixa o alcatrán. O que parece ser unha reconquista do seu espazo, xera unha estampa desagradable para veciños da Estrada, que nos últimos días emitiron varias queixas sobre o estado no que se atopan algunhas das beirarrúas máis afastadas do centro urbano. A maleza invade os espazos peonís, dificultando o paso dos transeúntes e complicando os paseos. A vexetación, que se atopa completamente desbocada, é capaz de engulir sinais e deixar un anaco reducido –e na meirante parte das veces insuficiente– para que o peón non teña que invadir as estradas. Un deses sitios perigosos onde os coches, co ruxido do motor, deixan claro que eles son os protagonistas.

As beirarrúas das Colonias tamén están invadidas pola maleza. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

As dúas zonas máis afectadas pola maleza tamén se converten nos extremos do centro urbano. Un deles é a zona das Colonias, incluída boa parte da Avenida Benito Vigo. As silvas apropiáronse da calzada e o espazo para pasar é case nulo. A non ser que asumas o risco de que a caricia dunha silva se converta en cicatriz. De todas formas, os transeúntes non son os únicos damnificados. Os sinais de velocidade, así como os letreiros identificativos, están completamente engulidos pola maleza. Herbas altas, inofensivas, que medran máis alá do establecido, talvez alentadas polas temperaturas cálidas e as choivas incesantes deste verán atípico. Independentemente do motivo, que dúbida cabe. A maleza é capaz de facer desaparecer calquera rastro humano.

Un espazo moi reducido para os peóns. Bernabé/Javier Lalín

Outro dos espazos máis invadidos pola maleza, con tramos que se converten en impracticables, é a popularmente coñecida como ruta do colesterol. É dicir, todas as beirarrúas que acompañan o vial que une A Estrada con Pontevedra. Esta zona, que acostuma ser un espazo moi frecuentado por camiñantes afeccionados, convértese nun lugar inhóspito e desagradable. Algúns dos seus usuarios pediron que se tomasen medidas ao respecto. Que se acabe coa maleza que invade os espazos peonís. E, sobre todo, que un paseo non se converta nunha carreira de obstáculos.

Os sinais tapados pola maleza. Bernabé/Javier Lalín

A outra queixa, talvez menos evidente, é o feísmo. A imaxe de desleixo, de desidia, de desinterese. Son espazos que parecen abandonados, menos importantes e, dende logo, menos prioritarios. Forman parte das aforas, non do centro. Non destacan pola súa fermosura nin polo seu atractivo turístico. Tan só son beirarrúas que acompañan unha estrada nacional. Espazos pouco visibles e afastados. Mais iso soa a excusa. Como se detrás da xustificación non houbese un só argumento de peso.

As queixas veciñais son importantes. A imaxe dunha vila é importante. A maleza que cobre as beirarrúas, tamén é importante. Parece, entón, que detrás desta situación se esconde un único argumento. Pode que o único motivo polo que A Estrada está chea dunha vexetación desbocada non sexa outro que ese vello refrán popular das avoas: herba mala nunca morre.

Compartir el artículo

stats