Un colexio coas portas abertas

O CEIP de Merza loce nunha das súas fachadas un mural sobre a integración

Un grupo de alumnas observa a evolución do mural do colexio.

Un grupo de alumnas observa a evolución do mural do colexio. / Salomé Soutelon

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Dende esta semana, a fachada do CEIP de Merza que dá acceso á rúa mudará para sempre a súa cor branca por un mural feito a medias entre a empresa ourensá Atípico e o alumnado do centro. O mural quere ser unha metáfora do centro educativo cruceño como un lugar integrador, que impulsa a coeducación e no que cada día aprender se converte nunha aventura.

O mural do centro educativo lucirá nenos de varias nacionalidades: unha deles está mirando pola fiestra, outro le sentado na póla dunha árbore...O deseño foi consensuado entre os docentes do centro educativo e a empresa, mentres que os e as estudantes, 11 en total, axudarán durante a mañá deste xoves nas pinceladas finais da pintura.. Xa durante estes días aproveitaban o recreo para supervisar o avance dos traballos e contemplar, admirados, como ían tomando forma as figuras.

Colaboración de empresas

Tamén colaboraron o Concello e dúas empresas vinculadas ao alumnado do centro,Arlit e O Refuxio de Merza. O centro carece de ANPA (a renovación tiña que terse feito neste curso, pero non foi posible debido á pandemia sanitaria). Así que o centro, con só 11 estudantes, tivo que buscar colaboración económica para materizalizar este mural, ao non contar con ningunha subvención. E dende a veciñanza de Merza, tamén se botou man noutras cuestións como a dotación de andamios para todas as tarefas de pintado.

O CEIP de Merza súmase así á listaxe de centros educativos con murais nas súas fachadas, como o CEIP Enrique Vilariño, de Cambados ou varias escolas da cidade viguesa, por non falar dos muros de Lalín que, verán tras verán, recollen creacións dos nenos e nenas que participan nos campementos urbanos..A corrente artística de cambiar paredes brancas ou deterioradas por pinturas de grandes dimensións xa leva tempo instalada nas rúas, cos famosos murais das superavoas que realiza o artista Yoseba Murazábal en distintas localidades galegas, a iniciativa “Derrubando muros con pintura” en Carballo ou o mural de homenaxe no concello ourensán de Amoeiro, que lembra ao seu alcalde republicano Cástor Sánchez, asasinado no ano 1936.

Sen solicitude de novas matrículas

Polo momento, o CEIP de Merza non recibiu solicitudes de novas matrículas para o curso que vén. Pero tampouco hai noticias sobre un posible peche do centro pola escasez de alumnado. Os seus 11 estudantes traballan nunha única unidade, e o feito de teren unhas instalacións para bastantes máis. (o colexio abriu en 1981, con oito unidades) permítelles certos luxos na actual situación sanitaria. Por exemplo, cambiar de aula ao cambiar de materia, ou dispoñer cada neno ou nena do seu propio balón de baloncesto, da súa corda para xogar á comba ou da súa raqueta de bádminton. Contan, tamén, cun laboratorio e cunha sala de pretecnoloxía. A única carencia que pode ter este centro, e que seguramente lle reste matrículas, é a falta do servizo de comedor.

Suscríbete para seguir leyendo