Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

In memoriam // Elías Miranda

Un veciño de Soutolongo ao 100%

Non podo atopar outra mellor forma de reducir a unha frase mínima o que foi e representou na parroquia de Soutolongo un dos veciños que mellor se puido sintonizar con ela. Naceu en Soutolongo, viviu en Soutolongo e morreu en Soutolongo, pero deixou detrás de si, para recordo de xeracións presentes e futuras, un traballo inmenso en favor da súa querida parroquia, un traballo que todos os que temos relación con ela (parroquia) agradecemos, inmensamente, de todo corazón.

Non son capaz de recordar todo o que loitou e fixo por Soutolongo, pero, a modo de síntese, podo dicir todo isto:

-Colaborou, desde a súa xuventude, para que fora unha parroquia unida e polo ben común de todos.

-Nunca escatimou esforzos, nin traballos, nin desvelos para favorecer aos veciños.

-Alá por 1972, 73... foi porteiro do equipo de fútbol que fixemos na parroquia e, grazas a el, puido manterse vivo durante varios anos, incluso participar nunha liguiña organizada, a nivel municipal, polo Servizo de Extensión Agraria de Lalín.

-Participou en todas as charlas, conferencias e actividades culturais e formativas que houbo e sempre fixo o posible para tiveran lugar na mesma, colaborando desde a primeira liña e en primeira liña.

-Defendeu os intereses de Soutolongo ante múltiples organismos: pedindo axudas ao Concello ou á Deputación, cando era preciso reparar a igrexa ou mellorar as instalacións do teleclube, loitou decididamente pola propiedade territorial da parroquia, defendeu os intereses patrimoniais comúns, apoiou todas as iniciativas que significaban melloras sociais, etc.

-Os seus traballos e contribucións económicas foron a peza clave na flamante restauración da Capela de San Caetano (Ludeiro), creando unha singular festa de carácter anual (comezos de agosto), que sempre foi unha das que máis axudou a que os veciños tiveran conciencia colectiva do que eran.

-Colaborou en todas as festas e incluso sobrepasou esa concienciación, nalgunhas ocasións, costeando do seu peto os gastos habidos e dándolle máis dunha sorpresa á parroquia (“ninguén contaba coa festa”).

-Sempre estivo informado e informou de todo canto tiña relación e era de interese para Soutolongo.

-Promoveu e participou na organización de excursións e viaxes a Asturias, Lugo, Portugal, etc.

-Fixo o posible para que se adiantara a modernización da parroquia pensando de forma altruísta no ben de todos.

En fin, podemos dicir moitas cousas de Elías Miranda e sempre nos quedaremos curtos, porque de 365 días que ten o ano, estou seguro de que en 350 sempre pensou en Soutolongo e iso multiplicado por todos os anos da súa vida, dá uns resultados alucinantes, de récord absoluto.

Grazas, de todo corazón! Polo que fixeches pola nosa parroquia durante a túa existencia, todo iso seguirá vivo por moito tempo.

Na túa honra e na túa memoria.

*Veciño de Soutolongo

Compartir el artículo

stats